MADRID. E.P.
As accións de Inditex subiron hoxe un 3,63% en bolsa e rexistraron o segundo maior avance do parqué madrileño, despois de que a compañía presentase os resultados dos nove primeiros meses do seu exercicio fiscal.
Os títulos da téxtil pecharon 42,77 euros, tras marcar unha cotización máxima de 43,03 euros e unha mínima de 41,76 euros, nunha sesión na que se intercambiaron tres millóns de títulos, cun volume de negocio de 128,69 millóns de euros.
A multinacional que preside Amancio Ortega obtivo un beneficio neto de 831 millóns de euros entre o 1 de febreiro ao 31 de outubro, o que supón un descenso do 1,4% respecto ao mesmo período do exercicio anterior. As vendas situáronse en 7.759 millóns, cun incremento contable do 6% e do 8% a tipos de cambio constantes.
Durante unha conferencia con analistas, o vicepresidente e conselleiro delegado da multinacional, Pablo Isla, cualificou de "satisfactorios" estes resultados, tendo en conta o actual contexto económico "desafiante".
En canto ao mercado español, a compañía insistiu en que non detectou unha nova deterioración das vendas en España, onde o seu negocio evoluciona mellor que as cifras oficiais sobre consumo.
Tras avanzar que "nos próximos anos" se continuará vendo un "forte" crecemento do grupo en superficie, Inditex destacou a súa aposta polo mercado asiático. Así, confirmou os seus plans de entrar en India a principios do próximo ano, onde, a través da 'joint venture' creada co grupo Tata, prevé abrir inicialmente cinco tendas ao longo de 2010, para despois seguir crecendo no país.