El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Ames abre o día 25 o circuito de carreiras de montaña Trail Galaica

O prazo de inscrición remata o xoves 22 // Na pasada edición acudiron 270 atletas

ECG   | 15.02.2018 
A- A+

Santiago. Ames volverá acoller o 25 de febreiro a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña organizadas por Trail Galaica. A cita, organizada polo Concello, a Federación Galega de Atletismo e Dimenzone e composta por un itinerario que comezará na Ponte Maceira e rematará nas instalacións do Real Aero Club na Ameixenda, ten un prazo de inscrición para participar que finaliza o vindeiro día 22 de febreiro ás 23:59 horas.

Baixo o lema será por monte, a organización Trail Galaica naceu da man dun grupo de atletas e xente estreitamente ligada ao mundo do deporte, co obxectivo de reivindicar a beleza das paisaxes naturais galegas a través das carreiras de montaña. Neste 2018, o Concello espera superar a cifra de participación de 270 persoas da pasada edición.

A inscripción farase a través da páxina web www.trailgalaica.com cun custe de 15 euros para o Trail (que consta dun percorrido de 25,26 km) e de 10 euros para o Minitrail (14,46 km). O prezo inclúe o servizo de autobuses que transportará ás persoas participantes, a partir das 9.00 horas, desde o Real Aero Club ata a liña de saída na Ponte Maceira. Ademais, na zona de meta, haberá vestiarios, duchas e servizo de fisioterapeuta.

A recollida de dorsais poderase facer o propio día da proba, a partir das 8.30 horas, nas instalacións do Real Aero Club. A entrega de premios realizarase tamén neste punto ás 13.30 horas.

As tres persoas clasificadas en cada proba, no Trail e no Minitrail, serán galardoadas. Así mesmo, tamén haberá premios especiais para os clubs.