El Correo Gallego

Comarcas | comarcas@elcorreogallego.es

Novoneyra apadriña o premio Leixaprén e os foros culturais da área

O galardón do CPI de Dodro recaeu en Xurxo Souto // Certames en Ordes e Silleda // Festival na Estrada

REDACCIÓN/DELEGACIÓNS SANTIAGO/A ESTRADA/RIBEIRA/NOIA   | 21.05.2010 
A- A+

M.M.O.
Entrega do Leixaprén en Dodro a Xurxo Souto, dereita
FOTO: M.M.O.

A conmemoración do Día das Letras continúa en Área de Compostela con diversas actividades e manifestacións culturais. E, entre elas, a entrega da undécima edición do premio Leixaprén no colexio de Dodro, que recaeu no polifacético Xurxo Souto. O acto contou, ademais, cun tributo a Novoneyra mediante un recitado colectivo, teatro, contacontos e a actuación do grupo Intercoles, ademais de charlas. Souto, pola súa parte, animou os presentes a presumir de galeguidade.

Na Estrada, o CEIP Figueiroa celebra hoxe, ás 20.00 horas no teatro o seu Festival das Letras. Teatro, danza, música e poesía serán os eixes desta cita aberta ao público no que participan preto de 370 alumnos.

E mentres, en Silleda, os do IES Pintor Colmeiro celebran o premio do público no II Concurso Audiovisual Galego OlloBoi, co seu xa famoso lipdub, titulado Galegando. E non é o único recoñecemento para esta iniciativa, porque chegan dende distintos ámbitos, especialmente desde o mundo da docencia e colectivos de internautas. A TVG emitiu o vídeo o Día das Letras e o contador de visitas en Internet supera xa as 6.000 entradas, para sorpresa do equipo do centro silledense.

Pola súa banda, Noia acolle mañá, sábado, a partir das 21.00 horas e no coliseo Noela, un dos concertos que se celebrarán dentro do programa do Festival Mozart 2010. O grupo Festival Strings ofrecerá unha actuación baixo o título Todo en Praga. Trátase dun grupo de cordas que dedicará o seu programa a Dvorak e a Mozart. A entrada será libre ata completar a capacidade previa retirada das invitacións no despacho de billetes para controlar o número de asentos ocupados.

En Ribeira presentouse onte a XIII Mostra de Teatro Infantil, na que participarán do 24 ao 28 deste mes 135 pequenos actores dos colexios do concello cun total de oito representacións. Tamén en Ribeira, o escritor Santiago Jaureguízar impartiu onte un obradoiro de escritura creativa ante medio cento de alumnos dos colexios de Olveira e Palmeira.

Canto a Ordes, o Concello acaba de dar a coñecer os nomes dos gañadores dos premios do certame municipal de poesía. Na categoría xeral acordouse outorgar o primeiro premio, dotado de 300 euros, a Noelia Martínez Rey". O segundo premio, que estivo dotado de 180 euros foi para Rocío Leira Castro. Na categoría xuvenil a gañadora foi a ordense Paula Martínez Díaz, levando o segundo premio Nuria Romero.

O primeiro premio (categoría Infantil, 120 euros), recaeu nos rapaces de 2º A do CEIP Campomaior e o segundo foi para Adrián Loureiro Candal. Por último, o premio ao centro escolar foi para o CEIP Mesón do Vento.

 

A casa de Castelao, bic. Por outra banda, a deputada do BNG Ana Pontón instou a Consellería de Cultura para asumir a súa responsabilidade e facer efectiva a declaración, hai algo máis dun ano, da casa de Castelao en Rianxo como Ben de Interese Cultural (BIC), "para que non fique simplemente no DOG". Pontón lembrou que este espazo ten que deixar de estar pechado ao público e que "detrás da declaración da casa como BIC había unha decisión de posta en valor da súa obra que debe efectivizarse".

comarcas@elcorreogallego.es