El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

día das letras

Un libro de TresCTres achega novos datos sobre a poeta María Mariño

Segundo Esperanza Mariño a biblioteca onde a noiesa contactou coa paixón da lectura "é un mito" // O dicionario sairá do prelo en abril cunha foto inédita

V. OLIVEIRA • SANTIAGO   | 15.03.2007 
A- A+

A curiosa coincidencia do apelido de Esperanza Mariño co da poeta que este ano será homenaxeada no Día das Letras, María Mariño, foi case unha premonición que levou os editores de TresCtres, Amancio Liñares e Antonio Puentes, a encomendarlle a esta profesora de familia pobrense a elaboración dun dicionario cunha finalidade ambiciosa: a de reunir unha visión completa da autora noiesa cunha biografía, unha antoloxía de poemas e un estudo lingüístico das súas obras complementado con entrevistas e fotografías, algunhas inéditas, como a que irá na portada da obra, que descubriu nunha revista portuguesa.

O Dicionario María Mariño que sairá do prelo a principios de abril, achega interesantes e reveladores datos sobre a vida da poeta, froito dunha intensa investigación de Esperanza Mariño que imparte clases no instituto de Cacheiras (Teo). Segundo explica, a propia criada do Pazo de Goiáns -herdado por uns primos da escritora e a onde ela acudía con frecuencia- desmentiulle que alí existira unha biblioteca na que supostamente María Mariño cultivara a súa paixón polas letras. "Esta idea de que María lía no Pazo de Goiáns é un mito, aínda que familiares dela como unha sobriña-neta súa me dixera que era unha gran lectora, algo que desmente, por exemplo, Uxío Novoneyra, que era grandísimo amigo dela", apunta. A profesora recoñece que este dato arriscado pode provocar polémica "porque todos os libros publicados até o de agora sobre a escritora din que María lía na biblioteca do pazo", indica.

Durante as súas entrevistas e consultas da prensa dos anos 60, Esperanza Mariño comprobou que dos primeiros vinte anos da noiesa apenas hai datos. Retallos de escuridade dunha biografía con aspectos "morbosos" que non lle gusta tratar á profesora como a suposta relación amorosa entre Uxío Novoneyra e María Mariño, que non sentou moi ben no contexto familiar da escritora. Ao seu ver, o autor do Courel "influíu moito" na poeta noiesa até o punto de que comezou a escribir grazas á súa influencia. Da obra poética da homenaxeada este 17 de maio, destaca o poemario Verba que comeza.