El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Preto de vinte obras optan á Mostra de Teatro de Zas

Seleccionarán cinco espectáculos que se presentarán do 21 de abril ao 19 de maio

J. M. R.   | 14.03.2018 
A- A+

Zas. Un total de 19 obras aspiran a ser seleccionadas para a III Mostra de Teatro Afeccionado "Labarta Pose", que organiza a Concellería de Cultura de Zas.

As propostas proceden de dezasete compañías de distintos puntos de Galicia, entre as que figuran agrupacións de O Carballiño, Coles, Barbadás, Vigo, Chapela, Vedra, Arteixo, Fene, Ferrol, Teo, A Coruña... Entre as obras presentadas hai todo tipo de xéneros, aínda que cunha certa predominancia da comedia.

Un xurado composto por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius será o encargado de seleccionar os cinco espectáculos finalistas, que se representarán os días 21 e 28 de abril, e o 5, 12 e 19 de maio, nos auditorios de Baio e de Zas. Cada unha das obras finalistas recibirá 500 euros e un diploma, e as mellores obras escollidas polo xurado e o público, o mellor actor e a mellor actriz recibirán cadanseu agasallo conmemorativo. A entrega de premios terá lugar o día 27 de maio.

O Concello de Zas pretende que esta terceira edición sexa a da consolidación como "un referente comarcal no eido do teatro afeccionado". Ademais pretenden fomentar a cultura, especialmente no eido das artes escénicas e favorecer o teatro feito en Galicia e en galego. Nesta edición incorporouse o nome do escritor baiés Labarta Pose.