Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Ela é coma Romanones. Rosa Díez ten un escano no Parlamento pero o que en realidade lle interesa é un sillón na Academia. Mesmo merecería o sillón de Lázaro Carreter, que foi o último académico preocupado polos matices e finuras semánticas da lingua castelá. Desde que don Fernando se foi os académicos parece que non fan máis ca xogar cos ordenadores e facer lingüística informacional, cibernética e amontonante, e xa case ninguén colligit nada nin expurgat nada nin innovat nada. Eles só recomendan. Son tan políticamente correctos que, se un grupo de deconstrucionistas semánticos, v. g, entran a saco no semema dunha palabra pretendendo eliminar os sentidos que non lle gusten, os seus membros quedan calados. Quedan coma galegos na escaleira da súa indecisión. Ou sexa, que os académicos parecen gallegos no sentido máis pexorativo do término, que xa o conde de Romanones se queixou deles dicindo aquilo tan tópico: joder, qué tropa. Que é o mesmo que estará dicindo con toda a razón Rosa Díez. E os académicos que parecen os máis gallegos son os galegos, os da nosa Academia, porque permiten que un filólogo nesciente envileza o noble substantivo graza rebaixándoo a adverbioide horrísono, e quedan tamén caladiños na escaleira, baixo as famosas pingueiras da docta Casa.
Por iso habería que facer a Rosa Díez académica. Para que puxese un pouco de orde nas categorías gramaticais e esixise outro pouco de respecto para o que se chamaba a análise componencial, porque, polo que se ve, ela é a única semantista que nos queda. Quen por certo lle daría moita razón a dona Rosa é o novelista Pérez-Reverte, académico anómalo, que esta pasada fin de semana fixo unhas declaracións aínda crepitantes que asustaron un pouco á mesma entrevistadora, Blanca Berasátegui, (¡Hombre, Arturo!): "España es un país historicamente enfermo"? "El español es históricamente un hijo de puta". Porque parece claro que para compartir a historia cos españois tal como os define Perez-Reverte boa falta fai ser un pouco gallegos no sentido máis pexorativo do termo. Que non nos movan da escaleira, por favor.
