El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Agasallos para o pai e un apoio ás persoas con diversidade

Os colectivos Íntegro e Aspadex ofrecen un amplo abano de ideas para o día 19 de marzo

J. M.   | 14.03.2018 
A- A+

Cee. Achégase o Día do Pai e, un ano máis, as asociacións Íntegro e Aspadex convidan a todos a mercar agasallos solidarios que, ademais de agradar aos pais, serán un gran apoio para as persoas con diversidade funcional.

Aspadex, que ten a súa sede en Cee, ofrece dez ideas e outros tantos produtos para agasallar o 19 de marzo a pais, e tamén aos que se chamen José e Josefa. Libretas persoalizadas, marcapáxinas de coiro nos que se pode gravar un nome o unha dedicatoria especial, pulseiras, colgantes, billeteiros-moedeiros de diferentes deseños, bolsas de Xudas, fundas de móbil, cinturóns, chaveiros e marcos son as súas propostas para facer un agasallo solidario por menos de 20 euros. Os interesados poden mercalos directamente na súa tenda online (https://masqueunregalo.org), chamando ao 608 263580 ou a través do correo contacto@masqueunregalo.org.

Pola súa banda, Íntegro, con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), ofrecen tamén un amplo surtido de detalles persoalizados, de deseños únicos e orixinais, elaborados tamén de xeito artesanal polos usuarios do seu centro ocupacional. Xabóns de glicerina de distintas formas e cores, pulseiras a medida e chaveiros con mensaxe son algunhas das súas propostas. Os interesados só teñen que chamar ao 981 734985.