Martes 18.06.2013
| Actualizado 20.24
Hemeroteca web
|
RSS
Só unhas horas despois de ser investido reitor, unha tormenta anegaba aulas e facía voar algún tellado no campus de Lugo. Juan Casares Long recorda con humor o episodio. É o primeiro exemplo, di, do camiño cheo de imprevistos que lle tocou seguir dende que o 25 de xuño de 2010 tomou as rendas da USC. Pero a maioría dos sobresaltos cos que lidiou teñen que ver con inclemencias da economía, que lle obrigou a adoptar axiña medidas de aforro pouco populares, como o peche das facultades en varios momentos das vacacións, que no verán se aplica xusto esta semana e a que vén.
Unha das maiores tensións do mandato chegou o xa curso pasado, arredor do futuro dos investigadores Pondais e Cajales. Hoxe mantén o compromiso de dar unha oportunidade de estabilización aos que superen unha avaliación externa e trata de emendar a convocatoria de prazas de profesorado titular impugnadas polo Goberno, xusto cando este madura unha reforma que facilitará o despedimento dos traballadores laborais do sector público. Xa son varias as universidades que recorreron a esta vía e no futuro, augura, serán máis. Pero mantén a confianza en que non será o caso da USC, grazas precisamente aos esforzos económicos xa feitos. "Penso que non o estamos a facer tan mal", reflexiona, antes de seguir debullando un balance no que subliña tamén os novos fitos de Campus Vida ou os éxitos en internacionalización. Entre as preguntas habituais ao reitor da USC xa non figuran ningunha sobre a liorta pola docencia de Medicina. Outra treboada, tamén estival, que capeou con acerto.
Acaba de chegar ao ecuador do seu mandato. En que punto está na consecución dos obxectivos que se fixou como reitor?
Hai moitas cousas aínda pendentes. Creo que estes dous anos estiveron marcados polos imprevistos, despois polos cambios necesarios e logo pola adaptación a eses cambios, que diría que é onde estamos. O que queda por ver é como somos quen de seguir camiñando cara a un futuro mellor.
A crise económica obrigou a aparcar parte dos proxectos...
Hai moitas cousas que tiveron que quedar gardadas nun caixón esperando bos tempos, pero cando paso revista atopo que se fixeron moitas cousas en dous anos.
