El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

"Non hai que terlles ningún medo, si respecto; a desfrutar, e a por eles"

Álvaro Casas recibe o Premio Xogador Mahou Cinco Estrelas da SD na temporada e dá a súa receita para a eliminatoria fronte o Espanyol B // Comparte o trofeo co resto do plantel

Álvaro Casas, o primeiro pola dereita, é felicitado polos seus compañeiros, onte en el San Lázaro II.  - FOTO: ECG
Ver galería
Álvaro Casas, o primeiro pola dereita, é felicitado polos seus compañeiros, onte en el San Lázaro II. - FOTO: ECG

ANTONIO PAIS   | 17.05.2018 
A- A+

Álvaro Casas recolleu, de mans de Rubén Vázquez, xestor de Mahou en Santiago, o premio Xogador Cinco Estrelas da SD Compostela na tempada 2017-18. Pero o futbolista non buscou unha distinción personal: quixo recoller o premio xunto aos seus compañeiros no San Lázaro II, e comentou que el non se considera "xogador Cinco Estrelas. Este premio é de todos: ao final, é a suma dos vinte xogadores e do corpo técnico o que fai que esteamos aquí". Díxoo entre os vítores e aplausos do plantel e o sorriso dos adestradores.

Un exemplo máis da unión que reina na SD Compostela. Un motivo máis de esperanza para o que chega: o domingo (San Lázaro, 17.30 horas), partido de ida da eliminatoria de ascenso a Segunda B fronte o Espanyol B: o PARTIDO.

Álvaro dá a súa receita para o choque, e tamén para estes días: "Penso que hai que levalo con naturalidade esta semana, facer o que vimos facendo toda a tempada: e ir con todas as gañas do mundo para pasar a eliminatoria e ascender. Se gañamos a liga foi porque algo fixemos ben".

Concedeu que "o corpo técnico tróuxonos un par de cousas" do Espanyol B, pero prefire centrarse no seu equipo: "Se estamos aquí é polo traballo que fixemos nós. Non hai que terlles ningún medo, si respecto, ir a por eles porque isto é un sorteo de campións e os 18 que estabamos alí era por algo. Os 18 que podían tocar eran monstros, non é doado gañar unha liga", explicou, en referencia ao titular deste xornal cando se coñeceu o sorteo.

Para o domingo "claro que me conformo cun triunfo. Pero no fútbol nunca sabes, na primeira xogada igual firmas algo diferente ao de antes. Firmo que o equipo compita, que desfrutemos, que o merecemos... xogar con responsabilidade, pero sen presión".

Na primeira eliminatoria de ascenso que xogará (si xogou unha de descenso), Casas coincide en que vai ser "un partido de 180 minutos, isto non remata o domingo", cando "será un partido bonito de ver. Somos dous equipos que lles gusta ter o balón, presionar... seguro que vai haber alternativas e goles".

O Compos non pensa na derrota. "O bo de quedar primeiro é que se perdes tes outra oportunidade, pero creo que hai que ir a morte a por esta, sen volvernos tolos pero sabendo que se gañas estás en Segunda B, e que se non, vas estar no bombo. Estamos ilusionadísimos e traballando".

Álvaro chama á afección. "Serán o xogador número 12, axudarán a gañar".

Santi é a dúbida

•••Santi Gegunde realizou onte parte da sesión de adestramento co grupo. Avanza na súa recuperación da lesión de nocello que sufriu e é dúbida para o encontro do domingo (17.30 horas) en San Lázaro. Hoxe, o Compostela adestrará no campo de Conxo.

 

•••A SD recorda que os abonados menores de idade teñen entrada gratuíta o domingo, pero esa entrada teñen que retirala, nas oficinas ou na taquilla.

 

•••A grada de Preferencia abrirase para o partido cando estean ocupadas as localidades da Tribuna.

Álvaro Casas

Xogador da SD Compostela

"O bo de quedar primeiro é que podes ter outra oportunidade; pero hai que ir a morte agora, sen volvernos tolos: estamos moi ilusionados"

 

"Nestes partidos sempre se fala de non encaixar, de que é mellor xogar primeiro fóra...

xa ves o Madrid na Champions; o fútbol cambia nun minuto"