Viernes 25.05.2012
| Actualizado 22.59
Hemeroteca web
|
RSS
Alá polo verán escribía nestas mesmas páxinas sobre o proxecto existente na Fundación Compostela Deporte para a construción dun circuíto de kárting na ampla superficie do antigo vertedoiro de Amio. A Fundación, que estabeleceu os contactos cos diferentes sectores interesados na idea, realizou os estudos previos e ten xa nas súas mans un anteproxecto que pode permitir dotar Santiago do mellor recinto deportivo destas características de todo o país. O antigo vertedoiro é un espazo que ten limitados os seus usos para outro tipo de instalacións pola natureza do subsolo que o compón, pero moi acaído por tamaño e por localización para este aproveitamento deportivo e empresarial.
As xestións desenvolvidas culminaron daquela, na primavera do 2007, co asinamento dun convenio-protocolo para a súa construción entre o alcalde, a un tempo presidente da Fundación, en representación do Concello, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Trátase, nin máis nin menos, que de coordinar o sector público e o privado, compaxinando as actividades deportivas e formativas coa actividade das empresas automobilísticas, deficitarias dunha infraestrutura destas características.
A institución municipal poderá oferecer unha instalación deportiva da que carecemos para os deportes de motor, ao tempo que servirá para usos pedagóxicos de educación vial. Por outro lado, é evidente o interese das empresas do sector que, carecendo dun espazo adecuado, teñen serias dificultades para poder probar os vehículos e desenvolver actividades extraordinarias, presentacións de novos modelos e outros eventos importantes relacionados coa súa actividade empresarial.
O outro día líamos nas páxinas de EL CORREO GALLEGO que a entidade que lidera a transformación urbanística das Cancelas proxecta mudar a idea inicial de crear unha pista de xeo, da que tamén carece a cidade, por un circuíto de kárting.
Sen pór en dúbida a boa vontade da empresa que proxecta os servizos que se queren brindar no macrocomplexo das Cancelas, resulta evidente o descoñecemento do traballo realizado e do convenio asinado pola Fundación, proxecto non abandonado, a teor das catas xeolóxicas realizadas hai pouco máis dun mes nos terreos de Amio, a todas luces máis acaído por tamaño e rendibilidade socioeconómica que o das Cancelas, pois ademais dos usos deportivos e recreativos súmase o interese empresarial do importante sector do motor na nosa cidade.
É preciso, pois, superar este problema de coordinación e que o Concello, asumindo o seu papel de planificador cualificado das instalacións deportivas, reoriente de común acordo coas entidades promotoras a especialización das novas instalacións que se proxectan para Santiago.
Triste sería que, despois de tantos anos de espera, fósemos contar con dúas instalacións similares, cando temos carencias de instalacións para outras modalidades deportivas.
