El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

21 emigrantes galegos retornados solicitaron a subvención de autoemprego

As axudas para crear as súas propias empresas están dotadas de ata 8.000 euros // O prazo de solicitudes está aberto ata o 29 de setembro

ECG   | 13.08.2017 
A- A+

Un total de 21 son as solicitudes que se teñen xa presentado ata o momento para a convocatoria deste ano 2017 das subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega por parte das persoas retornadas. A finalidade destas axudas é promover esta volta á terra “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”.

Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “estas axudas supoñen unha tripla avantaxe para a sociedade galega no seu conxunto. A primeira, é que cumprimos o mandato estatutario, que obriga ás institucións galegas a axudar e fomentar que os galegos da diáspora regresen á terra. A segunda, que moitos e moitas destes emprendedores traen a Galicia uns coñecementos, experiencia, e modos empresariais, innovadores e competitivos. E a terceira e máis importante, que mercé a estas empresas e negocios, créanse novos postos de traballo e aséntanse no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora se gardaban ou movían no exterior”.

Esta convocatoria ten dado pulo a 51 empresas desde a súa posta en marcha, e a súa concesión complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autónomos e emprendedores galegos, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.

Entre os negocios que se teñen posto en marcha impulsados por estas axudas atópanse unha academia de idiomas, diversas distribuidoras en liña, un obradoiro de restauración, unha clínica dental, unha tenda delicatessen física e en liña, un proxecto de agricultura ecolóxica, unha tenda especializada en té, varias asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para nenos, entre moitas outras iniciativas.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento do negocio, sendo obxecto de subvención para os destinatarios os gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e/ou internet).

A contía tope da axuda é de 8000 euros por iniciativa de emprego ou autoemprego, e para acollerse cómpre, entre outros requisitos, ter a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que corresponda.

Das 17 subvencións concedidas na convocatoria do pasado ano 2016 deste programa, os beneficiarios tiñan anterior residencia en Venezuela, Alemaña, Arxentina, Brasil, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Reino Unido, e Suíza. Dos negocios implantados, nove teñen sede na provincia da Coruña, cinco na de Ourense, dous en Lugo e un en Pontevedra.