Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Miércoles 08.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

Portada » Encuentros digitales

Xabier Ron

Candidato de EU a la alcaldía de Santiago

Comparte en Tuenti Atrás

Moi boas, son Xabier Ron, e agardo, de verdade, responder a todas vosas preguntas neste espazo de encontro dixital. Para EU é moi importante poder achegar as súas propostas hoxe e dalas a coñecer de forma clara. Graciñas polo voso interese de antemán.

  1. cales son as propostas da súa candidatura para permitir que os composteláns poidan mercar na súa cidade unha vivenda de calidade a un prezo razoable?

    Para nós é esencial frear a actual especulación co solo. Esquerda Unida quere avanzar nunha cultura do uso a través dun parque público de vivenda en réxime de aluguer social. Para iso é fundamental empregar a Empresa Municipal de Vivenda e Solo non para adquirir metros e vendelos directamente a quen xoga co prezo do valor do metro cadrado, senón para intervir de forma directa e gardar a titularidade sobre as vivendas construidas e ir creando este parque público. Non pode ser que, a día de hoxe, a vivenda de protección oficial sexa inaccesible. Queremos un prezo xusto, non un prezo de mercado.
    As plusvalías que se xeren coa construción de vivendas libres serán directamente redistribuídas na mellora dos servizos públicos. Igualmente, a nosa cidade conta con máis de 11.000 vivendas baleiras. EU comprométese a realizar un censo motivado de vivendas baleiras e en base a este censo gravar a vivenda baleira até o máximo que permita a lei para animar a súa integración no parque público de vivenda.

  2. A esquisa do CIS dalles un concelleiro. Considera que desta vez poderán entrar na Corporación? En que cambiaría o concello se vostede é concelleiro?

    Si, somos moi optimistas a ese respecto, de poder entrar, como mínimo con un concelleiro. Un dos cambios máis importante será o de rachar co anquilosamento actual do Concello e esixir, desde o noso ideario de esquerda alternativa e transformadora, a aplicación de medidas para avanzarmos na democracia participativa, en introducir os orzamentos participativos, en que a cidadanía estea realmente na Casa do Pobo.
    Ademais, tal como fixemos ao longo destes 4 anos desde a rúa, seguiremos defendendo un modelo público de xestión. Isto implica, entre outros aspectos, que a austeridade sexa aplicada non en recurtar dereitos sociais, senón en reducir as custosas asesorías externas, a desorbitada propaganda institucional, e outras medidas, como rebaixar salarios de concelleiros e concelleiras, destinadas a que a clase política sexa exemplo para a cidadanía. Con EU entraría un necesario aire fresco.

  3. Cómo pensa defender vostede á Facultade de Medicina, que está sufrindo ataques, sobre todo, dende A Coruña, para partila en tres anacos?

    EU sempre defendeu unha necesaria racionalización do mapa universitario, sometido hoxe a localismos excesivos e un tanto ilóxicos. No tocante a Medicina defendemos unha única facultade en Compostela, con recursos económicos e humanos suficientes para realizar a súa tarefa.

  4. Andar en coche por Santiago, e acceder á cidade en determinadas horas, é un auténtico calvario. Cómo pensa mellorar esta situación?

    Unha das principais medidas que presenta e defende Esquerda Unida é a elaboración dun Plan Global de Mobilidade sustentable economica e meioambientalmente que inclúa desde o futuro tren de proximidade até un plan director da bici.
    Cómpre ampliar a coordinación cos concellos limítrofes para definir dito Plan e reducir a actual proliferación do transporte privado. Un transporte público que chegue de forma eficaz e eficiente aos centros de traballo, ao hospital ou ao polígono do Tambre axudaría, e moito, a facer unha cidade máis ecolóxica, máis cohesionada socialmente.
    Por último, cómpre planificar de forma dialogada, seria, as obras na cidade para que non se realicen todas á vez, imposibilitando un tránsito fluido do transporte público.

  5. Pode explicarme por que Izquierda Unida está en Galiza en contra de cousas idénticas ás que apoia noutros sitios do estado onde ten votos: construción naval, caixas propias, apoio aos sectores produtivos. Como pode a economía de ningún sitio funcionar se lle obrigan a pechar todo? Pensa que é factíbel unha economía na que so haxa auxiliares administrativos?

    Esquerda Unida defende para Galicia un sector naval público forte con carga de traballo. EU defendeu que as caixas fosen dominio non de intereses partidistas, senón expresión da vontade da cidadanía. O que aconteceu foi unha deliberada estratexia do Banco de España: primeiro, creou un caramelo perfecto (eliminando asperezas derivadas da intervención das caixas no sector inmobiliario) e agora está na boca dos Bancos para a súa privatización. Iso non é o quere EU. Nós queremos banca pública que invista socialmente, de forma produtiva, e non especulativa. Unha economía produtiva faise apoiando tamén aos sectores hoxe denostados: no I+D+i, na conformación dunha economía social, no cooperativismo......

  6. No suposto de salir concellal que pode facer para os veciños de Santiago

    En primeiro lugar, escoitar e levar a voz dos veciños e veciñas, que son os que mellor coñecen a realidade dos seus barrios, das súas parroquias. Tal como dicíamos na pregunta 2, isto pasa por establecer canles de democracia participativa. Non cremos na política profesionalizada. A política ou somos todos e todas ou non funciona.

  7. Estou preocupado pola oferta cultural na nosa cidade xa que creo que é insuficiente. Boto de menos máis actuacións nos locais da zona vella de Santiago. ¿Cal é a proposta de EU neste senso?

    A este respecto concordamos plenamente contigo. Hoxe asistimos a un modelo homoxeneizador, que uniformiza e reduce a riqueza, a diversidade e o dinamismo cultural de Compostela. O modelo que defende EU é un modelo de afortalamento da cultura de base, onde creadores e creadoras e axentes culturais da localidade se vexan potenciados e axudados desde o Concello. EU quere crear mercados na rúa, para revitalizar a vida social e cultural. Desde feiras do libro con periodicidade, até mercados de artesanía, ou até a promoción de roteiros culturais que poñan en valor toda a riqueza da nosa cidade. E nestas propostas, a música en vivo pode ser unha das principais opcións de dinamización. Igualmente, EU quere facer das prazas, dos parques e xardíns espazos para a educación e a cultura para todas as idades. A súa planificación esixirá a participación dos axentes sociais implicados e a cooperación do Concello.

  8. ¿ Ides entrar?

    Si. Temos un fondo optimismo en que si, para levar a esquerda alternativa e transformadora á Casa do Pobo. Neste sentido, insistir en que temos un programa elaborado en base á participación de colectivos veciñais e sociais do concello e que o podedes descargar en http://eusantiago.blogspot.com. Animámosvos a lelo, xa que el é o noso contrato con vós.

  9. Defina o seu Partido Politico , ideoloxia , pasado e futuro ademais das suas metas persoais como `politico. Gracias.

    Somos unha organización política e social. Un movemento en construción permanente que ten un pasado inmediato na loita antifranquista, e mais recente, a nosa negativa a estar dentro da OTAN. A nosa ideoloxía é a dunha esquerda anticapitalista, que pon as persoas por riba dos mercados, que ofrece alternativas ao estado actual de quebra de dereitos e quere transformar a sociedade para empoderar á cidadanía. As miñas metas son entrar no Concello para levar a cabo ese ideario político e social.

  10. Ruidos
    ¿Cómo resolvería Vd. el problema de ruidos que venimos padeciendo en Santiago de Compostela?
    ¿Se enfrentaría al sector de Hostelería?

    Os ruídos envólvenos nunha cidade: tráfico, obras, actividades comerciais, etc. Pero vivimos nesa cidade. Trátase, polo tanto, non de procurar enfrontamentos, senón de buscar as pontes do diálogo e do entendemento para que se acade o equilibrio entre o repouso das persoas e as actividades susceptibles de xerar máis ruído.
    Cómpre tamén poñer en marcha políticas de vivenda que axuden a procurar un mellor illamento acústico das vivendas.
    Actualmente, e debido á lei antitabaco, as rúas coñecen unha maior concentración de xentes. Entón, o que cómpre facermos será, desde un enfoque participativo, regular terrazas interiores e exteriores para definir o necesario marco convivencial.

  11. Recoñecendo o dereito a participar....¿Non pensa que a presencia de EU resta posibilidades a unha alternativa de esquerdas no Concello?

    Todo o contrario porque Esquerda Unida é esa alternativa de esquerdas.

  12. Por que non ten EU tanta presenza nos medios de comunicación?

    Porque asistimos a unha polarización mediática que alimenta ao bipartidismo (aquí, nunha das caras desa moeda, están asociados PSdG e BNG). Ao longo destes catro anos enfrontámonos a poderosos muros de silencio e aínda os estamos a padecer. Por iso, a vosa voz é necesaria. Nós traballamos desde as rúas e en base a un criterio de participación cidadá, pero tanto os que gobernan, coma os propios medios atenden antes a un criterio de representatividade que ao criterio de pluralidade informativa.
    Convídovos a que entredes no noso blog e vexades todo o traballo realizado: http://eusantiago.blogspot.com.

  13. Gustaríame saber que opinas sobre o teleférico famoso que conectaría santiago co Gaiás. Paréceche boa idea?

    Estamos totalmente en contra, xa que supón desbaldimento de diñeiro público. Desde EU defendemos acceso peonil e, desde logo, se falamos de acceso por estrada desde a cidade, coidamos que o transporte público é quen de achegar ás persoas que se sintan atraídas polo que representa o que figura no Gaiás. Por suposto, dito transporte non sería exclusivo para a suposta Cidade da Cultura, senón que afortalaría os barrios polos que transite.

  14. Que propós para acabar coa mendicidade na cidade?

    Pois un acceso normalizado a uns servizos sociais entendidos en tanto que dereito das persoas (vivendas para emerxencias sociais, comedor social....) e unha política activa de integración social a través de canles formativas de emprego.

  15. sobre o comercio, cres que se debería impulsarse doutro modo o comercio na zona vella. No caso de sair concelleiro, vas promover máis as feiras itinerantes, mercadiños...?

    Por suposto, e tal como dicíamos na pregunta 7, hai que diversificar e dinamizar a vida social e cultural da zona vella (asi como doutros barrios da cidade). Mercados na rúa, onde se dea saída a produtos de comercio xusto, de compra ecolóxica do noso contorno inmediato (soberanía alimentar), etc. Temos que saír da etapa de uniformización comercial que só olla para un determinado tipo de turista.

  16. Hoxe en dia é un problema entrar en Santiago con coche,parece que a xente de fora non fose ben recibida e lle complicamos a súa estancia, como pensa actuar ante o problema de aparcadoiros na cidade?

    Como xa comentamos con anterioridade (pregunta 4) defendemos un plan global de mobilidade -en estreita coordinación cos concellos limítrofes (Ames, Teo, Oroso...) que faga innecesario o uso do transporte privado.

  17. ¿Tienen datos reales que hagan pensar que esta vez si van a estar presentes en la Corporación Municipal o sólo son expectativas electorales completamente legítimas?

    O real só se sabe o día en que se recontan os votos. Nós temos as reais sensacións de que estamos nun bo momento e temos pleno optimismo en que estaremos no Concello de Compostela. Loxicamente, o soberano é o pobo e el decidirá se o noso optimismo se confirma ou non.

  18. Creo preciso que entre EU no consistorio pero creo que as súas campañas deixan moito que desexar a nivel de imaxe e presentación ¿Desprezan a importancia da imaxe na campaña a propósito ou é que non teñen como mellorala?

    En primeiro lugar, Xabier Ron é tal como sae nas fotos. É dicir, non hai trucos na imaxe que se ofrece da miña persoa. Sen quitarlle importancia a este aspecto, nós coidamos importante poder presentar publicamente as nosas propostas e que sexa coñecido o traballo realizado ao longo destes últimos 4 anos.

  19. En Madrid, miles de persoas, sobre todo mozos, acudiron a unha manifestación coreando "Non lles votes". Por que ese desencanto da cidadanía? Cómo convencerías aos mozos para que o domingo acudan a votar?

    O desencanto é real, porque os políticos dos grandes partidos dominantes (PSOE e PP) xogan ao insulto, ás acusacións cruzadas, ás permanente descalificacións e ningunean ao verdadeiro sentido da política. A corrupción, por moito que vendan eles, afasta e distancia á mocidade da política que pensan que todos os políticos son iguais. Nós dicimos que NON. Non todos somos iguais. Eu diríalle á mocidade que convirtan o seu desencanto en indignación e que esa indignación (identificada con quen nos goberna actualmente e coa súa rancia e demagóxica oposición) se transforme nun VOTO a ESQUERDA UNIDA. Para iso, que vexa a mocidade o amplo abano de medidas que ofrecemos (pp. 41-46).

  20. Un asunto viejo que para IU siguen siendo actual:

    ¿Cómo responder a D ´Hont, de forma que la izquierda supere la injusticia aritmética de obtener dos o tres escaños por un millón de votos en el Estado, mientras CiU y PNV, recogen 300.000 votos en sus autonomías y , a cambio, doblan el número de escaños de IU.

    Moi sinxelo, mediante unha reforma da Lei Electoral (ao que se negan os partidos que gobernan na actualidade). E mentres non se consiga, temos que loitar polo maior número posible de votos, acadar canta máis representación mellor e así ser quen de realizar dita reforma para avanzarmos na consecución dunha democracia real.

 

Ben, despídome de vós, agradecendo o voso interese e animándovos a ler o noso programa e a decidir en consecuencia.

Moitas grazas a ElCorreoGallego.es pola oportunidade de "falar" con vós e poder comunicar as nosas propostas para termos un Concello de Esquerdas en Compostela.

Comparte en Tuenti Atrás
Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS