El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O Bus do Cocido difunde os 50 anos da feira polas vilas galegas

Os membros do goberno de Lalín no Bus do Cocido que promocionará a feria polas vilas galegas - FOTO: C.L.
Os membros do goberno de Lalín no Bus do Cocido que promocionará a feria polas vilas galegas - FOTO: C.L.

MARÍA RENDUELES. LALÍN   | 14.01.2018 
A- A+

O Concello de Lalín presentou onte o Bus do Cocido, unha iniciativa promocional, patrocinada por Gadis e que conta coa colaboración de Abanca e Coren, que permitirá difundir os atractivos turísticos de Lalín, o Camiño de Inverno e a 50 edición da Feira do Cocido por diferentes vilas de Galicia e Castela e León nas vindeiras semanas.

Así, dende o centro xeográfico de Galicia este autobús clásico iniciou onte un percorrido que nos vindeiros días o levará a visitar as vilas de Tui, Moaña, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras, ou as cidades de Ponferrada e Santiago de Compostela. En concreto o bus estará o día 16 de xaneiro en Tui, o día 20 en Moaña, o 24 en Monforte de Lemos, o 25 en Ponferrada, o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.

Aproveitando as sinerxias que ofrece a Feira do Cocido -un dos principais polos de atracción de visitantes a Lalín- o vehículo converterase nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características, según os promotores, facilitará o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras.