El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Os sindicatos denunciarán ao Concello de Padrón pola discriminación salarial

Explican que as relacións laborais están deterioradas e moi xudicializadas

M. R.   | 14.03.2018 
A- A+

Santiago. Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e CSI-F estudan accións legais contra o Concello de Padrón "por non adoptar medidas que eliminen a discriminación salarial entre persoal de postos equiparables". Os representantes laborais din que apostan porque se convoque unha mesa xeral de negociación e se recompoñan unhas relacións laborais que están "deterioradas e constantemente xudicializadas", pero matizan que o silencio das autoridades municipais ás ofertas de diálogo "non nos deixan moitas máis opcións".

Os sindicatos lembran que a última mesa xeral de negociación reuniuse en abril do 2016, hai xa case dous anos. Segundo as centrais, a ausencia de negociación deriva nunha "constante xudicialización" das relacións laborais, "co custo que isto supón para as arcas municipais".

Con respecto á discriminación, principal demanda das traballadoras e traballadores do Concello de Padrón, din que o primeiro é negociar as medidas necesarias para "rematar coa máis que evidente discriminación salarial e incluso de xénero", entre o persoal funcionario e laboral en postos equiparables, mesmo entre o propio persoal laboral que ocupa idénticos postos e grupos profesionais. Piden, ao tempo, que a equiparación teña en conta a situación das traballadoras e traballadores doutros municipios comparables a Padrón.

Segundo explican, esta discriminación tradúcese nunha "evidente mingua" no salario e nas cotizacións á Seguridade Social dunha boa parte da plantilla, a maioría cobra menos de 900 euros brutos ao mes, ademais de "vulnerar os principios de igualdade e non discriminación que recolle o ordenamento xurídico". Finalmente, piden información referente ao proceso aberto de elaboración da relación de postos de traballo (RPT).