Viernes 25.05.2012
| Actualizado 22.59
Hemeroteca web
|
RSS
En relación coas opinións manifestadas o luns pasado polo concelleiro de Deportes de Santiago nun programa de Localia, quero expresar o meu profundo desacordo, desde a cordialidade e co desexo de contribuír a un debate que definitivamente temos que dar no ámbito concreto da sociedade compostelá, neste caso. E quero facelo publicamente poque son manifestacións que xa lle teño escoitado en privado, e, na medida, que agora son públicas, pido que se abra ese debate e que todos contribuamos a el neste ou noutros medios.
As manifestacións referíanse a que os clubs deportivos deben financiarse cas achegas dos seus socios, do froito da súa actividade, e da esponsorización, e non planificar a súa actividade en función de posibles achegas da administración porque estas poden darse ou non, e poden ser de distintas contías.
Primerio convén aclarar que estaba a falar dos clubs en xeral e polo tanto incluía tamén todos aqueles (a inmensa maioría) que se dedican ó deporte de base, é dicir, aqueles que fomentan unha actividade saudable para centos, miles, de cidadáns, fundamentalmente nenos e nenas, mozos e mozas. Sabido é por toda a cidadanía que están prestando uns servizos sociais que debería cumprir a administración nunha sociedade avanzada. Isto é: ofertas de ocio con deporte e cultura, a educación e a saúde, todos eles aspectos relacionados coas actividades que desenvolven estes clubs e que desde a administración non se prestan. Moitos estudos demostran que están lle aforrando millóns de euros á administración sanitaria, como por exemplo o Estudio de Atlas Sport Consulting para a Generalitat 2006 que conclúe que 1 euro invertido en promoción do deporte comporta un aforro de 50 euros en saúde ao longo de 15 anos. A propia administración o recoñece cando está recomendando continuamente a práctica deportiva para limitar a incidencia de problemas de obesidade, cardiovasculares, diabéticos... É certo que o deporte se pode practicar en solitario, pero cando estamos a falar da infancia e da mocidade incluso é recomendable que se faga en clubs porque cómpre ademais un fin de socialización.
Podería analizar os orzamentos do concello de Santiago polo miúdo e propoñer reducir partidas para aumentar no deporte (é o que nos preguntan sempre os responsables deportivos, de ónde sacamos para darlle ó deporte), pero enseguida sairía a palabra estrela: "demagoxia", por iso vou ser máis atrevido: vou facer unha comparativa cos orzamentos dedicados a cultura. Suponse que teñen una finalidade similar: ocupar o tempo no que non traballamos ou estudamos en actividades saudables: para a mente ou para o corpo. Sen esquecer que o segmento de poboación a que prestamos servizos son a infancia e a xuventude, cuestión que debería abondar para imprimirlle un carácter prioritario. (As partidas dos orzamentos do concello de Santiago para as actividades de cultura e deporte podense ler na táboa adxunta a este artigo). Unha vez consultadas as partidas do presuposto, entón a pregunta do millón é: ¿Por que as actividades saudábeis para a mente levan máis do triplo do orzamento municipal que si son saudábeis para o corpo?
¿Por que no primeiro caso non se teñen que financiar fundamentalmente coas achegas dos pais, nais, usuarios, espectadores, patrocinios... e no segundo caso si?
¿É máis rendible para a sociedade que 1.000 persoas (sendo xeneroso) gocen dun investimento municipal anual de 2.200.000 euros (11.000.000 en 5 anos) por poder ver espectáculos no auditorio, que 500 (só no CD Conxo e Santiago de Compostela) reciban un investimento para o fútbol base, balonmán e voleibol de 45.000 euros (225.000 en cinco anos) por practicar deporte nunhas condicións indignas?
Pero todo isto ten unha resposta, que mentres haxa "pringados" directivos, "pringados" adestradores, que poñen o seu tempo e os seus cartos, para qué o vai facer a administración.
Se os clubs da cidade deixaran a súa actividade, o concello tería que aumentar a partida de transferencias correntes a empresas privadas (xa sabemos que non o faría con recursos públicos) por dez, é dicir pasaría de 465.800 a case 5.000.000 de euros. Señor concelleiro, administración municipal, facer un investimento anual de transferencia ás entidades deportivas próxima a esa cantidade, É RENDÍBEL, e, contrariamente ó que vostede di, o patrocinio debe ser complementario do investimento público, porque a empresa privada só o vai facer se a ela lle é rendíbel, e só os clubs profesionais ou semiprofesionais, que saen moito na prensa, o poden ser, pero o investimento no deporte de base é a administración quen o ten que facer, igual que na sanidade, a educación ou, a cultura, porque ademais é unha actividade transversal, ten beneficios tanto na sanidade como na educación, como na cultura, e por iso a actividade deportiva non se debería desenvolver cos medios mínimos necesarios, senón cos mellores medios posibles como se tenta facer nesas outras actividades, e iso non se consegue coa vontade dos "pringados", senón tendo boas infraestruturas e ben formado e ben pagado o persoal.
Seguindo o mesmo estudo antes aludido (Atlas Sport Consulting), co orzamento deste ano, o CD Conxo que achega 90.000 euros non procedentes de achegas das administracións, poñamos que a metade son estritamente para a actividade deportiva, está aforrando á administración 2.250.000 euros en 15 anos, é dicir 150.000 cada ano. O máis chocante é que, aínda enriba, o arranxo dos "danos colaterais" ou lesións deportivas tamén as financian os clubs coas súas achegas ás mutuas, xa que se imos á Seguridade Social cóbrannos, non me dirán que o negocio non é redondo.
Volvo repetir, é obriga da administración e ademais é RENDÍBEL.
Partidas dos orzamentos do concello en cultura e deporte
CULTURA
Transferencias ó Auditorio de Galicia 2.200.000 €
Actividades en Centros Socioculturais 350.000 €
Actividades en Cultura 107.600 €
Actividades Festas 1.050.000 €
Traballos realizados por outras empresas en dinamización
en centros socioculturais 620.000 €
Transferencias nominativas a entidades culturais 445.000 €
Transferencias non nominativas a entidades culturais 45.000 €
TOTAL 5.744.600 €
DEPORTES
Actividades deportivas 277.000 €
Transferencias a XADE 42.000 €
Traballos realizados por outras empresas 206.000 €
Empresas de seguridade 208.000 €
Transferencias correntes a empresas privadas 465.800 €
Subvencións nominativas a entidades 35.000 €
Subvencións non nominativas a entidades 393.900 €
TOTAL 1.627.700 €
(*) O repartimento do investimento municipal no deporte merece un capítulo á parte
