Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A figura de Isabel Zendal irmanda a Ordes e Veracruz

Os alcaldes asinaron o documento no palacio oficial da cidade mexicana // Establécense mecanismos de cooperación bilateral

A vila de Ordes e a cidade mexicana de Veracruz xa están unidas por lazos de irmandamento. Así se asinou o xoves nunha sesión solemne na Sala do Cabido do Palacio Oficial de Veracruz. O acto oficial estivo presidido polos rexedores mexicano, Ramón Poo Gil, e ordense, José Luis Martínez Sanjurjo.
O alcalde ordense recoñeceuse conmovido polo feito de que a filla predilecta de Ordes Isabel Zendal “constitúa unha das razóns que animan a este irmandamento”, ademais de sentir vergoña histórica “na medida de que sempre gozou de maior coñecemento e recoñecemento en México que en España”.
Martínez Sanjurjo lamentou que 200 anos despois da expedición Balmis, que salvou a un número incalculable de persoas dunha morte segura por mor da varíola, “esta gran epopea siga sendo unha gran descoñecida para a inmensa maioría da xente do meu país”. Tamén agradeceu o labor de Xesús Pedreira e de historiadores como Antonio López, ou de escritores como Javier Moro, Almudena Arteaga ou María Solar por tratar de reverter dita situación.
Pola súa banda, Ramón Poo Gil asegurou que “así como en el pasado las historias de Veracruz y de Ordes se han entrelazado para la construcción de un mejor futuro para sus pueblos, con este hermanamiento se abren las puertas al fortalecimiento de los lazos de colaboración y coordinación entre ambas ciudades”. No seu discurso tamén fixo alusión á relevancia histórica e axuda prestada por Isabel Zendal Gómez á poboación mexicana ao formar parte da Real Expedición Filantrópica da vacina contra a varíola, a cal se viu seriamente afectada pola praga durante o século XIX.
De maneira especial o Concello de Veracruz recoñeceu como visitantes distinguidos tanto ao alcalde de Ordes como ao exconcelleiro Xesús Pedreira, que recibiron de mans do Presidente Municipal unha insignia do escudo de armas da cidade porteña. De igual xeito foron distinguidos o resto da comitiva ordense, na que figuran os concelleiros Ana Soneira e José Manuel Rodríguez, ademais das esposas deste último e do alcalde, Sandra del Río e Lucía Domínguez.
Asemade, houbo un recoñecemento a Vicente Rodríguez Couceiro, residente en Veracruz e oriundo de Ordes (finado recentemente), que contribuiu en gran medida a este irmandamento.
O irmandamento entre Ordes e Veracruz leva implícito un acordo no que se establecen mecanismos de cooperación para contribuír ao desenvolvemento de ambos os pobos en materia educativa, cultural, turística, deportiva, de innovación e investigación, ademais do avance tecnolóxico e comercial. As modalidades sinaladas para cumprir tales obxectivos pasan, entre outros, pola promoción e difusión; o intercambio de misións empresariais e de contidos informativos, documentais e materiais; organización de seminarios e espazos de encontro; estudos e investigacións conxuntas; intercambio de técnicos, especialistas e profesionais; formación e captación de recursos humanos.
A axenda incluiu un almorzo con membros da Primera Rexión Naval no que falaron do Soldado Lois, fillo predilecto de Ordes.

06 oct 2017 / 20:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito