El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Presentan 900 alegacións máis á mina de San Rafael

As preocupacións pola reapertura deste proxecto chegan fóra de Touro e O Pino

A. PRADA   | 07.10.2017 
A- A+

Santiago. O pasado martes, os veciños dos concellos afectados polo proxecto de reapertura da mina de San Rafael presentaban ante o Rexistro Xeral da Xunta un total de 500 alegacións para evitar que volva explotarse a antiga mina. Segundo dixeron os representantes veciñais, "ameaza con deixar sen auga potable centos de vivendas e granxas en Touro e O Pino e pon en risco a vida de máis de 200 persoas".

Onte, ás 17.00 horas, veciños de O Pino e Touro e a plataforma ContraMINAcción acudían de novo ao Rexistro Xeral da Xunta e presentaban outras 900 alegacións contra a reapertura da mina. Marta Curros, veciña de Loxo, explicaba que estiveron "traballando sen descanso dende o martes e coseguimos 900 novas alegacións". Asegura que a preocupación polas consecuencias da reapertura da antiga mina "chegan máis alá de Touro e O Pino".

Marta Curros indicaba que aínda non saben nada sobre a petición que os concellos de Touro e O Pino enviaron á Xunta de Galicia para ter quince días máis para presentar alegacións. Sendo así, o prazo remataría onte, pero aseguran que continuarán traballando.

Os veciños aseguran que seguen sufrindo as consecuencias medioambientais da anterior explotación. "Os nosos ríos aínda están contaminados", sinalan ó respecto.