El Correo Gallego

Noticia 4 de 83 noticia anterior de Descubra el fin de la tierra Área de Compostela » Descubra el fin de la tierra

DESCUBRE EL FIN DEL MUNDO

Concursos, cocidos e doces de Entroido en Malpica e Vimianzo

Na capital de Soneira repartirán 2.385 euros en premios // Mikaela, Farruco e Faustino voltarán ás ruas

Concurso de comparsas do ano pasado en Vimianzo. - FOTO: J. M. Ramos
Concurso de comparsas do ano pasado en Vimianzo. - FOTO: J. M. Ramos

J. M. R.  | 17.02.2017 
A- A+

En Malpica e Vimianzo xa está todo listo para desfrutar dun intenso Entroido’17. Nas terras malpicanas as celebracións comezan mañá cun cocido organizado pola A. C. Raigañas no restaurante O Esqueiro (Cerqueda). Os días 20 e 21 no Centro Cívico impartirase un obradoiro de piñatas, e o día 24, os alumnos do CEIP Milladoiro participarán nun pasarrúas. Pola noite oito pubs da capital municipal organizarán un concurso de disfraces, con cestas de lacóns e chourizos para os mellores.
O sábado de Entroido, día 25, haberá festas infantís de disfraces en Seaia y Leiloio, e un novo concurso nos pubs. O domingo, día 26, celebrarase un desfile infantil e o concurso de comparsas. A xornada estará amenizada pola charanga Mekanica, e cun baile social de máscaras de maiores animado polo dúo Élite. Nos pubs servirán doces de Entroido.
As festas e concursos continuarán o luns, día 27, en Buño, e o Martes de Entroido, día no que haberá tamén un Concurso Gastronómico de Doces no pavillón de Malpica. O sábado de piñata, día 4 de marzo, A Mikaela percorrerá as rúas de Buño, e o domingo, día 5, sairán os Madamitos e Ghuardineros por Cerqueda. A xornada pecharase cos enterros do Farruco en Seaia e do Faustino na capital malpicana.
Pola súa banda, en Vimianzo, o día grande será o sábado día 25, cando se celebrará o concurso de disfraces, no que o Concello repartirá 2.385 euros en premios entre as mellores comparsas, grupos, e disfraces individuais e por parella. Os interesados en participar poden presentar as solicitudes no concello ata o día 23.
O luns, día 27, estará adicado á gastronomía máis doce. Os chefs Raúl Gómez e a ceense Ana Oca impartirán un obradoiro de repostería para nenos e nenas maiores de 5 anos. A cita é na casa de cultura, e é precisa a inscrición previa. O prazo para apuntarse rematará o xoves, día 23.
O Entroido en terras vimiancesas despedirase o día 4 de marzo co gran concurso de Baíñas, no que se repartirán 2.025 euros en premios. Ao igual que no de Vimianzo, a mellor comparsa levará 300€, a segunda 250 e a terceira 200. As que non resulten premiadas polo xurado, ata un máximo de catro, terán dereito a unha axuda de 100 euros.

ACTIVIDADES

A Laracha A psicóloga Marisa Pendas imparte hoxe unha charla baixo o lema ‘Que facer cando ao noso fillo lle pasa algo?’, organizada por Aloumiños. A cita é ás 19.00 horas na casa de cultura.

Carballo A Biblioteca Rego da Balsa acolle hoxe, ás 19.00 horas, un faladoiro sobre as familias numerosas organizado por Agafan. Despois, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, Teatro de Ningures representará a obra ‘Unhas poucas picadelas’.
Cee O Centro Social mantén aberto o prazo para apuntarse á excursión a Lalín programada para o día 5 de marzo.
Mazaricos Na localidade preparan a XIX Festa do Bolo do Pote, que se celebrará os días 4 e 5 de marzo. Este ano, os hostaleiros sortearán xantares para dúas persoas.
Vimianzo Mañá, ás 21.00 horas, Contraproduccións SL presentará a obra ‘O tolleito de Inishmaan’. O custe da entrada é de 5 euros, prezo que se reduce a 2,5 € para estudiantes e maiores de 65.