El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

'Cinema Ouff escola 2012' premia os mellores proxectos audiovisuais

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe no acto de entrega de premios da IV edición desta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia

REDACCIÓN SANTIAGO   | 06.11.2012 
A- A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na entrega de premios do IV Certame de Cinema OUFF Escola. Este concurso de cinema escolar, convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia, polo Consorcio para o Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e pola Concellería de Normalización Lingüística da cidade das Burgas, enmarcouse na 17ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense e contou coa colaboración coa asociación Ponte… nas Ondas!

No acto, que acolleu a Sala Vermella do Auditorio Municipal, participaron, amais do secretario xeral, a concelleira de Educación, Ana Garrido; o director de programación do OUFF, César Silva; o director do festival de animación ANIRMAU, Severiano Casalderrey e mais o presidente de Ponte… nas Ondas!, Santiago Veloso. Estes tres últimos, integrantes do xurado encargado de outorgar os galardóns da IV edición. Tamén asistiron Rogelio Martínez e Mercedes Gallego, delegado provincial e xefa territoriais da Xunta de Galicia en Ourense, respectivamente.

Crear e innovar desde o galego
Durante a súa intervención, Valentín García fixo especial fincapé na importancia da iniciativa dentro e fóra das aulas ao indicar que “cando, dende os colexios e institutos, fomentamos a creación en galego, facémolo para conseguir efectos positivos para a sociedade no futuro, para formar cidadáns que dominen as linguaxes do seu tempo e asocien a lingua propia de Galicia á creatividade e á innovación”. Neste sentido, gabou tamén “a implicación e o importante traballo que realizan os equipos de dinamización da lingua galega en gran parte dos proxectos que se presentan anualmente ao certame”. 

Ao fío do alcance transfronteirizo desta edición do OUFF, o secretario xeral sinalou a cooperación cos centros portugueses como “unha iniciativa encomiable desde o galego como valor cultural identitario propio, mais tamén como mostra de que contamos coa máis potente das ferramentas de intercomprensión coa Lusofonía, cunha vantaxe e oportunidade únicas no marco de sociedades cada vez máis plurilingües”. 

Proxectos galardoados
O mellor traballo na categoría de infantil e primaria foi Maxín, do CEIP Mestre Valverde de Mayo (Mos, Pontevedra). O segundo premio foi para o CRA A Lagoa (Salvaterra de Miño, Pontevedra), polo traballo A tartaruga que quería durmir, mentres que o Premio Blanco Amor ao mellor guión foi para o CPR Sek-Atlántico (Poio, Pontevedra). Os premio Ponte… nas Ondas! e mais o do Público, recaeron ambos os dous en A minha avó… contame-me uma história, do Colexio Externato Paulo VI (Sâo Cosme de Gondomar, Portugal).

Na categoría de Secundaria e outros niveis de ensino non universitario, o gañador foi o traballo Eu falarei, presentado polo IES Chapela (Redondela, Pontevedra). O IES Manuel García Barros (A Estrada, Pontevedra) fíxose co segundo premio grazas a Pedigree, mentres que na peza Luz, do Colexio María Asumpta (Noia, A Coruña) recaeron outros dos galardóns desta categoría: o Premio Blanco Amor ao mellor guión e o Premio do Público. Finalmente, Unha cuestión de educación, do CPI Virxe da Saleta (Cea, Ourense) recibiu mención especial do xurado.

Nesta cuarta edición do Certame OUFF Escola participaron un total de 57 proxectos que poden verse no web oficial www.ouff.org.

OUFF Escola
OUFF Escola é un certame de curtametraxes en galego encadrado dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual. Busca impulsar o uso do idioma entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo nunha linguaxe atractiva para o alumnado que contribúa a xerar un espírito crítico. O certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

O OUFF está destinado a alumnado de centros de ensino non universitario, que poden concorrer en nas categorías de infantil e primaria, e mais ao resto de niveis de ensino, agás ás escolas oficiais de imaxe e son. Os participantes deben estar matriculados en centros públicos ou privados de Galicia e en centros de fóra de Galicia que impartan materias de ou en lingua galega. Nesta IV edición e propiciada pola participación da iniciativa Ponte... nas Ondas!, ampliouse o concurso a escolas do ámbito lusófono, que puideron presentar os seus traballos en portugués. 

Audiovisual na lingua de noso
Unha das liñas de traballo da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é promover o cinema como ferramenta de dinamización lingüística entre a mocidade a través do apoio e da posta en marcha de diferentes proxectos. Tal é o caso deste certame e mais dos programas Nós tamén creamos!, FalaRedes ou Redecinema.

Deste xeito, a Xunta de Galicia segue o espírito e a letra do Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de potenciar, xa dende a escola, a creatividade no noso idioma. A relación do galego co audiovisual nas aulas propicia que os escolares melloren a súa competencia lingüística ao expresárense neste idioma en contextos e soportes variados, entre os que non pode faltar, pola súa especificidade e pola importancia que adquiriu na sociedade da información, o audiovisual. 

Por outra banda, favorece que as novas xeracións asocien o galego ás tecnoloxías e formas de comunicación máis innovadoras e interesantes para a mocidade, de xeito que o perciban tal como é: coma unha lingua  moderna e útil para expresarse en calquera contexto, soporte e situación.