El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Continúa a Campaña de Vacinación da Gripe ata o 29 de decembro nos máis de 900 puntos en toda Galicia

A vacina é a mellor forma de protexerse contra a gripe, reduce a incidencia da enfermidade, e diminúe a frecuencia de complicacións relacionadas coa doenza en persoas maiores ou con patoloxías previas // Calquera persoa vacinada dentro do período que abrangue a campaña gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia

Administración da vacuna contra a gripe no centro de saúde da Estrada - FOTO: SANGIAO
Administración da vacuna contra a gripe no centro de saúde da Estrada - FOTO: SANGIAO

MARÍA MARTÍNEZ. SANTIAGO  | 15.11.2017 
A- A+

A Consellería de Sanidade salienta a importancia de vacinarse fronte a gripe -xa que é a mellor forma para protexerse fronte esta enfermidade e evitar as complicacións asociadas á mesma- e destaca que calquera persoa vacinada durante a campaña que se está a desenvolver gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia. O obxectivo principal desta actuación é diminuír o número de casos da gripe, as complicacións graves e as posibles mortes causadas por esta doenza, especialmente nos grupos de risco.

Galicia conta con 900 puntos de vacinación da gripe repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacina, centros penitenciarios, entre outros. A campaña de vacinación antigripal deste ano, iniciada o pasado 23 de outubro, continua a desenvolverse ata o 29 de decembro.

A da gripe é unha das vacinas máis usadas nos países desenvolvidos -máis de 500 millóns de doses anualmente-, e este gran consumo posibilita facer estudos de seguridade que certifican que esta vacina é extremadamente segura. Trátase dunha vacina inactivada, formada por partículas da cuberta de virus mortos, polo que é imposible que cause a enfermidade.

GRUPOS DE RISCO PARA OS QUE SE RECOMENDA A VACINACIÓN. A campaña de vacinación contra a gripe da Consellería de Sanidade está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas..., con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…).

Tamén está recomendada a todas aquelas persoas que lles poden transmitir a gripe a persoas con alto risco de presentar complicacións como os traballadores de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios, tanto de atención primaria como de especializada, públicos ou privados, con especial fincapé naqueles que atenden pacientes de alto risco. Tamén persoas que traballan en institucións pechadas ou en centros de atanción a enfermos crónicos, especialmente as que teñan contacto continuo con persoas vulnerables; ou aquelas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de alto risco ou a persoas maiores; así como aos mebros da familia e conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco.

Outras persoas nas cales se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade: forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, persoal de protección civil, emerxencias sanitarias, traballadores de institucións penitenciarias...

Ademais, Sanidade recomenda a vacina aos traballadores expostos directamente as aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres. A finalidade é reducir a oportunidade dunha infección concomitante de virus humano e aviar ou porcino, diminuíndo a posibilidade de recombinación ou intercambio xenético entre ambos virus.

Transmisión do virus
O contaxio prodúcese persoa a persoa, principalmente polo aire, a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, falar ou esbirrar. Ademais, o virus pódese transmitir tamén indirectamente ao tocar algo que estea contaminado con el e ao levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca.

O virus pode transmitirse desde un día antes de comezar cos síntomas ata sete días despois, aínda que este período pode ser máis longo nalgunhas persoas. Nos nenos o tempo durante o que o virus pode contaxiar pode ser máis prolongado, incluso unha vez desaparecidos os síntomas da enfermidade.

O virus é moi estable en condicións de baixa temperatura e humidade, situacións que nas que soen predominar as actividades de interior e o contacto estreito entre persoas, favorecendo aínda máis a súa transmisión. Os colexios, residencias de anciáns, centros de coidados especializados e hospitais facilitan este contacto e adoitan ser orixe de abrochos de enfermidade, que poden diseminarse ao resto da comunidade.

Cómo actuar ante os síntomas da gripe A gripe é unha infección vírica moi contaxiosa, causada por un virus, que presenta síntomas como febre igual ou maior a 38º -sobre todo os dous primeiros días-, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea. A maior parte das gripes cursan de forma leve e se non ten factores de risco nin/ou signos de gravidade, a recomendación é quedar na casa ata que remitan os síntomas ou consulte por teléfono as súas dúbidas a través do 061.

Cómpre estar atento por se se presenta algún síntoma suxestivo de gravidade como dificultade para respirar ou dor no peito, convulsións, cor púrpura ou azul dos beizos, vómitos ou non poder reter os líquidos e ter signos de deshidratación (mareos ao estar de pé ou ausencia da micción). No caso dos nenos, os síntomas de gravidade a vixiar son respiración rápida ou dificultosa, cor gris azulada da pel, vómitos persistentes, dificultade para espertar ou interactuar, ou estar moi irritable.

Ante a aparición de calquera destes síntomas hai que solicitar unha consulta telefónica co seu médico de cabeceira ou dirixirse ao centro de saúde correspondente. No caso de atoparse dunha urxencia, fora do horario do centro de saúde, pode vostede recurrir ao 061, onde será atendido por profesionais sanitarios, ou ao Punto de Atención Continuada (PAC) que teña máis cerca. Sanidade recomenda facer un uso responsable dos servicios de urxencia dos hospitais, aos que se debe acodir ante a aparición de síntomas de gravidade.

Por outra banda, continúa activa a web temática da campaña, como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información sobre a enfermidade e a campaña de vacinación.

Síntomas máis leves nas persoas vacinadas

••• Os estudios mostran así mesmo que a vacina protexe máis fronte a hospitalizacións que fronte ao seu padecemento, xa que se ben se pode producir un cadro gripal en persoas correctamente vacinadas, este amosa normalmente unha sintomatoloxía moito máis leve. Factores como a idade avanzada e un estado inmunitario precario inflúen na súa efectividade, polo que a vacinación de persoas en contacto con estes pacientes –como familiares, coidadores e persoal sanitario– axuda a reducir o risco de hospitalización e morte.

•••En todo caso, é bastante habitual confundir a gripe con outras doenzas respiratorias, se ben a vacina da gripe só protexe fronte á infección polo virus desta enfermidade e non fronte a aquelas causadas por outros virus respiratorios, polo que unha persoa vacinada ten a mesma probabilidade de padecer catarros non gripais que u­nha persoa que non o estea. Así mesmo, fan falla 15 días para que a vacina empece a protexer, polo que si unha persoa está incubando a gripe nos días anteriores ou inmediatamente posteriores á inmunización, a vacina non protexerá.