El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

A comarca de Santiago prepara o seu primeiro gran torneo de fútbol base

A Asociación Fútbol Base Santiago e Comarca, da que forman parte 16 clubs de 6 concellos, organiza para xuño a Copa Camiños de Compostela.

SILVIA CASTIÑEIRAS. CORREOTV  | 16.04.2018 
A- A+

Despois de varias conversas, no mes de setembro quedaba constituída a Asociación Fútbol Base de Santiago e Comarca. A entidade aglutina, de momento, un total de 16 clubs pertencentes aos concellos de Santiago, Ames, Teo, Rois, Vedra e A Baña, que teñen como obxectivo recuperar os verdadeiros valores do deporte entre os máis cativos e deixar nun segundo plano a competitividade e as ansias de gañar. 

A Asociación, apoiada polos Concellos implicados e pola Federación Galega de Fútbol, vén de presentar, na sede desta última entidade, o seu primeiro gran evento deportivo. Trátase do I Torneo Internacional de Fútbol Base Copa Camiños de Compostela, que se vai celebrar dende o 4 ao 24 de xuño. A cita vaise desenvolver mediante un sistema de competición dividido nunha fase previa, na que os equipos formarán grupos de catro para enfrontarse nunha liga a unha soa volta, e unha fase final, na que o 1º e 2º de cada grupo se clasifican para desputar o título. 

No torneo participarán os clubs que actualmente forman parte da AFBSC: Milladoiro SD, Atlético Fátima, Amio SD, Calo SR, CD Rois, Escola Deportiva Santiago, Villestro SD, SD Compostela, Praíña Sporting Club, Cacheiras SD, SD A Baña, AD Burgo das Nacións, CD Belvís, Rácing San Lorenzo, UD Vista Alegre e CD San Mamed. Aínda así, a idea da organización é convidar a outros clubs a formar parte desta Copa, que ten como particularidade unha distinción especial ao bo comportamento e que terá como sedes os campos dos 6 concellos.

Na presentación da Copa Camiños de Compostela estiveron presentes o presidente da Asociación Fútbol Base de Santiago e Comarca, Vicente González; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; e representantes de cinco dos seis concellos nos que se celebrará a competición. Así, asistiron ao acto Noa Morales, concelleira de Deportes de Santiago; José Miñones, alcalde de Ames; Carlos Martínez, alcalde de Vedra; Ramón Tojo, alcalde de Rois; e Jorge Carballido, concelleiro de Deportes de Teo.