El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

RADIOGRAFÍA: Os galegos na intimidade

Desexos esmagados polo coitocentrismo dominante e o porno do ‘mete-saca’

O modelo sexual imperante, xenital e coitocéntrico, da escola do vulgarmente definido como "mete-saca", debúllase como unha das causas importantes do desexo hipoactivo.

N.B.   | 12.10.2010 
A- A+

Non só nas mulleres. A sexóloga Conchi Landeira atende na súa consulta de Bertamiráns (Ames, A Coruña) homes que se rebelan contra este modelo tan androcéntrico e contra un mercado de pornografía "moi xenital" que non lles gusta. Os uns e as outras buscan algo máis.

 

Que papel xoga o stándar sexual actual, tan centrado no coito?

As mulleres veñen á consulta queixándose porque non lles gusta ese modelo sexual imperante, que pode conducir a unha falta de desexo porque todo é moi mecánico, sempre o mesmo. Tampouco ao home lle gusta ese modelo. Dos que veñen á consulta, ningún o defende porque se decatan de que lles gustan outras moitas cousas, son tamén prisioneiros dese modelo. O problema de base é a carencia, de sempre, dunha educación sexual positiva e de información.

 

Mesmo no mercado do sexo se constata ese "dominio xenital". O cine porno pouco ten en conta que hai máis que o "mete-saca"...

Si, é unha pornografía moi xenital, que á xente lle produce un rexeitamento moi grande. Hai homes que xa se están queixando, que din que tampouco lles gusta. Eu rétoos a que vaian ao mercado a que busquen unha película erótica, que lles excite, pero veñen dicindo: "Non encontramos, é todo sempre o mesmo rollo, parece unha cousa de xinecoloxía...". A propia sociedade e o propio mercado favorecen a pornografía vulgar, de pouca creatividade. É algo que vén moi de atrás, enraizado na cultura desde sempre, nunha sociedade moi machista. De todas formas, a sexualidade estivo sempre moi oculta e rodeada de tabús, e a iso se limita, a unha visión moi xenital e non á busca de formas de gozar do corpo, que é algo bo, algo san, algo fermoso... Quedou aí oculta, e o oculto faise pouco creativo, máis limitado...

 

Cúmprese a crenza de que lles custa máis a eles aceptalo ou acudir a buscar unha solución? Non creas. Si que é verdade que hai homes aos que lles custa máis falar de cousas persoais cun descoñecido, no meu caso unha sexóloga...

 

E máis sendo muller, non?

Non, ao contrario, séntese moito mellor. E cando acode á consulta é moito máis rápido á hora de contar as súas cousas, vai máis directo, está encantado con que lle soluciones o problema. E segue ben as pautas que se lle marcan. As mulleres son máis dadas a dialogar abertamente, pero podes atoparte con donas ás que lles custa expresarse e dar o paso. Hai que romper o mito. Atendo homes moi sensibles, que queren mellorar e que están moi preocupados por darlle pracer á parella. Eu véxoo na consulta, que é onde se di a verdade. Aínda que logo haberá quen saia e diga por aí que é un macho e que non lle importa nada.

 

Podemos debullar un perfil do afectado por desexo hipoactivo?

Non. Pero si te podo dicir que quen está estresado laboralmente, ten problemas coa parella, dificultades laborales ou familiares... a unha ampla maioría báixalle o desexo sexual. Na consulta atendo casos de xente desde 18 a máis de 60 anos. De nivel cultural alto ou baixo, con ou sen idiomas, atractivos ou non atractivos...

"Como fabrican algo sobre o que non se investigou?"

Preguntada pola fabricación da "pílula rosa", Conchi Landeira, que lle dá a benvida a calquera nova ferramenta malia considerar que "non é a panacea", opina que "parte dese investimento que se ía facer na produción debería ser destinado á investigación en sexualidad, en excitación, en orgasmo, en falta de desexo... Como se vai producir algo que previamente non se investigou? O poder da flibaserina descubrírono de casualidade. É un antidepresivo, claro, algo funciona porque fai que a xente se sinta un pouco mellor e pode aumentar o desexo, pero non é real, o problema é máis profundo", sentencia.

O PERFIL

Concepción Landeira (Caracas-Venezuela, 1959), psicóloga e sexóloga, licenciouse en Psicoloxía pola USC en 1985 e ten especialización de post grao en sexoloxía. É a responsable en Bertamiráns (Ames) do centro Artem Amandi (www.artem-amandi.com)