Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Como en tempo (pre)electoral o perfil dos candidatos se excita case priapicamente para seducir aos electores, e desde logo ás electoras, porque elas "aman unicamente o guerreiro", e o político é herdeiro do guerreiro (palabras de Nietzsche, non miñas; polo tanto as feministas que mallen en Nietzsche, non en min, malpocado); como en tempo electoral, dicíase, un líder guinda máis signos, pois tamén é cando máis se notan as súas limitacións. Os líderes do Partido Popular parecen orixinariamente pexados polo chamado efecto Asch ou pensamento grupal, que consiste nunha especie de atrofia na capacidade de autonomía de acción, de intrepidez, de atrevemento, e sobre todo de intuición histórica. O líder afectado do síndrome de Asch ten unha dependencia algo así coma relixiosa, está re-ligado misticamente á figura do fundador. E para construir historia (un político sempre ten que ser un creador de historia, non un simple persecutor de plus de altos cargos) hai que matar freudianamente ao pai, ao fundador. "Lo que nunca voy a ser es un Judas", recordo que dixo Núñez Feijóo mirando a don Manuel durante o congreso do PPdeG de hai un par de anos. Aí está a confesión lacaniana do capamento que supón o pensamento grupal, que mutila o instinto felón que ten que ter o político de raza. O único felón que deu o Partido Popular foi aquel Barreiro Rivas que, aínda que non contou cos favores da Fortuna (maquiavélica) nin co necesario esprit de finesse que as circunstancias esixían, si tiña lido o Mirabeau de Ortega e puxo en práctica a virtude da inverecundia, devorada pola bempensancia ética.
Hoxe os líderes do PP están pexados polo medo ao risco da soedade, a perder a "calor de establo", que tamén dicía Nietzsche. Como o mesmo Rajoy, que non é máis que o produto dunha fogueira de vontades: a de Albor, Fraga, e Aznar. Rajoy nunca foi un político; só foi un rexistrador da propiedade. Os líderes do PP están abismados no síndrome de Asch, como xa o recoñecía tamén Feijóo naquel congreso no que iniciaba a súa viaxe a ningures: "Da vértigo suceder a Fraga". Así lles vai: están mareados.
