Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O pasado 29 de agosto o pleno da Corporación de Dodro ratificou o acordo de aceptar a cesión do edificio do centro de día para a súa xestión pública. Este acordo plenario, que non era preceptivo, tiña como obxetivo mostrar o recoñecemento da institución municipal á comunidade de montes Balouta, pois cómo chegamos ata aquí merece ser contado.
No ano 2006, a comunidade de montes antes mencionada, a través da súa xunta reitora, e co apoio das familias comuneiras, solicitou a través da Asociación de Desen- volvemento Local Deloa fondos europeos para a creación dun centro de día. A axuda foi concedida polo 80% do investimento estimado, uns 600.000 € en total.
Este proxecto ten unha dobre valía, xa que ademais do seu inestimable fin social, contribúe á revalorización do patrimonio histórico do concello, pois supón a rehabilitación da casa reitoral, para o cal en outubro do 2007 asinaron un contrato de arrendamento co Arcebispado. Sumábase así unha institución máis ó proxecto.
Logo viñeron os trámites coas distintas administracións: Patrimonio, Vicepresidencia, Concello, con todo o que iso implica, que o seu presidente, Rafael Lampón, fixo con toda a paciencia e dilixencia. Ben é certo que todas as administracións quixeron ser partícipes e apoiar en este ilusionante proxecto.
A obra fíxose en prazo e coa calidade prevista e rematou co mes de agosto.
No transcurso desta, entrou o Concello en negociacións, para garantir a xestión pública deste centro de día, obxectivo común de ambas as entidades, pois esta condición é básica para que as familias do noso concello poidan beneficiarse do mesmo cando o necesiten. O Concello asume ilusionado esta cesión, pois despois da adhesión ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar fai agora un ano, nun dos primeiros plenos da nova lexislatura, pode participar na xestión deste. Só grazas a esta novidosa fórmula de xestión pública, ideada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, o noso Concello, de pouco máis de 3.000 habitantes, pode garantir este recurso público, cun custo aproximado anual duns 400.000 €, dos cales a administración local ten que achegar a parte correspondente ó mantemento das instalacións.
Así vemos con alegría como a unión de esforzos e vontades, liderados pola xunta reitora da comunidade de montes Balouta e Fontecova, fai posible a culminación dun dos proxectos máis importantes que se teñen levado a cabo no noso concello en moitos anos, e pon a Dodro na dianteira do país en recursos e equipamentos sociais. O sábado, día 13 de setembro, queremos facer partícipes a todas as familias que contribuíron como comuneiras, para o cal celebraremos unha xornada de portas abertas para a súa visita.
Esta é a ocasión de agradecer publicamente a contribución das comunidades de montes ó aumento do patrimonio do concello e dos recursos públicos para beneficio de todas as familias, que así poden gozar das mesmas oportunidades que en calquera outro lugar do país. Esta é a maneira de facer un país do que todos e todas nos sentimos orgullosos.
