Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bernardino Pardo: “O catálogo reducido de fármacos é unha medida moi valente”

Médico e coord. da plataforma No Gracias

Desde hai case dous anos, Bernardino Pardo coordina en Galicia a Plataforma No Gracias, un movemento nado para reivindicar unha prescrición de medicamentos máis honesta. Pardo, que exerce tamén de médico de familia en Nadela (Lugo) defende a iniciativa do PPdeG de establecer un catálogo reducido de fármacos para que só se poidan receitar as opcións máis baratas. Afirma que se recollen as súas reclamacións.

Que opina deste novo plan da Xunta para racionalizar o gasto farmacéutico?

É unha medida valente. Por primeira vez estou de acordo co PP. Viñámolo reclamando persoas que pensabamos que había que tomar unha medida neste tema hai tempo e garantir tecnicamente unha prescrición ética e técnica máis racional. Era xusto o que pediamos: que a administración financie os principios activos que teñan garantía de ser efectivos e deles os máis baratos, que é xusto o que prevé facer a Xunta.

Aplaudida e apoiada polo BNG, recibiu as críticas dos socialistas, que o tachan de inconstitucional...

Remítome ao caso do analxésico Vioxx. A comunidade de Andalucia púxolle visado e os do mi-nisterio montáronlle un pifostio semellante a este, dicindo que os ían levar ao Constitucional, ata que no primeiro mes aforrraron 100 millóns de euros. Viron o asunto, deixou de ser inconstitucional e puxérono a andar en toda España. Aquí vai ocorrer o mesmo. É o lóxico: eu pago, eu digo o que pago. A ti, médico, douche toda a liberdade de prescrición, todo o vademecum que sexa necesario para cubrir todas esas enfermidades, agora o nome do que se vai pagar póñoo eu. Chapó, se o levan adiante creo que é o primeiro paso para racionalizar a prescrición farmacolóxica.

Pode servir de exemplo ao resto de comunidades e ao propio Goberno?

Por suposto. Cando se empezou a falar da racionalización de gasto en farmacia coas medidas medio mornas do Estado que se implantaron pouco a pouco, escoitei uns contertulios da radio dicir 'eu non sei por que tiña que existir unha crise económica para que se fixese isto'. Calquera persoa na súa economía privada faría isto, por que non se fixo ata agora? Porque os fondos de investimento das multinacionais son capaces de quebrar a bolsa, e si que hai este perigo, os laboratorios non van quedar quietos. Paréceme unha medida moi valente que había que tomar, e máis en época de crise.

Chocará cos intereses das farmacéuticas... pero tamén cos dos médicos con interese en prescribir un medicamento...

Eu non poría o acento nos médicos. Hai moitos intereses.

Pero quen escribe a receita é o médico...

Si, eu insístolle a moitos compañeiros en que o último responsable somos nós, o que pasa é que hai moitos máis factores para ter claro custo-efectividade, eficiencia na prescrición... hai que facer un exercicio moi intenso que non todos os días estás en condicións de facer e moito menos cando tes 60 persoas na porta. Creo que unha medida como a do catálogo vai ser miles de veces máis efectiva que todo o que fagamos a escala persoal. Marcará as pautas, non vai haber dúbida de que medicamento prescribir.

Así que o que fará realmente a Xunta é plantarlle cara á in- dustria... Pero que hai dese argumento das multinacionais que din que perderán moitos cartos e non poderán investigar?

Non é verdade. A investigación segue facéndose porque o mesmo sistema require desa investigación, eles saben que precisan conseguir unha nova molécula que teña características terapéuticas novas. Non o que están facendo sistematicamente que é repetir os 'eu tamén'. "Eu tamén baixo a tensión". Pero eso xa o faciamos cun produto de tres duros, para que me ven cun produto de 60 euros cando o podo facer cun de seis? Aí entra a picaresca, traballos nesgados, moitas veces ocultamento de complicacións nos ensaios clínicos... Creo que a investigación é unha parte pequena do que se gasta a industria farmacéutica. A investigación básica, sintetizar a molécula, e os estadíos 1 e 2 de investigación levan o 20 por cento do prezo. O resto son comercialización, distribución e beneficios de farmacia. Falamos dun 80%, do que un 30% é da farmacia, un 10% vai á distribución maiorista e un case 30% vai a comercia- lización con todos os seus variados sistemas.

Os colexios, sen postura

•••Os colexios médicos de Pontevedra, Lugo e Ourense aclararon onte que aínda non teñen unha opinión formada sobre o catálogo reducido de medicamentos que promove o PPdeG. Polo momento non entrar a valorar o catálogo que xa foi aplaudido desde o Colexio Oficial de Médicos da Coruña. O resto están á espera de "coñecer no alcance, en qué consiste e contido completo do catálogo", explicaron onte nunha nota de prensa. O presidente do Colexio coruñés, Luciano Vidán, indicou o xoves a EL CORREO que a idea é do agrado da institución que dirixe porque servirá para garantir a sostibilidade do sistema sanitario público nun momento de crise económica. Vidán matizou que o catálogo debe respectar a liberdade de prescrición dos médicos e non lle negar ningún paciente a mellor opción terapéutica.

15 oct 2010 / 22:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito