El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo

Albino Prada Blanco: “O sector público debe ter un papel emprendedor na economía galega”

{ O Bolo, 1955 } Albino Prada Blanco, doctor en Ciencias Económicas pola USC, é profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, articulista e autor de varios estudos nos que a cuestión medioambiental toma un protagonismo determinante.

FOTO: Archivo ECG
FOTO: Archivo ECG

LUIS POUSA. SANTIAGO  | 04.04.2016 
A- A+

Os incendios forestais son un custo fixo, en parte xerado pola falta de políticas rurais adecuadas e de prevención?
As vagas de incendios catastróficos son a punta de iceberg do abandono do rural e da procura de madeira rápida e barata. Os custos de extinción e prevencións, máis as subvencións ás plantacións forestais, son un custo social millonario dese abandono e absentismo especulador. Hai que cambiar o chip: remunerar á poboación rural que manteña coidadosamente os arborados de calidade e pagar para que o monte baixo se retire e valorice como abonos ou enerxía.

Pode determinarse o prezo de Cabo Touriñán, onde se quixo instalar unha piscifactoría?
Moitas cousas teñen valor pero non prezo. O Touriñán é unha delas. As piscifactorías que ofrezan alimentos con seguridade alimentaria e de xeito ambientalmente sostible, deben incorporar iso como reclamo de calidade. Non entendo porque teñen que localizarse ó pé da lámina de auga. Cuns custos manexables poden facelo terra adentro mentres a cota respecto á marea non pase de quince metros. Serían localizacións menos problemáticas.

A sempre pendente recuperación das rías esixe unha regulación de usos na perspectiva da loita contra o cambio climático?
O cambio climático podería reclamar a paulatina adaptación das rías a un máis que probable incremento do nivel da auga na marea alta. Galicia converteríase nun territorio cun verán máis cálido e de maior duración, que favorecería a atracción de visitantes e residentes na procura dun clima menos extremo. É reto das vindeiras xeracións combinar adaptación e xestión sostible.

Ao igual que Alemania, Galicia pode aspirar a que o 100 % da súa electricidade sexa renovable?
Para que o cen por cento da electricidade consumida en Galicia sexa renovable faría falla deixar fóra un consumidor xigantesco: a producción de aluminio. E deixar de vender fóra electricidade. Así poderíamos cubrir a demanda interna con electricidade verde (hidráulica, eólica, biomasa, etc) e mesmo electrificar con transporte ferroviario boa parte do tráfico pesado por estrada.

Os intereses oligopolísticos condicionan fortemente a reforma do sector eléctrico?
Sen dúbida. Un exemplo, as concesións hidroeléctricas nos nosos ríos teñen unha dubidosa legalidade preconstitucional e do franquismo. Estanse a prorrogar pola presión do sector e das portas xiratorias. Habería que revertilas ó dominio público (por exemplo, as que levan máis de 75 anos) e con iso a maior parte dos beneficios que están a xerar.

A transición enerxética é condición necesaria para ir a outro modelo produtivo?
É unha das condicións para ir cara un modelo produtivo sostible ambiental e socialmente. Nel habería que priorizar a durabilidade en troques da obsolescencia programada e a reciclaxe de materiais. No social, deberá distribuir entre toda a poboación activa o, a cada paso, menor traballo social agregado necesario. Menores xornadas anuais en horas e adianto da idade de xubilación parcial. Os sistemas de pensións non poden seguir dependendo dun imposto sobre os salarios.

Galicia debería ter unha tarifa eléctrica propia?
Debería controlar os excedentes económicos que fan posibles os seus recursos naturais. Unha cousa é permitir unha ganancia suficiente aos operadores ou concesionarios e outra entregarse a un capitalismo de amiguetes. Isos excedentes en mans públicas poderían financiar unha tarifa social para fogares e pequenas empresas. A mellor tarifa propia sería non exportar nen estragar a nosa valiosa electricidade verde.

As políticas de infraestruturas portuarias, ferroviarias e aeroportuarias deben ir da man?
Si, sen esquencer as de estradas. Cada unha vai polo seu lado porque isto é un supermercado para o capitalismo de amiguetes das empresas constructoras. Duplicamos e triplicamos infraestruturas porque é un negocio para quen as fai. Non podemos facer un AVE só para pasaxeiros e imaxinar que os avións seguirán indo cheos a Madrid, non podemos facer un AVE así se queremos co transporte de mercadorías sexa menos insostible.

A robotización e automatización, ao prescindir de parte da man de obra, altera o concepto de deslocalización?
Probablemente será un factor que, ao reducir o peso da man de obra no producto, axude un chisco a evitar a deslocalización galopante da producción cara os países de moi baixos salarios. Pero eu non sería moi optimista a medio prazo. pois esa industria 4.0 axiña será accesible ás potencias asiáticas. Vexo na robotización e na automatización un reto para que asumamos que só o reparto dun traballo humano directo cada vez menos cuantioso pode ser a base das nosas sociedades. O dito: xornadas menores e vidas laborais máis curtas.

A outra economía galega segue a ser unha referencia?
Aquela primeira obra foi autoeditada –e mesmo así recibira o Premio da Crítica de Galicia en 1979– cunha vontade: remexer os lugares comúns que daquela conformaban o relato da nosa realidade. Continuei, pola miña banda, ese empeño crítico e clarificador en libros posteriores sobre a economía galega, editados por Xerais e Galaxia (sen esquencer unha versión en castelán para tresCtres). Traballei en moitos aspectos da economía, mais non deixei nunca de man o tentar de axudar a pensar nun mellor futuro do país. Un país do que non haxa que emigrar..., desastre que segue a interpelarnos a todos.

Que papel ha de xogar o sector público en Galicia?
Nas economías como a galega, cun tecido empresarial débil, o sector público debe xogar o papel que Mariana Mazzucato tan ben analiza no seu libro El Estado emprendedor. Crear mercados onde non existan. Transferir ou crear tecnoloxías para procesos productivos. Favorecer un maior tamaño das empresas. Financiar proxectos que non asuma o capital privado. Liberarse de ser o teto do que viven redes clientelares.

APUNTAMENTOS PARA UN GLOSARIO

PRODUTIVIDADE “Relación entre os recursos empregados e os produtos ou servizos obtidos. Menos horas de traballo ou menos consumos para obter o mesmo supón unha mellora da produtividade”

COMPETITIVIDADE “Capacidade da empresa ou da economía dun país para que os seus productos sexan demandados, e así poder remunerar axeitadamente as actividades necesarias para a obtención dos mesmos”

SALARIO “Remuneración directa ou indirecta (vía servizos e transferencias públicas) da contribución do factor traballo á creación de riqueza nun país realizada nunha empresa”

DIVIDENDO “Participación nos beneficios dunha empresa derivada da achega de capital para o seu funcionamento, normalmente como accionista”

INFLACIÓN “Crecemento dos prezos nunha economía. O BCE deberá garantir que se acerque ó 2 % na eurozona. Se así fose, reduciríase a carga da nosa xigantesca débeda pública”

DEFLACIÓN “Diminución dos prezos no conxunto dunha economía. Supón un fracaso do BCE:favorece aos acreedores”