Domingo 12.02.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
O comercio tradicional está sometido a un continuo e profundo proceso de cambio que lle esixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continua para manter a súa competitividade. Nun mercado tan complexo como o actual e cun consumidor cada día máis esixente e informado, é necesario desenvolver ferramentas dirixidas a apoiar e potenciar o sector para incrementar as vendas.
Con tal obxectivo, a Federación Galega de Comercio, coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Caixa Galicia, desenvolve ao longo do ano unha importante actividade promocional do sector, realizando distintas actuacións que buscan enxalzar os beneficios do pequeno comercio e as súas vantaxes fronte a outros distintos formatos de distribución.
Así, realízanse campañas no eido rexional e tamén de ámbito local, sectorial ou provincial, executadas maioritariamente polas distintas asociacións integradas. Trátase, en todo caso, de accións promocionais que teñen por obxectivo potenciar as compras no comercio minorista a través de rigorosas actuacións nos puntos de venda e a planificación publicitaria nos principais medios de comunicación, buscando deste xeito a fidelización dos consumidores.
Con estas actividades búscase dar unha imaxe atractiva do pequeno comercio, resaltando os seus principais valores, como o trato personalizado, a proximidade, a calidade de servizo, a especialización, etc. Entre estas iniciativas cómpre destacar pola súa continuidade e consolidación a Quincena do Comercio Galego. Trátase dunha campaña que este ano chegará á súa sexta edición, e que foi creada co obxectivo de incrementar as vendas no comercio tradicional no mes de novembro, período transitorio entre as campañas de Volta ao Cole e Nadal. Todos os establecementos de Galicia participan nesta actuación promocional con carteis anunciadores que colocan nos seus escaparates; imprescindible colaboración que é acompañada dunha intensa campaña publicitaria en medios escritos e atractivos premios materiais e en metálico que converten esta Gran Quincena do Comercio Galego nun importante reclamo para que o consumidor elixa o comercio retallista para facer as súas compras durante este período.
Outras datas, neste caso polas súa relevancia para as vendas como Nadal, Día do Pai, San Valentín, Día da Nai, etc. son tamén motivo de campañas publicitarias para promocionar as vantaxes do sector. Tamén as dúas temporadas de rebaixas, de inverno e de verán, nas que a Federación Galega de Comercio distribúe entre todos os seus asociados carteis anunciadores que os comerciantes deben colocar nos seus escaparates anunciando as datas elixidas para realizar os descontos.
A revista Comerciogalicia. com, un proxecto editorial iniciado pola Federación Galega de Comercio no ano 2002 para impulsar as vendas e servir de canle de información e formación ao comerciante e consumidor, é outra das vías empregadas para a promoción do comercio galego. Esta publicación conta cunha importante tirada de 250.000 exemplares que se distribúen encartados nos principais xornais galegos, na Xunta de Galicia e nas oficinas de Caixa Galicia.
Accións para comerciantes e consumidores
O contido da revista Comerciogalicia. com, abrangue informacións de interese para o comerciante e para o consumidor, como axudas, novidades lexislativas, entrevistas e reportaxes relacionadas co sector.
Por outra banda, o portal www.comerciogalicia.com, pretende ser unha ferramenta ao servizo dos comerciantes na que poden poñerse ao corrente de todos os aspectos relacionados coa súa actividade diaria.
Pero tamén xorde como un grande escaparate no que o comercio retallista galego, utilizando as tecnoloxías máis actuais en comunicación, amosa a súa oferta comercial ao cada vez máis numeroso e influínte mercado de internet.
Todas estas ferramentas, xunto coas xornadas, congresos, etc. son as empregadas para incentivar ao consumidor a optar polo sector comercial tradicional, dando unha imaxe unificada dun comercio moderno que mantén os seus mellores valores tradicionais, e no que o principal referente é sempre e sen distinción o cliente.
Así, esta nova ferramenta compleméntase con outras iniciativas xa postas ao servizo do comerciante, nunha acción na que abrangue todos os aspectos de servizo á comunidade.
A promoción é un paso importante que vén dando a Federación Galega de Comercio, integrándoa e reforzándoa con campañas específicas destinadas a mellorar o comercio .
