El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Botan a andar as primeiras casas niño no rural galego

Comezan 30 como proxecto piloto ata 2019 // Recibiron axudas para arranxos de 15.000 euros // As familias non pagarán nada

Parte das instalacións do Bicarelo, a casa niño do concello ourensán de Manzaneda.
 - FOTO: I. G.
Parte das instalacións do Bicarelo, a casa niño do concello ourensán de Manzaneda. - FOTO: I. G.

SALOMÉ BARBA SANTIAGO   | 30.10.2016 
A- A+

Un total de 30 concellos rurais galegos de menos de 5.000 habitantes contarán nas próximas semanas cun novo servizo de atención á infancia, as casas niño. A experiencia comeza como un proxecto piloto, que durará ata o ano 2019 inclusive, e dará servizo ás familias con nenos de entre tres meses e tres anos que residan nestes concellos, que ata o de agora non contaban con ningún outro recurso de atención continuada á infancia, unha situación, explica a Xunta, na que estaban ata o de agora 107 concellos.

A experiencia, xa implantada noutros países como Alemaña, Suíza, Francia ou Reino Unido, así como nalgunhas comunidades autónomas, parte da filosofía de contar cun servizo de coidado parecido ao domicilio do propio neno xa que son casas, debidamente acondicionadas, nas que o trato é máis próximo que a tradicional escola infantil. Poucos nenos e unha coidadora especializada, como as coñecidas nais de día, como unha medida máis de apoio á conciliación familiar e laboral, que no rural galego tamén é necesaria, e de dinamización demográfica.

A Xunta informa de que a provincia da Coruña contará con sendas casas niño en Cerdido e Frades; Lugo terá un total de 7 nos concellos de Begonte, Castro Verde, O Corgo, Láncara, As Nogais, Portomarín e Xermade; na provincia de Ourense estableceranse 17 nos concellos de Amoeiro, Baños de Molgas, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Entrimo, A Gudiña, Leiro, Lobios, Manzaneda, Maside, Monterrei, Piñor, Porqueira e A Veiga; e outras 4 casas niño situaranse en Dozón, A Lama, Mondariz e Pazos de Borbén, na provincia de Pontevedra.

O  Bicarelo Unha das que van abrir en breve é a de Iria González, unha mestra de Primaria que ten postas todas as súas esperanzas na casa niño O Bicarelo. Está dando os últimos retoques ás instalacións, en Seoane, Manzaneda, tralo que debe pasar a última inspección por parte da Xunta. Unha vez que esta certifique que o acondicionamento da casa é o axeitado poderá abrir. Algo que varias familias de Manzaneda están esperando. "Temos catro, tanto bebés como de 2-3 anos, pero xa hai varias embarazadas" intesesadas nunha praza cando os pequenos nazan e cumpran os 3 meses". O servizo permite que "as mulleres se poidan incorporar ao mundo laboral, non sempre doado" no rural, e "que os nenos non se teñan que desprazar longas distancias porque as estradas no rural non son sempre as mellores e a climatoloxía tampouco", explica a responsable de O Bicarelo.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt