El Correo Gallego

Comarcas | comarcas@elcorreogallego.es

entrevista con Manuel Ruiz en Radio Obradoiro

"Os horarios das terrazas non poden ser libres, porque lles causan perxuízos ós veciños"

O alcalde de Ribeira defende a ordenanza aprobada ó respecto, sinalando que nalgunhas zonas como o Malecón, "o horario se poderá estudiar" // Asegura estar disposto a conxelar as taxas que pagan os hostaleiros pola ocupación de vía pública, para que poidan adaptar o mobiliario das terrazas

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Manuel Ruiz Rivas, alcalde de Ribeira


SANTIAGO. RO  | 04.06.2012 
A- A+

ECG
Manuel Ruiz Rivas
FOTO: ECG

O alcalde de Ribeira defendeu este luns en Radio Obradoiro a ordenanza que ven de aprobar o seu executivo de forma inicial, para regular a instalación de terrazas. Unha ordenanza que critican os hostaleiros porque lles obriga a pechar as terrazas á unha e media da madrugada, e a ter un mobiliario homologado. En Caixón de sastre, Manuel Ruiz Rivas sinalou que, debido a que Ribeira non ten patronal de hostalería, "o que fixen foi falar con hoteleiros e hostaleiros das miñas intencións. Hoxe voume reunir con máis empresarios do sector".

A respecto das críticas sobre o horario, o rexedor insistiu en que "se pode ampliar por decreto do alcalde. O que lles pedín ós hostaleiros foron alternativas, xa que o horario non pode ser libre porque se lles causa molestias ós veciños". Engadiu Ruiz Rivas que "estará suxeito a estudo nalgunhas zonas como o Malecón". Sobre a homologación do mobiliario das terrazas, o alcalde asegurou estar disposto "a conxelar durante un ou dous anos as taxas que pagan os hostaleiros por ocupación da vía pública, se a cambio adaptan o mobiliario".

En calquera caso, tamén quixo deixar claro que "un hostaleiro paga 8 céntimos por cada mesa instalada na terraza, e cóbralle a un turista máis de 50 céntimos. Nestes momentos, a terraza máis grande de Ribeira está pagando 100 euros ó mes por ocupación da vía pública". Ruiz Rivas afirmou que será dialogante, "xa que uns e outros temos argumentos para chegar a un acordo". A nova ordenanza non entrará en vigor "ata dentro de ano e medio".

Por outra banda, o rexedor ribeirense referiuse ó plan Ribeira Atlántica 2015, presentado oficialmente o pasado venres. Segundo dixo, supón "unha forma nova de facer xestión, na que é imprescindible a colaboración con outras administracións, e tamén atende a cohesión territorial dos núcleos urbanos cos rurais". Serán en total 7,2 millóns de euros en investimentos adicados "á recuperación ambiental, á elaboración dun plan de mobilidade urbana e a darlle un valor engadido ós produtos do mar, coa construcción dun mercado tradicional".