El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O Concello de Ames vai instalar parques biosaudables en Bertamiráns e no Milladoiro

M.T.  | 21.04.2017 
A- A+

Ames. A xunta de goberno local de Ames aprobou a adxudicación dos traballos necesarios para instalar un parque biosaudable no paseo fluvial de Bertamiráns e outro na área deportiva do Milladoiro, que está situada ao carón da casa da cultura e do pavillón polideportivo desta localidade.

As obras foron adxudicadas á empresa Lappset España VR por 20.071,63 euros. Deste xeito, “preténdese crear unha zona en cada localidade, onde se concentren tanto nenos coma adultos para poder dispor de elementos de ocio e practicar deporte”, sinalaron fontes municipais.

O conxunto de actuacións que queren realizar, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro, teñen por obxecto o acondicionamento dunha zona verde dedicada a parque biosaudable a través da instalación de volantes, esquís, pony/remo, cintura, ascensor/pectorais, andador elíptico e barras fixas. O obxectivo do goberno municipal é concentrar os lugares de ocio e deportivos de todas as franxas de idade na mesma área. As obras son sufragadas polo Plan de Acción Social.