Lunes 08.03.2010
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Rosa Díez, líder de Unión Progreso y Democracia, provocou unha declaración institucional do Parlamento autonómico FOTO: Paco Campos/efe |
Todo un Razzie do Parlamento autonómico se levaba onte Rosa Díez: coronada co anti-Oscar dos galegos, auténtica protagonista dun Aterriza como poidas da semántica. Ó igual que o despeiteado controlador aéreo da película, a líder da UPyD elexiu un mal día para meterse cos celtas. O seu "galego no sentido máis pexorativo do termo" convértese no Avatar do ano. E nen con palomitas e gafas 3-D tragan os parlamentarios semellante loubanza a Zapatero. "O uso pexorativo do xentilicio galego ten un prexuízo xenófobo", sentenciaron os tres grupos dende o Hórreo en auténtico quosque tandem Catilina?.
Sen embargo, nada de protagonismo sandrabullesco para a política vasca. O seu nome non aparece por ningueres na declaración consensuada polos tres grupos con representación na Cámara. Basta ler entre liñas para coñecer o motivo da mensaxe, lanzada trala metedura de zoca de Díez na entrevista con Iñaki Gabilondo. O Parlamento considera que o calificativo de "galego no sentido máis pexorativo" dirixido a ZP "susténtase nun pensamento débil e na falta de cultura". E vai máis alá advertindo sobre "o perigo potencial que pode levar para a convivencia das personas e os pobos".
Fronte á elegante política Ernst Lubitsch dos parlamentarios, que insinúan máis que amosan, lembremos a Tarantinada da líder de UPyD. Tralas súas verbas sobre o presidente do Goberno, reaccionaba así ante o malestar galego: "Ofenderse por isto é mostra de intolerancia, complexo de inferioridade ou perturbación nacionalista". Auténtica linguaxe dunha das mozas de Kill Bill, ¡sí, señor! O Parlamento lembra que "o uso do xentilicio como pexorativo non só ofendeu a miles de galegos senón que é un topico inaceptable, prexuízo xenófobo inadmisible no debate de ideas". A declaración conxunta de PPdeG, PSdeG e BNG fai ademáis un chamamento para "profundizar na educación e os valores cívicos da tolerancia, e abandonar a linguaxe que fomente certas conductas" como a de Díez. Máis Frank Capra e menos John Rambo.
Seguindo co ránking de meteduras de zocas, os socialistas tamén pediron explicacións onte no Parlamento sobre o repentino castrapo do conselleiro de Cultura. Un vídeo en Internet confirmaba a Roberto Varela como o home que se referiu a Desván de los Monjes e Toro, nun descurso de Fitur. A deputada do PSdeG, María Quintas, esixiulle "asumir responsabilidades políticas" por tan improvisada traducción. O conselleiro xa pediu desculpas o luns, culpando do erro a un traductor informático. A deputada nacionalista Carme Adán aceptou as desculpas pero demandou "unha explicación política".
Varela xa pide a gritos a súa particular Touripedia de desvanes e toros. ¿Homenaxe subconscente a Víctor Manuel ou El Fary? De tódolos xeitos: noraboa polo tremendo éxito de visitas en YouTube.
Homes e máquinas
·· O descurso de Varela escribiuse orixinariamente en galego pero usouse un corrector informático, devorador de sobrados e touros. Aterrador o poder das máquinas, como en Blade Runner .
