Domingo 26.05.2013
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
Moi boas tardes aos veciños e veciñas de Ordes, é para min un pracer contestar as vosas preguntas, algo que farei os vindeiros catro anos de forma constante dende o próximo goberno municipal. Empezamos
¿Como ve as combinacións de pactos de goberno despois das eleccións?
Desde o BNG presentámonos ás eleccións coa convicción de obter a confianza dos veciños e veciñas de Ordes e liderar un goberno municipal que transforme o noso concello co obxectivo de crear emprego e mellorar os servizos públicos. Con esas premisas lideraremos o goberno de cambio que todos os ordenses demandan.
¿Que medidas para a creación de emprego e combatir o desemprego poñerá en practica no caso de formar parte do goberno?
O BNG leva catro anos traballando na realización de propostas para paliar o principal problema que ten o noso concello: a falta de oportunidades laborais. Neste sentido propostas como a creación dun viveiro de empresas e dun centro de promoción económica, a modernización da praza de abastos, a promoción do comercio ordense e a revitalización do polígono industrial de Merelle, así como a ampliación do solo industrial no noso concello son propostas absolutamente prioritarias para o próximo goberno do BNG.
O obxectivo é recuperar os 500 postos de traballo destruidos en Ordes nos últimos catro anos.
¿En temas tan importantes como a vivenda eo emprego, totalmente ignorados polo anterior goberno, que propostas ten?.¿en canto a un centro de día, non cré que xa debería de estar feito?.
O impulso e a aprobación definitiva do PXOM, co obxectivo de facilitar o acceso a vivenda protexida para os veciños e veciñas e as propostas en materia de emprego xa manifestadas con anterioridade serán aspectos a abordar de forma inmediata en tanto iniciemos o mandato municipal.
No tocante ao centro de día, o BNG propuxo no seu momento a adhesión do Concello de Ordes ao Consorcio de Benestar e Igualdade, o que tería suposto a construcción dun centro de día sen ningún custo para as arcas municipais. No próximo mandato retomaremos as xestións para conseguir que o centro de día en Ordes sexa unha realidade, porque somos conscientes da súa necesidade tendo en conta que máis de 2.500 veciños e veciñas de Ordes superan os 65 anos de idade.
Os medios publicaron que vostede foi un dos responsables do escándalo de Carrumeira. ¿NOn cree que iso lle pasará factura nas urnas?
Ese asunto constitúe un bo exemplo de como os principios son importantes, tanto para os que sometemos as nosas actuacións á tribuna pública como aqueles que teñen o papel de informar ou criticar. Por principios éticos deixei as miñas actividades profesionais antes de asumir un cargo público como concelleiro e, polo tanto, separei perfectamente unha cousa da outra, cando legalmente non tiña a obriga de facelo. E quen pretendeu utilizar ese asunto non tivo máis remedio que recoñecer que a miña actuación foi exemplar. Pero son os principios e o compromiso cos veciños e veciñas de Ordes o que realmente debe obrigar a calquera persoa que aspire a liderar o seu goberno a facelo con absoluta transparencia, se quere contar co seu respaldo e confianza
¿Cales serán as primeiras medidas que tomará si alcanza a alcaldía de Ordes nas eleccións municipais do 22 de maio?¿Atrevese a facer unha quiniela de resultados tras a mais que probable presentación de cinco candidaturas en Ordes?
As primeiras medidas están relacionadas co principal obxectivo do BNG nos vindeiros 4 anos: a creación de emprego e a reactivación económica. Con este obxectivo xa estamos a manter reunións cos diversos sectores económicos do concello para impulsar as medidas as que fixen referencia na segunda resposta e que constitúen a nosa prioridade.
O que me atrevo a afirmar é que o BNG aspira a gañar as próximas eleccións municipais en Ordes e, por tanto, a liderar un goberno de transformación e de mellora das condicións de vida dos nosos veciños e veciñas. Esa é a miña quiniela.
¿Cales son as suas prioridades para as diversas parroquias de Ordes que non teñen os servizos da Vila de Ordes?
A primeira será mellorar as infraestructuras e servizos básicos das nosas parroquias. Neste sentido a dotacións de servizos públicos de abastecemento e saneamento de auga constituirá unha prioridade. A mellora das infraestructuras viarias e o remate da totalidade das concentraciósn parcelarias, así como o impulso de medidas que promovan o desenvolvemento do sector primario, un sector moi importante economicamente para o noso concello.
Moi boa iniciativa, aínda que un debate aberto entre os candidatos sería moito mellor. En canto as preguntas : ¿ Tería vostede dedicación parcial ou exclusiva no concello? ¿Cales serían os eixes económicos sobre os que vai xirar o desenrolo económico do concello? ¿Cales serían as actuacións mais urxentes? Ante a falta visible de liquidez, , ¿de onde pensa recortar gastos?
O concello de Ordes é un concello de moita importancia e os veciños merecen un alcalde que se adique en exclusiva a traballar para a defensa dos intereses de Ordes.
En canto aos eixos económicos, todas as medidas que levo citadas con anterioridade intentarán aproveitar o enorme potencial que posúe Ordes como cabeceira de comarca, a medio camiño entre A Coruña e Santiago. Ese potencial debe ser posto ao servizo da implantación de grandes empresas no noso concello e, por tanto, da creación de emprego de calidade para os novos veciños e veciñas.
En primeiro lugar trataremos de aumentar os investimentos doutras administracións no noso concello. O goberno do BNG será un goberno dialogante con outras institucións buscando o beneficio de todos os veciños e veciñas. En canto aos gastos, analizaremos a situación económica do concello e recortaremos aqueles que non sexan estrictamente necesarios para o mantemento dos servizos públicos e a mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.
sr. Gonzalo que opinion ten vostede de que o musico da operacion orquesta de Ordes sexa segun o pais o señor Roberto Gonzalez, e o señor Regos o leve na sua lista a sabiendas das famosas comilonas.
non cree que cheira a chamuscado
Confiamos no traballo da Xustiza e, por esa razón, comprenderá que ate que non haxa ningunha resolución xudicial sobre o asunto non expresemos a nosa opinión sobre o mesmo. O que si podo decirlle é que o BNG colaborará activamente desde o próximo goberno municipal coa Xustiza para esclarecer calquera cuestión, posto que defendemos que os cargos públicos deben desempeñarse co respecto máximo aos principios da ética, a transparencia e a honestidade.
¿Que solución ten vostede a desfeita que está a facer o governo actual,coa Banda Amigos da Música de Ordes e coa escola municipal de música?.
¿Que fará vostede para recuperar a cúltura, que sempre estivo troncada polos incultos e renegados políticos, que governaron este concello?.
O que podo asegurarlle é que dende o próximo goberno municipal apoiaremos decididamente o labor da Asociación de Amigos da Música de Ordes e da escola municipal de música, que están a facer unha gran labor de promoción do noso concello en todo o país, e que contribúen de forma decisiva a formación integral dos xóvenes do noso concello.
Crearemos un consello municipal de cultura no que daremos voz e participación as entidades culturais do noso concello co obxectivo de fomentar as expresións culturais e artísticas que a cotío, e moitas veces con escasos recursos, están a levar a cabo de forma meritoria as entidades culturais dende o noso concello. Terán o noso decidido apoio.
Como tod@s sabemos foches o melloriño que tivemos na oposición,¿pensas que sen o BNG facendo oposición este concello estaría maís desfasado e empufado?.
O que teño seguro é que cun goberno do BNG no concello de Ordes teremos un goberno ao servizo de todos e todas as veciñas sen discriminacións e que porá a Ordes no lugar que merece.
Regos considera a ronda leste un dos proxectos mais importantes da lexislatura. Os veciños pensamos que este foi un logro do BNG despois de insistir e traballar para desviar o trafico do centro da vila, pois o señor Regos e o señor gonzalez sempre desestimaron facer unha circunvalación, moitos anos gobernando co PP.¿que opina vostede?.¿ten algunha proposta mais sobre o trafico urbano?.
A ronda leste é unha conquista, sobre todo, dos veciños e veciñas de Ordes. É certo que o BNG impulsou unha movilización decisiva para conseguir o investimento necesario para construir esta infraestructura tan demandada polos nosos veciños, mais, sen a implicación e o compromiso destes, coas máis de 3.000 sinaturas recollidas na campaña desenvolvida polo BNG, esta rolda non sería unha realidade. Quero aproveitar para reiterar o agradecemento aos veciños e veciñas de Ordes por demostrar unha vez máis que o noso concello ten unha sociedade vida e capaz de defender os seus intereses.
Dende o BNG defendimos e propuximos mellorar a ronda leste ampliando a mesma, para dotar dunha saída no cano de Leira e evitar o previsible colapso do polígono industrial e a partir do 22 de maio tocaranos, dende o goberno municipal, facer realidade esta mellora. No tocante ao tráfico urbano faremos un estudio para a reordenación do mesmo contando coa previsible humanización e peonalización dalgunha das rúas de maior interese comercial do noso concello.
Durante os ultimos catro anos o BNG foi o único partido da oposición que fixo propostas sobre os temas mais importantes, emprego, praza de abastos, temas sociais, etc., ¿non cree que esto lle debería pasar factura o PP ?.¿se entra a gobernar seguirá mantendo esas propostas e cumpliraas?.
Cando entremos a gobernar imos a levar adiante as actuacións que temos proposto en materia de emprego, reactivación económica e tamén de mellora dos servizos sociais.
Como sabes, o asunto do Carrumeiro é o teu maior pasivo político do que nunca te poderás desfacer. Máis alá de aspectos legais, se so falamos de aspectos ÉTICOS, qué podes dicir deste asunto? Non crees que o BNG criticaría ata o infinito se isto o fixesen o PP, PSdG, etc...?
Como xa dixen antes, todo o contrario. O ter deixado as miñas lexítimas actividades profesionais antes de ocupar un cargo público constitúe a boa proba de que o BNG fai do respecto aos principios éticos no exercicio dun cargo público unha das súas prioridades. E a eso me comprometo desde o próximo goberno municipal.
Como é ben sabido, outras formacións políticas non poden decir o mesmo.
El candidato del PP Jose Luis Sanjurjo, propuso hace unos dias de firmar un pacto entre partidos para que gobierne la lista mas votada. Cual es la postura de su partido al respecto?. Que opina de que se relaccione a Roberto Gonzalez (numero 4 de Regos) con la operacion Orquesta?
O único pacto que ten o BNG é cos veciños e veciñas de Ordes. Con esa maioría social que hai catro anos pediu un cambio no noso concello e que sigue aspirando a que se produza saben que o BNG é a única opción que non vai a traizoar as súas aspiracións de cambio. Como demostramos hai catro anos, e como demostraremos nestas eleccións, non nos fai falta asinar nada porque nós cumprimos co que afirmamos durante a campaña.
como e posible que o bng permita que se estea a asfaltar en a espenica,buscas, poulo e rademil propiedades privadas cando non hay que circule polas carreteras publicas. por que non o denuncian a xunta electoral,
Descoñezo esa cuestión. En calquera caso póñome a súa disposición para que me informe sobre a mesma e tomar as iniciativas que sexan pertinentes. O que está calro é que dende o BNG defendemos que os recursos públicos deben utilizarse no beneficio e en interese xeral e non en outro tipo de intereses.
Que opina del derroche del Sr. Regos en la chapuza de la ampliacion de la alameda?. Y de la ampliacion del ayuntamiento?. No seria mejor dedicar ese dinero a ayudas sociales, ayudas cursos de formacion a tantos y tantas desempleadas que tenemos en este ayuntamiento....
Xa temos manifestado en reiteradas ocasións que unha obra como a ampliación do concello nunha situación como a actual non era prioritaria. Agora o que toca é facer propostas para tratar de aproveitar en beneficio de todos e todas as veciñas de Ordes esas infraestructuras. Reformularemos o uso do edificio destinado a ampliación da casa consistorial e naqueles espacios que non sexan necesarios para as oficinas administrativas do concello crearemos un viveiro de empresas e un centro de promoción económica para crear emprego, que é a nosa prioridade.
Cales serían as tres primeiras medidas que levaría a cabo en caso de ser alcalde de Ordes?
Primeira: Viveiro de empresas para dar saída profesional e laboral ás iniciativas dos emprendedores, e modernización da praza de abastos.
Segunda: Creación dun centro de día público en Ordes.
Terceira: impulso do establecemento de empresas no municipio coa dinamización do solo industrial existente.
Que opina de que el sr. Regos contrate las obras a empresas fuera del ayuntamiento?, sera que los empresarios de Ordes no estan cualificados?, o cree usted que habra otros motivos?.
Descoñezo os motivos polos que non se contratou ningunha das grandes obras a empresas do noso concello. O que podo afirmar é que desde o próximo goberno do BNG, partindo do respecto á legalidade, fomentaremos a participación das empresas de Ordes nas grandes actuacións que temos previstas no noso concello.
Se hai unha reducción de Concellos ou se comeza a ordear o territorio comarcalmente, cómo influiría esto ó Concello de Ordes? E á Mancomunidade de Ordes?
Qué lle parecería unha reagrupación de concellos?
É unha iniciativa a estudar. O certo é que os veciños e veciñas da comarca de Ordes necesitan dunha mellora nos servizos públicos, e é evidente que hai concello sen capacidade nen recursos para prestar os mesmos. O primeiro paso será potenciar o funcionamento da Mancomunidade fomentando a prestación de servizos a nivel comarcal.
E sobre a posibilidade da reagrupación de concellos será unha cuestión que se deberá estudar partindo dun consenso entre todas as formacións políticas e concellos afectados.
Sendo probable que ninguén obteña maioría absoluta, de tódalas candidaturas, por favor ordee de maior a menor probabilidade de que o BNG pacte unha vez pasadas as eleccións (PP, UXO PSdG, CideGa… )
(Agradecería que non me contestase que queren a maioría absoluta e tal: iso sabémolo todos)
O BNG ten un compromiso cos veciños e veciñas de Ordes, ese compromiso pasa por liderar unha verdadeira transformación no noso concello. É ben sabido que esa transformación non poderá vir da man de formacións políticas ou persoas que levan máis de 20 anos gobernando o noso concello.
O noso compromiso é liderar un goberno municipal que responda a tres premisas: transformación, benestar e participación da cidadanía. En Ordes a maioría social demanda un goberno para todos que trate a todos por igual sen discrimnacións, e que defenda a mellora das condicións de vida dos cidadáns e as oportunidades de futuro no noso concello. Ese é o goberno que se compromete a liderar o BNG.
¿ Non cres que a mellor maneira de rematar cos pesimos gobernantes que tivo o noso pobo nos derradeiros vintecinco anos seria un grupo de goberno progresista, formado por xente do PSOE e do BNG ?. Parecen duas listas con xente nova, formada, e por riba de todo, xente limpa. ¿ Que opinas deste posibilidade ?.
E o BNG e eu, personalmente, caracterizamonos polo noso carácter dialogante e pola capacidade de chegar a acordos. Mais como dixen na resposta anterior o noso compromiso pasa por encabezar un goberno que transforme o noso concello e que mellore a calidade de vida dos nosos veciños.
Hai algunha posibilidade de que pacte con UXO ou co PP? Qué posibilidade?
Xa dixen antes que a transformación, o cambio e a mellora da calidade de vida dos nosos veciños é incompatible cun goberno participado por formacións políticas ou persoas que levan máis de 20 anos con políticas que teñen levado ao noso concello a unha situación moi complicada.
Hai algunha posibilidade de que pacte con CideGa? Qué posibilidade?
O que espera o BNG é gañar as próximas eleccións e liderar un novo goberno en Ordes. Descoñezo o programa e obxectivos da formación política a que se refire, máis obviamente son cuestións que non toca abordar neste momento. O noso compromiso, o noso pacto, é cos veciños e veciñas de Ordes.
Entendo que se teñen posibilidades de pactar co PSdG o farán (aínda que non queiran), ben para que Pedreira sexa alcalde ou para que o sexa vostede. Non digo noutros Concellos, pero no caso de Ordes tendo en conta o pintoresco cuatripartito da última lexislatura, Non lle parece iso venderse ó mellor postor?
Imos gañar as eleccións, porque a maioría social de Ordes sabe e confía en que o BNG non os vai a traizoar.
Considera que dende o mes de xaneiro en que se fixo público os membros da lista do BNG á alcaldía de Ordes o nivel de compromiso dos seus membros segue sendo o mesmo? Non cree que se precipitaron?
En absoluto. Fomos os primeiros en presentar a candidatura non por casualidade, senón porque o BNG é a única formación política de Ordes que leva os últimos catro anos traballando arreo cun equipo de persoas capacitado e preparado para gobernar. Por iso quixemos presentar canto antes ese equipo cohesionado que liderará o goberno municipal que os veciños e veciñas de Ordes demandan.
Quen é a súa número dous Montserrat Rey Patiño e que aporta a súa candidatura?
Montserrat Rey é unha persoa nova, moi formada, actual presidenta da Asociación para a Defensea Ecolóxica de Galiza na comarca de Ordes, veciña dunha importante parroquia (Santa Cruz de Montaos), e aporta renovación, ilusión e, como xa decía, capacidade para gobernar o noso concello.
Somos moitos os xóvenes que nos atopamos no paro, ¿Que pensan facer vostedes para axudarnos a encontrar traballo?
A semana pasada mantivemos un encontro coa mocidade do noso concello na que abordamos, entre outras cuestións, o impulso dun plan de emprego xuvenil que dea saídas laborais ás persoas entre 18 e 30 anos que se encontran en situación de desemprego. As políticas de mocidade van a constituir unha das prioiridades do próximo goberno do BNG.
O Alcalde de Arzua queren que sexa inelexible por problemas xuridicos segun o PP, non cree que Rejos tamen ten que ser inelexible por desacato de derrubar un edificio por sentencia do Tribunal Superior de Xusticia.
O asunto ao que se refire do alcalde de Arzúa está pendente de resolución xudicial. Non obstante teño que decir que o problema urbanístico do que trae causa foi causado polo anterior goberno do Partido Popular en Arzúa.
Descoñezo se existe unha resolución xudicial que condene ao señor Regos, polo tanto non me podo pronunciar sobre este aspecto.
por que o bng non denuncia publicamente o amaño das obras que esiste en ordes, como a ultima de que a empresa marcos estea a limpar e tapar baches en todo o concello, cos obreros municipais
Non teño constancia dese feito. En calquera caso póñome a súa disposición para, en caso de ser certo, adoptar as medidas oportunas. O que podo decirlle é que ese tipo de prácticas nunca se realizarán desde o próximo goberno do BNG. A transparencia será un dos nosos compromisos fundamentais.
Señor Castro ¿cual es su pronostico para las proximas municipales?, no me cuente lo de la mayoria, ¿con quien pactara si existe esa posibilidad?.
¿Cuales seran los puntos de su campaña? (aparte del enfrentamiento personal de su tercero de la lista con otros candidatos). Recordara y basara su campaña en desenmarcarar las mentiras pasadas y actuales de la Xunta de Galicia.
Muchas gracias.
O meu pronóstico é que a maioría dos veciños e veciñas de Ordes que queren un novo goberno municipal que impulse un cambio profundo no noso concello e que abra as portas a un novo futuro apoiará a única opción que non os defraudará: o BNG.
Os puntos da nosa campaña serán trasmitir aos veciños e veciñas de Ordes o proxecto de goberno do BNG, baseado en tres aspectos: emprego, servizos sociais e particípación cidadá.
Despues de lo de Carrumeiro de lo que usted salio bien parado denunciara usted todos esos casos que parece, (segun la prensa escrita), salpican a algunos concelleiros de Ordes.
Denunciara la politica de mentiras del PP sobre las inversiones, el recorte en servicios sociales, educacion, integracion, empleo, etc...
Saludos y mucha suerte.
Sobre o primeiro será a Xustiza quen teña que decidir no caso de que exista algunha ilegalidade. O próximo goberno do BNG poñerase ao servizo do que decrete a Xustiza, e colaborará con ela activamente.
Máis que denunciar, o que imos é a contrastar, como xa levamos feito estes catro anos, o que é unha política de desmantelamento de servizos sociais, de recortes de investimentos en Ordes, de aumento do desemprego, etc. etc., que caracteriza ao PP coa política de aumento de investimentos (por exemplo, concentracións parcelarias en Ordes), mellora de servizos sociais (centro de día, galescolas, etc.), e promoción económica (mellora dos servizos existentes no polígono industrial de Ordes, entre outras xa mencionadas) que caracterizaron ao goberno do BNG na Xunta.
A miña máxima sempre foi que toda crítica debe vir acompañada dunha proposta, dunha alternativa.
Sr.Castro, co bipartito na xunta con un goberno amigo ,a conselleria do medio rural, non fixo nada co tema da parcelaria no concello de ordes. vostede no tempo que leva de voceiro, non fixo nada, o mais que fixo foi exixir o que o seu partido Non fixo. e logo, que e o que nos vai propór? viaxar a Cuba con os gastos pagos e pasalo ben en hoteis 5 estrellas?
Durante o goberno do bipartito na Xunta produciuse o maior investimento na historia de Ordes en concentración parcelaria, máis de 6 millóns de euros en tres anos e medio. Máis do que invertiron os gobernos do PP en 16 anos. Ese dato exemplifica como ningún outro a diferencia entre o goberno do BNG e o goberno do Partido Popular, que ten abandonado de novo a súa sorte as concentracións parcelarias en Ordes, sen destinar un só euro ás mesmas nos orzamentos da Xunta para o ano 2011.
Posto que case todos os gobernos se escudan na crise para facer recortes en materia cultural. ¿Que actuacións pretende desenvolver se chega a gobernar?
Crearemos un consello municipal de cultura, fomentaremos as expresións e creacións artísticas existentes no noso concello, melloraremos, ampliaremos e dotaremos os locais de ensaio, impulsaremos a realización de ciclos culturais de teatro, cine, musicais... En definitiva, apoiaremos decididamente a numerosa, prolífica e inmellorable iniciativa cultural que teñen as entidades do noso concello.
Que actuacións do BNG de Ordes destacaría nestes últimos catro anos?
Destacaría a campaña polo desvío do tráfico pesado da vila, coa recollida de case 3.000 sinaturas, que deron lugar o impulso da rolda leste; as partidas conseguidas na negociación dos orzamentos do Estado para o impulso da circunvalación da N-550; a campaña contra o inxusto canon da lei de augas, con máis de 2.000 sinaturas recollidas; o avance e entrega de moitas concentracións parcelarias no noso concello; a defensa da construcción dun centro de día e dun local xuvenil, así como un local de ensaio, no noso concello; a dotación de servizo de acceso a internet e a mellora do suministro eléctrico no polígono industrial de Merelle... e tantas outras.
Cak é a sua relación co PSOE de Ordes e co candidato .
A miña relación cos amigos e amigas do PSOE de Ordes é moi cordial e amigable, como co resto de persoas que integran as demais formacións políticas. E co seu candidato, por conseguinte, tamén. Sempre separei as lexítimas diferencias de criterio político do que deben ser as relacións pesoais, que deben estar baseadas no respeto mutuo e na cordialidade.
Quero despedirme agradecendo a participación de todos os veciños e veciñas de Ordes neste encontro, que constitúe o antecedente do que será o meu traballo desde o próximo goberno municipal, un traballo que se caracterizará por escoitar a todo o mundo, por tratar a todo o mundo por igual, e por poñer o concello ao servizo de todos e todas.
Sinto, por falta de tempo, non ter respostado as innumerables preguntas que me tedes feito esta tarde. Desde o meu próximo despacho na alcaldía de Ordes non deixarei ningunha das vosas suxerencias, peticións e demandas sen atender. Moitas grazas