El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

usc

Brea suma a cuarta candidatura oficializada

A catedrática de Filoloxía Románica escolle como lema do seu proxecto 'As persoas primeiro'

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 24.03.2010 
A- A+

Antonio Hernández
Mercedes Brea, entregando no rexistro de San Xerome a candidatura
FOTO: Antonio Hernández

Mercedes Brea foi onte a cuarta persoa en rexistrar a súa candidatura para concorrer ós comicios do vindeiro 5 de maio nos que a USC elixirá quen asume a reitoría. "As persoas, primeiro" é a cerna do seu proxecto, centrado no "interese en escoitar a todos os estamentos, estudantes e precarios, PAS e PDI", adianta a catedrática de Filoloxía Románica, que, malia presentarse como independente, conta co apoio, "e mais nada", da PUP, a plataforma de profesores que apoia o actual reitor, Senén Barro.

En palabras de Brea, "a busca da excelencia e a internacionalización son obxectivos moi loables que temos todos os candidatos". Ó seu ver "os obxectivos fundamentais serán iguais para todos e serán as diverxencias en cuestións puntuais o definitorio de cada un". De xeito que ela quere resaltar como un dos piares do seu proxecto "un maior equilibrio entre docencia e investigación. Cómpre reflexionar e prestarlle máis atención á docencia, nomeadamente nestes momentos, en pleno proceso de adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior", di.

Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica, recolle o guante lanzado por un dos seus competidores, o catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, que lanzou a proposta de celebrar tres debates, un por campus, entre os seis candidatos. "Sería máis produtivo expor todos xuntos as nosas posicións e non ir de un en un", valora Brea.

O luns rexistraron as súas candidaturas Laura Sánchez Piñón, Lourenzo Fernández Prieto e Juan Casares Long. Agora faltan o decano de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez, e mais a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo.