El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

A Laracha involucra ós mozos na posta en valor do medio natural

Quince deles participan nun programa que mestura actividades de concienciación e conservación con dinámicas formativas // Está financiado pola Dirección Xeral de Xuventude e desenvolvese no entorno de Cabeza de Manzaneda

Mozos e mozas que participaron no campo de traballo internacional celebrado na Laracha - FOTO: C. da Laracha
Mozos e mozas que participaron no campo de traballo internacional celebrado na Laracha - FOTO: C. da Laracha

A LARACHA. J.M. RAMOS  | 13.10.2017 
A- A+

Quince mozos e mozas da Laracha, de entre dezaseis e trinta anos, viaxaron onte ata Cabeza de Manzaneda (Ourense) para participar durante tres días nun programa xuvenil centrado na conservación e posta en valor do medio ambiente. A iniciativa foi promovida polo Concello da Laracha xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e os beneficiarios conxugarán actividades de concienciación e conservación da natureza con outras de coñecemento e disfrute do medio, ademais de realizar dinámicas de difusión da lingua galega e ser formados no emprego das redes sociais e na creación de blogs.

Baixo o lema A riqueza da natureza: hábitos saudables e compromiso da xuventude co medio ambiente e o patrimonio cultural e natural, o programa céntrase na promoción dos hábitos de vida saudables e no compromiso da mocidade co patrimonio natural e cultural para acadar un desenvolvemento económico e social respectuoso co medio ambiente.

Os obxectivos desta iniciativa son diversos e complementarios, segundo apuntan dende o Concello larachés. Por unha banda, favorecese a inclusión social dos mozos e promóvese a creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías, e por outro lado foméntase a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, “xa que as experiencias e o contacto directos cos profesionais poderían servir de semente para trasladar futuras propostas ao Concello da Laracha sobre a dinamización do medio rural e dos recursos naturais dos que dispoñemos no noso termo municipal”.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt