Viernes 09.01.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Se Hemingway volvese a Galicia non sei que pensaría do Plan Acuícola. Cando o escritor chegou a Vigo a primeiros do ano 1922 quedou enfeitizado co encanto daquela "vila de postal" e coa beleza da paisaxe. E tamén reparou na riqueza pesqueira da ría, que daquela era a piscifactoría natural máis produtiva que os deuses puxeran no mundo. No artigo que Hem nesa ocasión mandou ao seu periódico -The Toronto Star Weekly- conta que a ría de Vigo "está chea de peixes con nomes de son suave e insólito". A música dos vellos nomes dos nosos peixes debeulla recitar un mariñeiro do Berbés que a Carlos Casares lle gustaba moito como vago modelo do que despois sería o personaxe de Santiago na novela O vello e o mar. Aínda que a min dame por pensar que o tal mariñeiro debeu ser meu avó, que por eses anos era un mozo patrón dunha lancha de baixura que chegaba a porto acugulada de robalizas. "Mire, señor: estas sonlle fanecas, serráns, maragotas, xoubas (tería que probar a empanada de xoubas que fai a miña muller)..., lorchas, robalizas, ás que no século vindeiro han chamar lubinas". E alá marchou o novelista polos camiños do mar coa canción das palabras do país dos peixes, co propósito de escribir un par de novelas inmortais e mais coleccionar amores e cans.
Desde aquel día de febreiro de 1922 sucedéronse aquí gobernos e poderes de ben distinta feitura e ventura, que unha vez enterran praias debaixo do asfalto e outras enterran os últimos rodaballos e mais a derradeira robaliza debaixo dun millón de metros cadrados de formigón, que por aí disque vai a modernidade e veñen os postos de traballo, virtude dun Plan Acuícola un chisco absolutista. "O conselleiro son eu", dixo para a historia Manuel Vázquez, o noso autonómico ministro miniluiscatorce, coma aquel que dixo "O Estado son eu".
Hemingway non volverá ás nosas rías onde hoxe seica reina a toxina amnésica das vieiras e os peixes son idos (os peixes volverían se os gobernos quixesen, diría Castelao). Pero se volvese talvez nos advertiría de que corremos o risco de naufragar nas nosas piscifactorías.
