Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Benquerido don Manuel: dende a dor que me produce o seu adeus definitivo, quixera expresarlle os sentimentos que hoxe acoden á miña mente.
Fago memoria e lembro o día que pronunciou a súa primeira misa na Estrada: unha morea de xente agardabámolo diante da igrexa parroquial. Era unha fría mañá do mes de decembro do ano 1965 : á saída da misa todos coincidían na boa impresión que causara o novo párroco. Dende aquel momento Manuel Castiñeira convertíase nunha das persoas máis emblemáticas da vila.
Non obstante, debo confesarlle que nas miñas lembranzas vostede estará sempre vencellado á parroquia de Ouzande, á súa entrañable igrexa, na que o contacto cos seus fregueses era máis próximo, máis cordial. Como home comprometido coa nosa Terra, vostede faláballes aos veciños na súa lingua, tanto no adro coma no altar, interesábase polos seus problemas, compartía con eles os momentos de ledicia e tristura? A súa figura aglutinaba toda a aldea, por iso, cando un día decidiu transformar o adro para o converter no que hoxe é: un lugar en perfecta harmonía coa fermosa igrexiña románica, todos os veciños traballaron ilusionados no proxecto. A nova da súa morte encheume de tristura pero, deseguida, comprendín que as persoas que pasan polo mundo facendo o ben non desaparecen definitivamente das nosas vidas: o seu recordo permanece para sempre entre nós. Neste momento acoden á miña mente as palabras que un mestre lle dirixe ao seu alumno Shunko (protagonista dunha entrañable novela arxentina) cando este lle pregunta se, ó trasladarse á cidade, os vai esquecer:
"La verdad, Shunko, es que uno no se aleja definitivamente de ningún lugar en donde haya vivido con el sentimiento. Uno se va quedando de a trozos por el camino: deja un pedazo de sí en el recodo de un río, en un retazo de monte, en el afecto de la gente?"
Pois si, cando o día da festa do Socorro repiniquen alegres as campás e estouren os foguetes á saída da procesión, vostede estará presente en cada badalada, en cada pregaria, en cada un de nós. Grazas, don Manuel, polo seu legado, polo seu exemplo de home de ben. Unha fonda aperta.
