El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

audiovisual

'Curtas na rede' premiou onte na Coruña a creatividade 'en curto'

Isabel Blanco presentou o evento no que se deron a coñecer os gañadores do certame entre 71 curtametraxes, 78 bitácoras e 25 'micromovies' enviadas // A contía total dos galardóns ascendeu aos 25.000 euros

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 09.10.2007 
A- A+

O concurso de curtametraxes na rede Curtas na Rede, organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación e o Consello da Xuventude de Galicia (CXG), puxo punto e final á súa segunda edición este luns 8 cun grande acto de entrega de premios que tivo lugar no teatro Colón da Coruña.

Entre outras autoridades, á gala acudiron o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o alcalde da cidade, Javier Losada; o presidente da Deputación Provincial, Salvador Fernández Moreda; o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias; a presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso; a presidenta da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; e o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández Suárez, entre outros.

O acto conduceuno a presentadora e actriz galega Isabel Blanco. Ademais, déronse a coñecer os gañadores do certame entre un total de 71 curtametraxes, 78 bitácoras e 25 micromovies enviadas. A contía total dos galardóns ascendeu aos 25.000 euros.

A presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso, entregou os premios da categoría de xuventude na que se presentaran un total de 20 curtas. Neste apartado os premiados foron Emiliano Julián Cossini de Ourense coa curta Superheroe, Juan Pedro Pérez da Estrada con Comentarios á parte e Diego Valiño García de Santiago de Compostela con Fuuuu.

A continuación, o alcalde da Coruña, Javier Losada, a presidenta da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto e o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, entregaron os galardóns da categoría de inmigración a Manuel Buceta González da Coruña por Cafés de Papel, Ángel Alonso González de Vigo por Retornados e Carlos Prado Pampín por Alí e Alá.

O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández, entregou os galardóns da categoría de medio natural, na cal se presentaran un total de 17 curtas. Os gañadores foron Manuel Tarrío de Sigüeiro pola obra Apocalipse Nau, Pablo Penedo Naviera da Coruña por Quen estea libre de culpa e Andrés Cameselle Caride de Vigo por Novo clima galego.

Finalmente, recoñeceuse o valor na categoría de visións nosas / visións alleas, á que se presentaran 24 curtas. Os premiados foron Martina Pérez Pérez da Coruña coa curta O Crilo, Jordi M. Romero Oya de Barcelona por Bobi e Raúl García Pérez da Coruña por En el armario.

! AS CLAVES

A estrea na gala das "micromovies"

O premio da categoría de micromovies, obras realizadas cun teléfono móbil, foi entregado polo director do CGAI, Guillermo Escrigas, a Como ser loca mancha de Andrea Natalia Casadío de Munro (Arxentina).

Bitácoras virtuais, outra nova categoría

Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación foi o encargado de entregar o premio á mellor bitácora virtual, outra das categorías novidosas. Neste caso foi para Xoán Martínez González polo Gran Kahuna de Sr. Rojo .