El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Turno de rogos e preguntas para escolares en Carballo

Alumnos do CEIP A Cristina entrevistáronse onte co alcalde // Deixaron a pegada na Policía e probaron chalecos antibalas

Escolares do CEIP A Cristina durante a entrevista co alcalde de Carballo - FOTO: C. de CARBALLO
Escolares do CEIP A Cristina durante a entrevista co alcalde de Carballo - FOTO: C. de CARBALLO

JOSÉ M. RAMOS LUGAR   | 14.03.2018 
A- A+

As novas xeracións queren poñerse ao día no tocante á actividade municipal, e por iso onte un grupo de 26 nenos e nenas de terceiro de primaria do CEIP A Cristina "pasaron revista" a actividade que se desenvolve cada día no Concello de Carballo e nas oficinas da Policía Nacional e da Policía Local.

Foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, e pola concelleira Milagros Lantes, aos que someteron a un interrogatorio. Unha das preguntas foi "por que non se constrúe un parque acuático en Carballo?". O rexedor non lle deu moitas esperanzas, pois recoñeceu que "estaría moi ben ter un aínda que, de momento, non figura entre as prioridades do Concello". Iso sí, Ferrero e Lantes comprometéronse cos escolares a ter en conta as súas suxestións en canto a incorporación de novos xogos nos parques municipais.

Outras preguntas máis amables foron "que é o que máis lle gusta de ser alcalde?" e "como se sentiu cando o escolleron?", ao que Ferrero respondeu que "o que máis me gusta é poder facer cousas que contribúen a que Carballo sexa un bo lugar para vivir", e que asumiu o cargo con moita satisfacción pero tamén con "moita responsabilidade e orgulloso, porque este é o sistio onde nacín e onde escollín vivir".

Despois da entrevista co mandatario municipal, os nenos e nenas do CEIP A Cristina coñeceron de primeira man o funcionamento da Administración Local. Visitaron a Oficina Técnica, onde tiveron a oportunidade de coñecer o municipio a vista de paxaro, entre planos, mapas e a última tecnoloxía en cartografía.

Do Concello pasaron ás oficinas da Policía Nacional, onde quixeron probar a deixar a súa pegada dactilar, e de alí á oficina da Policía Local, onde se interesaron polo día a día dos axentes e visitaron tamén os calabozos. Comprobaron o funcionamento dun etilómetro e probaron algúns chalecos antibalas, que máis dun dixo que lle gustaría levar para a casa. Non puido ser, pero si que levaron unhas mochilas.

CONSELLOS

Seguridade Os axentes da Policía aproveitaron a visita dos escolares para darlles uns consellos e incidir na importancia de respetar as normas de circulación e seguridade viaria, facendo especial fincapé no uso do cinto e do casco.