El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

‘Atesourando a palabra’ na memoria de Paco Souto

A Deputación da Coruña organiza a primeira homenaxe nacional ao percebeiro e poeta de Malpica // O Teatro Colón xuntará o día 11 de novembro a 16 artistas // Poesía, música e plástica dialogarán ao redor da súa figura texto José M. Ramos

O percebeiro e poeta Paco Souto faleceu o pasado mes de marzo cando recollía percebes na costa de Carballo  - FOTO: Deputación
O percebeiro e poeta Paco Souto faleceu o pasado mes de marzo cando recollía percebes na costa de Carballo - FOTO: Deputación

JOSÉ M. RAMOS  | 07.10.2017 
A- A+

Oito meses despois da súa tráxica morte, a área de Cultura da Deputación da Coruña organizará a primeira homenaxe nacional ao poeta e percebeiro Paco Souto, de Malpica. Coordinado pola poeta carballesa e colaboradora súa, Rosalía Fernández Rial, o acto desenvolverase o vindeiro día 11 de novembro no Teatro Colón.
Baixo o título Atesourando a palabra convocará na Coruña a poetas e artistas que formaban parte do universo creativo de Paco Souto, un poeta que era ademais aglutinador de creadores e creadoras e dinamizador de numerosas iniciativas culturais.
Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña aseguran que o acto ten como obxectivo reunir persoas de distintos ámbitos artísticos que tiveron unha estreita relación con Paco Souto. “Convocar poetas e artistas foi fácil, xa que estamos diante dunha persoa que na súa traxectoria promoveu multitude de iniciativas culturais que implicaron todas as artes e, en especial, unha pluralidade de nomes da nosa cultura”, sinala Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación.
A homenaxe será coordinada e presentada pola poeta Rosalía Fernández Rial, quen participou en numerosos proxectos con Paco Souto. Canda ela, participarán no encontro poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández e Paco de Tano, e artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña e Abraham Vila, que, canda a música de Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, contribuirán a construír a figura interdisciplinar que era Paco Souto.
En coherencia coa personalidade e o discurso artístico do escritor malpicán, o espectáculo terá unha posta en escena na que confluirán a poesía, a música e a plástica. Diferentes profesionais das distintas áreas dialogarán arredor da figura dun escritor que deixou a súa obra e a memoria da súa xenerosidade tamén á hora de promover proxectos colectivos. “Paco Souto é, sen dúbida, un dos poetas máis activos da nosa cultura das últimas tres décadas. Da súa man naceron interesantísimos proxectos editoriais e artísticos”, engade Goretti Sanmartín, quen lembrou tamén o seu compromiso coa cultura, ademais de destacar na súa actividade como concelleiro en Malpica.

UN POETA CUN PROXECTO. Nacido na Coruña en 1962, Paco Souto morreu en exercicio do seu traballo de percebeiro en Razo o 30 de marzo deste mesmo ano. Poeta, editor e promotor cultural, obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do Concello de Bueu 2006 por As horas de María.
Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; en 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos.
En 2007, As horas de María e, en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira. En 2016 publicou o seu último libro individual, e Caín.
Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider, asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño. Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón, onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.
Neste mesmo ano, o seu poema Terradentro gañou o premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.
A fonda pegada que deixou Paco Souto na Costa da Morte e en todos os lugares onde o coñecían fixo que a súa figura fose tamén lembrada e homenaxeada na última edición da Praza dos Libros, en Carballo. A el lle adicaron tamén a exposición colectiva Luscofusco, que promove o Concello de Carballo coa colaboración do colectivo Crea Formas e que xunta cada ano pezas duns trinta artistas da Costa da Morte.
A inauguración da mostra foi un acto de recordo e homenaxe a Paco Souto, quen estaba moi vinculado a Carballo e á propia cita artística. Na derradeira edición, aínda que el xa se fora, estivo presente a través dunha das súas obras. Alí estivo tamén lembrando a súa figura e obra a poetisa Rosalía Fernández Rial, acompañada ao piano por Serxio Moreira, quenes voltarán a xuntarse o vindeiro día 11 de novembro no escenario do Teatro Colón da capital herculina.