Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Asituación das enxeñarías en informática é preocupante. Urxe regular a profesión e que se recoñeza como as demais enxeñarías. O Goberno aborda o tema a través da transposición da Directiva europea de Servizos. Para participar na súa elaboración, os colexios profesionais de enxeñaría en informática pediron incorporarse ao grupo de traballo interministerial para a transposición da Directiva de Servizos. A resposta foi taxante: ao non existir un ente de representación estatal, os colexios de ámbito autonómico non tiñan cabida. Isto resolveríase coa creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática, coartada tamén polo Goberno, dicindo que a existencia de colexios de ámbito autonómico non ten engarzamento coa Lei e ignorando as reiteradas peticións nos últimos 4 anos.
Preocupa tamén a resposta do Defensor del Pueblo ante os numerosos escritos pedindo medidas para regular as profesións de enxeñeiro e enxeñeiro técnico en informática. Ademáis de admitila a trámite e iniciar accións, informa que ante queixas semellantes doutras enxeñarías, ningún departamento se considerou competente para adoptar a iniciativa de regulación.
Un dictame solicitado pola Conferencia de Decanos e Directores de Centros Universitarios de Informática sobre a condición de profesión regulada da Enxeñaría Técnica en Informática, conforme á Lei 12/1986, de 1 de abril, conclúe que esta titulación se constitúe en profesión regulada, en contra do argumentado polo Goberno e recoñécese implícitamente igual condición para a Enxeñaría en Informática.
O Consello de Universidades vén de aprobar as resolucións que determinan as competencias académicas mínimas que se deben adquirir nos novos títulos de Grao e Máster para o exercicio das profesións de enxeñeiro enxeñeiro técnico en informática. Esta primeira batalla gañada supón unha solicitude expresa do ámbito universitario de regulación das anteriores profesións aos ministerios de Industria e Economía, que seguen a denegar o dereito de audiencia aos colexios nos asuntos que afectan á súa profesión.
Nunha sociedade moderna os sistemas informáticos son imprescindibles e necesita garantías sobre os coñecementos dos profesionais que realizan tarefas de xestión e desenvolvemento de sistemas cruciais (tráfico aéreo, xestión hospitalaria...). Demos o primeiro paso, pero sabemos do longo camiño que temos por percorrer e das súas dificultades.
