El Correo Gallego

Noticia 35 de 83 noticia anterior de Descubra el fin de la tierra Área de Compostela » Descubra el fin de la tierra

Teatro, panxoliñas, maxia e cabalgatas no Nadal de Carballo

Unha das citas máis agardadas son, sen dúbida, os espectáculos de ‘Pequespectacular’

As luces de Nadal dan vida un ano máis á localidade carballesa.
As luces de Nadal dan vida un ano máis á localidade carballesa.

JESÚS TRILLO  | 19.12.2014 
A- A+

Carballo é un máis dos concellos da Costa da Morte que celebra estas datas de Nadal por todo o alto, e cun programa de actividades para todos os públicos, aínda que centrado especialmente nos nenos. Dentro da programación, unha das citas máis esperadas é o Nadal Pequespectacular,que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que inclúe catro propostas nas que atopar teatro, música, monicreques e maxia. A primeira delas é o venres 25 de decembro con Sarabela Teatro e O último dragón para cativos a partir de 5 anos; a segunda, o sábado 27 coa música de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac que presentan o espectáculo Toc, toc; o luns 29 é a quenda do ilusionista Pedro Volta que trae a maxia ao Nadal con Ilusionante para maiores de 5 anos; e as citas pechan o martes 30 de decembro cos monicreques de La Tartana e El guardián de los cuentos, para nenos a partir de 4 anos. O prezo para todos os espectáculos é de 3€, ou de 2€ en caso de desconto.

Dentro das actividades musicais, tamén hai que mencionar as Noitiñas de Nadal no adro da igrexa coa colaboración da Asociación Cultural e Xuvenil Arume de Berdillo, o domingo, 28 de decembro, ou varios recitais de panxoliñas organizados por distintas asociacións.

A Ludoteca Municipal amplía de novo a súa programación con motivo do Nadal, neste caso con tres citas concretas. O luns, 22 cun obradoiro de Árbore xenealóxica de Nadal a partir das 17.30, con entrada de balde para os nenos ; o martes 23 coa visita do Apalpador ás 18.00 horas; e o 30 de decembro coa tradicional chocolatada, a partir das 19.00 horas.

A incorporación ao programa da Biblioteca Rego da Balsa suma novas citas. Unha delas será hoxe, cunha Masterclass de comunicación sobre o Século XXI; prensa dixital e Youtube, para maiores de 14 anos. Por último, o sábado 27 é a quenda dun Obradoiro de postais de Nadal dende o móbil dirixido aos nenos e nenas e ás súas familias.

No Nadal Cultural nunca faltan as Cabalgatas de Reis, que percorrerán tanto o casco urbano como as parroquias de Carballo. Este ano serán doce as comitivas que percorrerán todo o municipio durante os días 4, 5 e 6 de xaneiro. As Cabalgatas das parroquias están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar para a coa axuda da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Gadis Hiper, de La Caixa, que achega os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e as infraestruturas complementarias para a carpa que se instala para a recepción dos Reis Magos.

ACTOS DEL NADAL

A LARACHA. O Concello  larachés organiza para hoxe un festival de teatro infantil dirixido ós alumnos dos centros educativos. Será, en horario escolar, na Casa de Cultura. Comeza  hoxe a decoración dos escaparates dos centros comerciais.
CARBALLO. A capital de Bergantiños vive tamén o Nadal con distintas actividades e a animación do alumeado destas datas.
CEE. Dentro da programación municipal ceense, mañá a compañía Teatro do Andamio ofrecerá a obra ‘Carapuchiña no falado’. O domingo,  Produccións Dispersas interpretará ‘Na procura da canción perdida’.
CORISTANCO. O vindeiro domingo, ás 18.00 h, celebrarase o tradicional concerto de Nadal, coa participación de dúas agrupacións musicais.
DUMBRÍA.  Os veciños dumbrieses poden desfrutar tamén nestas datas das distintas actividades organizadas polo Concello, que concluirán coa popular Cabalagata de Reis.
 MUXÍA. O Salón  do Voluntariado acollerá hoxe, a partir das 18.30 h, a actuación  de de Magin Blanco, que porá en escea ’Cantigas da estrela’. Mañá haberá contacontos teatrais cos ratos de biblioteca de Trinke Trinke.