El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O alumnado do IES Brión logra o terceiro posto no concurso Wisibilízalas

Está convocado pola Universitat Pompeu Fabra // Luz Ramos, profesora de Tecnoloxía, recolleu o galardón en Barcelona

A profesora Luz Ramos - FOTO: Nós Comunicación
A profesora Luz Ramos - FOTO: Nós Comunicación

BRIÓN. NÓS COMUNICACIÓN  | 14.02.2017 
A- A+

O equipo “Brión 2” do IES de Brión logrou o terceiro posto no concurso “Wisibilízalas”, un certame organizado pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona entre todos os colexios e institutos de España para dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía. A profesora de Tecnoloxía do IES de Brión, Luz Ramos López, foi a encargada de recoller o premio en Barcelona, nun acto celebrado este sábado coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Este galardón foi outorgado a un grupo formado por alumnado de 1º de Bacharelato (de TIC) e 4º de ESO (Educación Plástica, Visual e Audiovisual) en recoñecemento á calidade da páxina web "Mulleres TIC" (http://espazoweb.com/mullerestic/), na que describen a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballan no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación como Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.

O equipo gañador do certame estaba composto polos alumnos e alumnas: Carmen Alonso Lameiro, Pablo Bouzas Casal, Alejandro Dosil Souto, Carla Fernández Montero, Carmen González Pazos, Xosé Lois Piñeira, Martiño Lorenzo García, Karen Manukyan, Patricia Sánchez Petruk e Carmen Trigo Cobas. Dende o IES de Brión salientan que, detrás deste traballo e debido ás dinámicas de aula (que favorecen que o alumnado colabore e comparta materiais) hai un grupo máis nutrido de alumnado que merece este recoñecemento como: José David Aldana Sierra, Antón Carcedo Martínez, Hugo Fiz González Pérez, Ricardo Horta Cadenas, Brais Liñares Gesto, Alberte Xosé López Freire, Carmen Mª Martínez Santos, Irene Nimo Ares, Martín Soto García e Manuel Vázquez Dosil.

O primeiro premio do certame foi para o IES Gorgs, de Cerdanyola del Vallés (Barcelona) por “Wisiborgs”, mentres que o segundo posto recaeu en “MaristasAlicante2”, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alicante).