El Correo Gallego

Noticia 33 de 83 noticia anterior de Descubra el fin de la tierra Área de Compostela » Descubra el fin de la tierra

A Festa da Pataca de Coristanco cumpre os 35 anos de vida

A celebración gastronómica é un dos principais recursos turísticos deste Concello bergantiñán

Cada ano, os establecementos ofrecen pinchos con patacas.  - FOTO: C. G.
Cada ano, os establecementos ofrecen pinchos con patacas. - FOTO: C. G.

JESÚS TRILLO  | 09.01.2015 
A- A+

Coristanco é o único municipio da comarca de Bergantiños que non ten mar, pero os ríos que o atravesan conforman paraxes naturais tan espectaculares coma o refuxio de Verdes, que no verán está tan concorrido coma calquera praia, ou a Lagoa de Alcaián, que posiblemente foi un dos primeiros asentamentos humanos de Galicia e que hoxe é un ecosistema deteriorado debido á explotación de titanio que se levou a cabo o século pasado na Braña Rubia. A abundancia de cursos fluviais tamén converte o territorio coristanqués nun auténtico verxel, cun puxante sector primario que ten a produción de pataca como principal referente.

Coristanco é un dos cinco concellos de Bergantiños incluídos na IXP Pataca de Galicia, pero en ningún outro o proceso de produción e comercialización acada tanta importancia. E non se trata só dunha relevancia económica, senón tamén social. No ano 1980, por iniciativa da desaparecida Cooperativa da Pataca de Bergantiños (Copaber), celebrouse por primeira vez a Festa da Pataca de Coristanco. Foi a primeira celebración da comarca e unha das pioneiras en Galicia, e aínda hoxe, a piques de cumprir 35 anos, segue atraendo a milleiros de persoas e constitúe un dos principais recursos turísticos do municipio.

O éxito da Festa da Pataca de Coristanco, que se celebra o terceiro domingo de setembro, coincidindo coa colleita, radica na combinación perfecta entre gastronomía, cultura e ocio. Na edición do 2014 levouse a cabo por primeira vez unha ruta de pinchos que implicou a toda a hostalería local, e que dende a Concellería de Cultura pretende estenderse este ano a todo o municipio. Raro é o ano no que non se introduce unha actividade nova no programa, de maneira que o que empezou sendo unha xuntanza gastronómica con aires de romaría é hoxe unha intensa festa que se celebra dende a mañá ata a noite, con multitude de concursos, actuacións, premios e xogos, e todos coa pataca coma protagonista. Pero, sen dúbida, o prato forte é o concurso de tractores engalanados, no que os labregos do municipio poñen a proba cada ano a súa creatividade e a súa maña para construír as figuras máis orixinais.

 

RECURSOS

. Pero ademais desta celebración gastronómica, o concello coristanqués ofrece outros recursos turísticos. Os seus recunchos paisaxísticos, ríos e natureza son unha invitación fantástica para aproveitar o tempo de lecer ou para a práctica de deportes tradicionais como a caza e a pesca ou outras modalidades relacionadas co medio ambiente.

Unha visita obrigada é o Refuxio de Verdes, ese pequeno paraíso para desconectar das tarefas cotiáns.

ACTIVIDADES

A LARACHA.  O Concello larachés comeza estes días os novos cursos do programa municipal de actividades de inverno. Os ciclos formativos versarán sobre tecido, bixutería, tiro con arco e bailes latinos.
CARBALLO. O Concello levou a cabo o sorteo das 18 prazas para participar na campaña de esquí deste ano, promovida pola Deputación Provincial. A actividade desenvolverase entre os días seis e oito do vindeiro mes de marzo.
CEE. No día de onte, a Escola Municipal de Música impartíu xa as clases ao alumnado nas súas novas dependencias, a Casa de Cultura, ubicada na zona do Recheo.
CORISTANCO. Os amantes da natureza teñen neste concello  a zona de Verdes, unha paraxe sen par para o desfrute e o esparcemento.
DUMBRÍA. O Concello dumbriés continúa co seu programa de actividades culturais para nenos e maiores. Entre as modalidades están o piragüismo, voleibol, cicilismo, informática, inglés, teatro, apoyo escolar, entre otras modalidades.
 MUXÍA. A Galería de Mulleres, que promove a biblioteca municipal, elixíu muller deste mes á escritora inglesa Mary Wollstonecraft, impulsora do feminismo moderno.

jtrillo@elcorreogallego.es