Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Miércoles 08.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

Portada » Encuentros digitales

Rubén Cela

Candidato por el BNG a la alcaldía de Santiago

Comparte en Tuenti Atrás

Bo día, amigos e amigas, dende a redacción de El Correo Gallego. Agardo que poida responder satisfactoriamente a todas as cuestións que me presentades.

  1. Respetará el principal valor de la democracia, cuál es reconocer al candidato más votado por el voto del pueblo en las urnas, o está a favor de pactos de gobiernos posteriores a las elecciones y que no cuentan con la aprobación de los votantes?

    O principal valor da democracia é unha persoa un voto, en igualdade e liberdade, e por suposto que o respetarei como o respetei sempre. En calquera caso, estas non son unhas eleccións presidencialistas. Polo que os cidadáns, libremente, escollen os seus representantes, que democraticamente actuarán como estimen oportuno, representando as persoas que os apoiaron á hora de conformar goberno.
    A cultura da coalición é unha cultura profundamente democrática. A ninguén se llle ocorrería decir que Alemania, que ao longo da súa historia sempre estivo gobernada por gobernos de coalición, conta con gobernos como vostede "di que non contan coa aprobación dos seus votantes". En calquera caso, nós presentamonos co noso proxecto propio, coa intención de recadar o máximo apoio posible para poder desenvolver completamente a nosa alternativa para Santiago.

  2. Nesta pasada lexislatura o BNG fixo pouco por Santiago, por que lle temos que votar agora?

    Non coincido coa súa afirmación. O BNG fixo moito e ben polo Concello de Santiago. Como toda obra humana, por suposto, que é mellorable, pero non é de extrañar que sistematicamente as áreas máis valoradas do goberno municipal sexan as áreas xestionadas polo BNG: Medio Ambiente, Cultura, Casco Histórico, Promoción Económica e Turismo.
    Ademais, fixémolo como fai o BNG, con honradez, transparencia, rigor e eficacia e sempre ao servizo dos veciños e das veciñas.
    Nós pedímoslle de novo a confianza aos veciños de Santiago para poder seguir desenvolvendo este proxecto e que Santiago non dé pasos para atrás nen se estanque, senón que de un salto para adiante.

  3. ¿Se vai enchufar no concello, e logo decir si a todo o que di o psoe, como os antecesores?

    Non teño por costume meter os dedos en ningún enchufe, e tampouco llo recomendo a vostede.
    En canto a segunda parte, os meus antecesores non dixeron sempre que si ao Partido Socialista. Somos dúas forzas políticas diferentes, con proxectos políticos diferentes, que compartimos un goberno en base a un acordo programático. Todas as veces nas que o BNG non ten coincidido co noso socio témolo amosado con transparencia. E cando hai vontade de solucionar as cousas, acabanse solucionando.
    Se repasa a hemeroteca deste xornal verá que non coincidimos na solución á folga do lixo en Santiago, en asuntos referidos a visita do Papa ou á Cidade da Cultura, o que non merma a acción unitaria do goberno en beneficio dos veciños.

  4. Cuál es el motivo de clara y constante animadversión de su partido hacia los emigrantes gallegos en el exterior y a los emigrantes retornados en Galicia?

    O BNG non ten ningunha animadversión ao respecto dos emigrantes, máis ben todo o contrario. Para os nacionalistas galegos a emigración ten unha importancia histórica e simbólica.
    O que é unha falta de respecto cara a poboación emigrante é tratala como mercadoría electoral, que foi o que fixo ata o de agora o Partido Popular.

  5. ¿No seria mas rentable para Santiago que a sua formacion estivese na oposicion controlando o goberno do Sr.Bugallo e respaldando so as decisions que beneficien os cidadans, en vez de repartir o pastel e non enterarse das competencias do seu socio?Porque na lesislatura que acaba,en tema de deportes non vos enterastedes de nada.

    Nós non plantexamos esto como o reparto de ningún pastel. O día 23 de maio, en función do que digan os cidadáns o día anterior, o BNG actuará en consecuencia. Nós non imos a gobernar a calquera prezo. Só en base a un acordo sobre os principais retos que debe asumir Compostela.

  6. No suposte bipartito que concellarias lle gustaría xestionar

    Gustaríanos xestionalas todas, que creemos que sería o máis beneficioso para a cidade. Se algo ten demostrado estes doce anos de presenza do BNG no goberno de Santiago é que todas as áreas que pasan por mans nacionalistas acaban mellorando.

  7. neste contexto de crise económica, cales son as medidas que propoñen para a creacion de emprego?

    O creación de emprego será o noso principal reto no próximo mandato. É certo que as competencias dun concello son moi limitadas, e os recursos económicos tamén. Pero cremos que se poden e se deben facer varias cousas:
    En primeiro lugar, reforzar aqueles sectores de actividade que xa veñen xogando un papel importante na economía local, como o pequeno comercio e o turismo.
    En segundo lugar, colaborar no impulso industrial, que axude a consolidar Santiago como a teceira área industrial e comercial de Galiza. Sacarlle partido aos máis de 2 millóns de metros cadrados de novo solo industrial, rematar as grandes infraestructuras que poden facer de Santiago unha cidade máis competitiva (aeroporto, ampliación da AP-9, AVE), mellorar a relación da USC co I+D+i local, etc.
    En terceiro lugar, apoiar aos empredendores como viñemos facendo ata o de agora.

  8. Cal cre que é, dende o seu punto de vista, o maior problema que sufre hoxe a cidade de Santiago? e que solucións propón

    O principal problema é o que comentaba na pregunta anterior: o emprego. Porque a pesar de que Santiago tivo un comportamento menos malo que outras cidades galegas, tanto en termos absolutos como relativos, o certo e que hoxe hai máis de 8.000 desempregados en Santiago, moitos deles sen dereito á prestación, e moitos asalariados, autónomos e pequenos e medianos comerciantes que o están a pasar moi mal, e que non saben se poderán manter a súa actividade a final de ano.
    O BNG, como unha organización de esquerdas e comprometida co país, quere estar coa xente máis desfavorecida e desprotexida, que non provocou esta crise pero que está pagando todas as súas consecuencias.
    Ademais do emprego, preocúpanos moito outro tipo de cuestións, como a mobilidade ous as políticas de sustentabilidade.

  9. ¿No le da vértigo asumir tan joven una responsabilidad tan grande?

    Vértixe non. O que si que asumín esta tarefa con moita responsabilidade. Custoume decir que si, porque son consciente da importancia que ten encabezar unha candidatura na capital deste país. Pero fagoo coa máxima das ilusións, cun moi bo equipo, e coa experiencia acumulada de 12 anos de acción de goberno do BNG.
    Esas mesma pregunta fixeronma hai 6 anos cando fun o director xeral máis novo, non só de Galiza senón de todo o Estado. Hoxe, con toda humildade, podo decirlle que a idade non é o factor determinante. O determinante son as ideas, os equipos e a ilusión e as gañas de traballar e de aprender que un teña. E asegúrolle que a eso non me gaña ningún dos outros candidatos.

  10. Cales son as súas propostas para turismo?

    O turismo será un sector prioritario para o BNG como o foi durante todos estes anos, porque vén a representar aproximadamente o 25% do noso PIB local. É un sector cunha grande capacidade de arrastre económico e dá emprego a máis de 4.000 persoas no noso concello.
    Agora mesmo temos definido a folla de ruta para os vindeiros anos co Plan Extratéxico de Turismo 2009-2015, no que se marcan como prioridades, por unha banda, as políticas de captación de novos puntos de captación de turistas (América, Europa do Leste, Asia) para o que será fundamental a nova terminal de Lavacolla e a xestión que se faga dela. E, por outra banda, todo o que ten que ver coa desestacionalización e a diversificación dos productos turísticos.
    Nese sentido, cuestións como o turismo de congresos, o turismo de incentivos, o turismo gastrónomico, de natureza, cultural... terán que ser as principais liñas a seguir.
    Os principais retos de futuro serán:
    - Reforzar a nosa excelente planta hoteleira cunha boa infraestructura para albergar grandes congresos e exposicións.
    - Colaborar con outros concellos para ofrecer paquetes conxuntos que axuden a aumentar a estadía media e o gasto medio por turista.
    - Mellorar a conectividade do aeroporto e, incluso, intentar conseguir que algunha aeroliña de baixo custe teña unha sede estable en Santiago, que permita máis conexións.
    - Etc.

  11. Apoiará o deporte de base?

    Por suposto. Para o BNG o deporte de base ten que ser a prioridade dunha institución municipal, por todo o que representa: unha educación en valores, como o compañeirismo, o xogo limpo, o xogo en equipo. Polo que representanta dende unha perspectiva de hábitos saudables, etc.
    Nese sentido, é necesario mellorar a colaboración cos propios clubes e centros deportivos, así como a importante dotación de infraestructuras deportivas coas que xa conta o concello.

  12. Son mestra de primaria, leva algunha proposta de ensino no seu programa?

    O programa de goberno 2011-2015 co que se presenta o BNG a estas eleccións municipais leva un completo apartado adicado ao ensino. De xeito telegráfico coméntolle algunha das prioridades:
    - Seguir completando o traballo que iniciou o BNG no ano 1999 a respecto de escolas infantís. Cando chegamos ao goberno só había 2 escolas infantís públicas, e hoxe Santiago ten a mellor ratio das sete cidades galegas. Agora mesmo está en construcción unha nova en Meixonfrío e nós comprometémonos no corto plazo coa construcción doutra na zona norte do Castiñeiriño, entre outras.
    - Seguir colaborando no ensino obrigatorio con todo o que ten que ver coa posta a punto dos centros educativos e actividades complementarias, e presionar para que a Xunta asuma a súas responsabilidades en materias de comedores escolares e outros servizos.
    - E, por último, preocúpanos tamén o ensino non obligatorio. En especial, a necesidade dun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio (edificio e docentes), e que se resolva a homologación do Centro Superior de Hostelería.

  13. Que política cultural vai aplicar se mantén a competencia desa concellaría?

    No fundamental, a mesma que se está levando agora. E que levou a que Santiago sexa unha absoluta referencia a nivel galego e peninsular a nivel de política cultural, basada en:
    - A democraticación do acceso á cultura, non reservando a cultura exclusivametne para élites, senón facendo programación para todos os públicos e en todo o territorio (barrios e parroquias).
    - Unha rede de centros socioculturais que fai que Santiago sexa unha das cidades coa nosa poboación, con máis centros deste tipo (máis de 40) aos que en breve se lle sumarán os novos centros de Santa Marta, As Cancelas e Vista Alegre (todas instalacións do máximo nivel).
    - Unha cultura aberta ao mundo, pero centrada en Galiza e en Santiago, que apoia aos novos creadores e á cultura galega.
    - Que manterá grandes eventos culturais como Cineuropa, Sons da diversidade, Curtocircuito, etc. Pero que incorporará novas propostas como a da construcción dunha factoría cultural, entre outras.

  14. Cal é a súa solución para os problemas de densidade de tráfico na cidade? Por que tipo de transporte aposta?

    Santiago é un concello duns 94.000 habitantes que ten unha extensión de 224 quilómetros cadrados e un casco polo que ciruclan todos os días máis de 100.000 vehículos, dos que o 75% proceden de fora. Polo tanto, a única posibilidade de abordar o problema da mobilidade é desde unha perspectiva integral e comarcal.
    Obras como a do túnel do Hórreo, que se abrirá esta semana, ou a futura ampliación da AP-9, sen lugar a dúbidas aliviarán parte do problema, pero non son a solución global, que terá que vir dada de sentarse na mesma mesa concello de Santiago, Xunta e os concellos limítrofes.
    Para nós é fundamental a mellora do transporte público. Tanto da súa conectividade con barrios e parroquias, como frecuencias, como en tempos. A revisión da política de aparcadoiros en superficie, tanto a nivel de aparcamentos de borde como das zonas para residentes, como sobre todo os aparcamentos en orixe.
    E tamén é fundamental non perder a perspectiva a medio e longo plazo, que para nós pasa polo metro lixeiro e poder contar cun tren de proximidade. A nova estación intermodal abre a posibildiade de replantexar moitas destas cousas. Hoxe xa está redactado o plan de mobilidade sostible, que de seguro dará orientacións neste sentido.

  15. Son comerciante e estou preocupada pola implantación de grandes superficies. Que vai facer o BNG para defender o pequeno comercio?

    Eu tamén. Eu son fillo de fruteiros e coñezo de primeira man a problemática específica da competencia das grandes superficies cos pequenos comercios.
    O modelo do BNG é antitético ao modelo Marineda City. Nós seguiremos apoiando decididamente ao pequeno comercio, e desde a administración local tentaremos colaborar na súa maior profesionalización e especialización, no seu relevo xeracional e modernización.
    Unha cidade sen comercio é unha cidade sen vida. E nós apostamos por un Santiago cheo de vida.

  16. Como van contribuír a reducir as listas de espera na sanidade? Pódese facer algo dende o Concello?

    Evidentemente as competencias son da Xunta de Galiza. Pero en calquera caso, a situación da área sanitaria de Santiago sempre foi unha das nosas principais preocupacións, tanto a respecto do funcionamento do CHUS como do futuro da Facultade de Medicina, e, sobre todo, a respecto dos novos centros de saúde de Conxo e Galeras.
    Para o BNG a sanidade pública, de acceso universal e gratuito, é algo absolutamente innegociable. Seguiremos demandando a construcción inmediata destes dous novos centros de saúde, porque actualmente entre o centro Concepción Arenal, Conxo, Fontiñas e Vite están a soportar 130.000 pacientes potenciais entre residentes, non residentes e desprazados, polo que os novos centros serán indispensables para aliviar esta situación.
    Lamentablemente, ademais dos atrasos inxustificados, o Partido Popular dende a Xunta de Galiza insiste en que estes centros se constrúan co modelo de financiamento público-privado. O mesmo que está a usar Esperanza Aguirre en Madrid ou Camps en Valencia, e que é o primeiro paso para un proceso de privatización máis profundo que está na axenda oculta do PP para despois das eleccións.

  17. Vivo en Galeras e estamos moi preocupados polo abandono da parcela que cedeu o Concello á Xunta. Que van facer para solucionalo?

    Comparto a preocupación, e como comentaba na resposta anterior, seguiremos presionando dende o Concello e dende o Parlamento galego para que se executen as obras de inmediato. Toda a tramitación, a cesión da parcela e o proxecto constructivo están na mesa da conselleira dende hai tempo, polo tanto, é exclusivamente unha cuestión de vontade política.

  18. Aínda que non tivo a alcaldía, o mellor desta cidade foi obra de áreas do BNG: vivenda protexida, rehabilitación, centros socioculturais e deportivos, zonas verdes. Que obxectivos se marca agora de aquí a 2015?

    Como xa fumos contestando en anteriores preguntas, as prioridades virán marcadas por facer de Santiago unha cidade mellor para traballar e unha cidade mellor para vivir. Polo tanto, como principais actuacións estarán as referidas á creación de emprego e diversificación da nosa base productiva, a mellora integral da mobilidade, e a sustentabilidade entendida no seu sentido máis amplo.

  19. Que opina das críticas constantes de Conde Roa á Sala Nasa?

    Que son disparatadas. Calquera veciño sabe que a Sala Nasa é unha auténtica "institución" en materia cultural para Santiago e para o conxunto do país. Ten unha traxectoria de moitos anos que a avalan como unha entidade que realizou e realiza un gran traballo a prol da difusión da cultura galega en todas as súas facetas creativas, de dar oportunidade a novos artistas, e de promoción e dignificación da lingua e da cultura galega.
    Creo que as súas continuas difamacións non son propias do máximo responsable da oposición dunha cidade como Santiago e que contradín á propia política do seu partido, que dende a Xunta de Galiza, tanto na época Fraga como na época Feijóo, sistematicamente todos os anos colaborou e colabora (como non podía ser doutro xeito) con esta sala.
    En calquera caso, se teño ocasión, convidarei ao señor Conde Roa a que me acompañe un día a calquera das múltiples actuacións para que poida comprobar in situ o que alí se fai (que non é precisamente cócteles molotov). Porque estou seguro que cambiará de opinión.

  20. Teño 29 anos e estou bastante preocupado polas medidas levadas a cabo polo PSOE no goberno central e pola pasividade total do presidente da Xunta. Que solucións ten o BNG para a lacra do paro? En Santiago, en concreto?

    Comparto as preocupacións porque o Partido Socialista desde Madrid, ao noso xuizo, está tomando todas as políticas contrarias ás que se deberían realmente tomar para superar esta crise:
    - Unha reforma das pensións que nos vai facer traballar máis anos, cobrar menos pensión (as galegas xa son as pensións máis baixas de todo o Estado) e dificultar aínda máis a incorporación da xente nova ao mercado laboral
    - Reducción dos salarios dos traballadores públicos (despois das eleccións volverá a haber novos recortes).
    - Reducción dos dereitos laborais, da negociación colectiva, etc., que o que provoca e maior precariedade e reducción de dereitos laborais e sociais.
    - Privatización de servizos e empresas públicas, que vai desde a privatización das caixas de aforros ate as grandes obras públicas, AENA, Loterías, e incluso hospitais.
    - Unha política impositiva que perxudica fundamentalmente ás rentas máis baixas, como a subida do IVE ou permitir subir artificialmente a factura da luz, do gas, da auga. Que fai que todos reduzcamos o noso poder adquisitivo global.
    Polo tanto, o PSOE está contribuíndo a que quen realmente provocou esta crise volva a salirse "de rositas" e todos os "axustes e apretóns de cinto" os fagamos o conxunto dos cidadáns e cidadás, que non a provocamos.

  21. Que lle parece todo este movemento da xuventude que alenta o Non os votes? Que lle diría a eses mozos e mozas?

    Paréceme normal que haxa xente que se organice para reclamar que non se vote aos partidos que nos trouxeron a actual situación económica e social, como o PP ou o PSOE, que haxa certa desafección e descrétido na política. Pero a resposta a eso non pode ser cruzarse de brazos. Se algo ten demostrado esta crise é que cando se cala aos gobernos, mandan os mercados.
    A resignación nunca transformou positivamente nada. Hai que ir a votar, porque se non vamos nós, outros están votando por nós.
    O que hai que facer é organizacións políticas que realmente sexan unha alternativa as actuais políticas da dereita, veñan do PP ou do PSOE, como é o caso do Bloque Nacionalista Galego.

  22. Vivo en Santiago dende fai 10 anos e a verdade é que a nosa cidade conta con moitas zonas verdes, grazas en parte á xestión tanto de Néstor como de Elvira cando foron os responsables desta área. Que fará o BNG no futuro dentro desta concellaría, no caso de ser responsabilidade súa? Moitas grazas

    Certamente. Santiago hoxe é unha referencia a nivel de todo o Estado a nivel de política ambiental, non só por ter unha das maiores ratios de zonas verdes por habitante, senón por innovadoras e importantes políticas medioambientais.
    Quedan importantes retos para o futuro, como o Plan Especial das Brañas do Sar, como continuar cos traballos que se están desenvolvendo na Selva Negra que se acaba de recuperar para o conxunto dos veciños e veciñas, ou a inaplazable EDAR da Silvouta.

  23. Finalmente participou vostede no debate a 3 en Correo TV. Aproveito para felicitar ao Grupo Correo por facer finalmente ese debate. Por que cre vostede que Conde Roa o quería apartar?

    Sumome a esa felicitación. O Grupo Correo ten unha traxectoria, sobre todo no que son os seus debates diarios da televisión ("Faladoiro") sobre todo ao respecto da pluralidade desta cidade no sentido máis amplo, e desta vez non foi menos.
    Santiago, politicamente, é como veremos o 22 de maio, non é unha cuestión a dous, senón que é unha cuestión a tres. E, polo tanto, é importante que os debates se gañen polo contraste dialéctico das ideas e non pola exclusión dunha forza política.
    Foi un pracer participar neste debate e, ademais, paseino moi ben, e os traballadores desta casa actuaron con moita profesionalidade.

 

Moitas grazas todos polas vosas preguntas. Sinto non poder contestalas todas. Agardo que algunha destas respostas sirva para motivar que xente que non tiña pensado ir ás urnas o próximo domingo que vaia e, cando o faga, pense que hai futuro para Santiago.

Comparte en Tuenti Atrás
Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS