El Correo Gallego

Noticia 4 de 29 noticia anterior de Galicia Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Secretaria Xeral de Política Lingüística en funcións

Marisol López: "As teses lingüísticas defendidas por Feijóo son unha insensatez"

"Galicia Bilingüe é un instrumento político que pretende prescindir do galego na vida pública" // "Se o PP fai a segregación terá que explicar como o asume economicamente"

A.R. LÓPEZ • SANTIAGO
A- A+

Marisol López, onte, nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta

Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística en funcións, vive os seus últimos días no cargo "sen variar o ritmo de traballo" pero tamén cunha emoción que lle humedece os ollos ao pensar "no esforzo continuo" das mulleres do seu equipo, "a maioría avocada ao paro". Cualifica de "frustrante" o resultado das eleccións autonómicas e asegura, sen titubeos, que Galicia Bilingüe é un "instrumento político" que pretende "realmente prescindir do galego na vida pública do país". Do próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tampouco ten dúbidas: "As súas teses lingüísticas son unha insensatez".

_ ¿Vese con algunha responsabilidade na perda das eleccións?

_ Supoño que non fomos capaces de explicarlle aos impacientes que as cousas non van ao ritmo que un quere e que en política lingüística se conseguen incrementar os ámbitos dun xeito pausado. Non pode ser doutro maneira. E para os outros, para os adalides do catrastofismo castelán, é moi dificil convecelos, porque aí si que hai unha cuestión política, ideolóxica: están claramente en contra do galego. Non o consideran de xeito positivo: para eles é unha lingua moi riquiña ou moi simpática, pero nada mais. Con esa obcecación, o máis importante é lograr que non convenzan a máis xente, porque están errados. Ter nunha comunidade duas linguas é unha riqueza e facer monolingues en castelán non ten sentido.

_ A Mesa foi un xuíz inclemente coa súa xestión...

_ A mesa é unha asociación de carácter privado que ten a súa razón de ser. Pero cos pés na realidade galega, hai que recoñecer que os maximalismos non son posibles. Os pequenos avances que se ían logrando había que poñelos en positivo e avanzar desde aí. A Mesa non o fixo.

_ Da outra banda, Galicia Bilingüe...

_ Galicia Bilingüe é unha asociación con moitos apoios economicos, que dalgún sitio lle virán. O que pretende realmente é prescindir do galego na vida pública do país. É curioso que ao longo dos 16 anos de goberno do PP, cun estatuto e unha lei de normalización aprobada polo propio PP, cun decreto e as súas ordes correspondentes aprobadas polo PP, onde se indicaban unha serie de materias para impartir en galego, non houbo ningún problema, nin ningunha manifestación. E de repente, no momento no que aparece o bipartito, sae ese grupo radical ao que, naturalmente, non lle importa nada o galego. Ademais de desprezar o idioma, pretenden algo inadmisible: a segregación. Espero que o PP o reflexione: non pdoemos facer un páis de monolingües en galego ou en castelán.

_ ¿Como cre que Núñez Feijóo vai levar adiante o seu plan lingüístico sen segregación?

_ Iso hai que preguntarllo a el, aínda que tamén existe, ao meu ver, unha posibilidade: que os nenos galegofalantes sexan incorporados aos casteláns. Non haberá segregación pero si unha aprendizaxe na que se prescinde do galego, ese idioma que el cualifica de moi bonito. E se realmente acaba facendo a segregación, tamén nos ten que contar como asume economicamente a dupricidade. As súas teses lingüísticas son unha insensatez. Entendo que na campaña se poden dicir cousas sen reflexionalas moito, pero esta é moi grave: pode supor unha rutptura coa cohesión social.

_ ¿Que suporá a derrogación do Decreto do galego?

_ Se o derrogan terá que substituílo por outro e nese caso tería que incumprir o propio plan de normalización que promovou o goberno do PP, no que el era vicepresidente da Xunta.