El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

A Xunta aproba o proxecto para ampliar a conserveira Jealsa Rianxeira de Boiro

A empresa investirá 20 millóns de euros en dúas edificacións e creará 200 empregos

S. S.   | 01.12.2017 
A- A+

Boiro. O Consello da Xunta aprobou onte o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ampliación das instalacións da conserveira Jealsa Rianxeira en Boiro, o que permitirá a creación de 200 empregos. Tras a declaración en maio de 2015, por parte do Consello, da incidencia supramunicipal deste proxecto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, encargouse da tramitación desta iniciativa que permite a ordenación do espazo contiguo ás instalacións de Jealsa Rianxeira para a súa ampliación.

O proxecto sectorial, que queda integrado por 42.500 metros cadrados, permitirá a construción de dúas edificacións, co que se alcanzarán os 18.000 metros cadrados de superficie cuberta e reservará preto de 2.000 para equipamentos públicos. As determinacións contidas neste proxecto vincularán o planeamento do Concello, que terá que adaptarse a elas.

A empresa investirá 20 millóns de euros e contará con doce meses para a urbanización da plataforma inferior, 48 meses para a superior e outros 24 meses desde a terminación das obras anteriores.