Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Aos que lles debe dar un pouco de risa toda esa patética das leis e decretos de normalización da lingua, a liberdade de elección lingüística, a imposición do idioma nas aulas e todo iso, é aos rapaces. Aos estudantes de ESO, Bacharelato e así. Porque nas aulas o máximo que se lles pode impoñer son tecnolectos, ou sexa pobres falas segmentarias das respectivas materias ou asignaturas. Nas aulas o único risco que corren é ter que aturar un tecnolecto ou ter que turrar coa gramática rudimentaria e residual dalgunhas das fachendosas linguas do continente. Os idiomas non están nas aulas senón nos patios dos colexios e nos corredores dos institutos, que é onde as linguas se presentan vivas, ricas, metafóricas, híbridas e libres, e entre elas o rapaz ou a rapariga escolle e intégrase naturalmente nesta sanísima babelicaxe. Como tamén onde están as linguas con toda a súa riqueza é moito máis nunha feira de gando ou nun mercadillo ca nunha sesión da Academia, onde a sintaxe dalgúns académicos eche ben peor ca dun tratante, por certo.
Un pouco graciosa si que lles debe resultar aos nosos púberes fillos e fillas a dramática materna/paterna da inmersión lingüística. Aos rapaces non hai quen os "inmerja" (ou como demo se diga este verbo horrísono que non hai deus que o decline, e que había que facerllo conxugar enteiriño aos líderes e lideresas das bandas enfrontadas, a modo de deberes e cilicios). A única figura que transitoriamente pode dictar a inmersión lingüística dunha criatura é a nai ao mesmo tempo que lle da de mamar. A partir de aí carga o neno ou a nena para toda a vida coa lingua materna e xa non hai instancia que os poida someter a inmersión. Son eles os que ao seu gusto se "inmerxen" (ou como se conxugue, xa digo, este verbo repelente) onde e cando lles teña comenencia e segundo a competencia lingüística adquirida, moito máis ca nas aulas, nas pantallas. O demais eche histeria ou política, no sentido da definición máis cachonda e verosímil da política, que é a que nos regalou Veblen: conseguir algo a partir de nada á conta de quen corresponda.
