El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Profesor do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña

David Peón Pose: “Estamos abocados a abordar a transición demográfica”

{ Pontevedra 1976} Ramón Olegario Peón Pose, doutor en Ciencias Económicas, é profesor do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña (UdeC), investigador do emprendemento nas áreas rurais e coautor do documento `Desafíos dunha sociedade avellentada e en declive” .

FOTO: Archivo ECG
FOTO: Archivo ECG

LUIS POUSA SANTIAGO  | 01.05.2017 
A- A+

Como garantir un mundo rural sostible?
É un problema complexo no que inciden varias cuestións: un proceso de desagrarización do medio rural, iniciado nos anos sesenta, sen emprego noutros sectores; as migracións que xerou arrastran décadas de despoboamento e envellecemento do medio rural; os desequilibrios territoriais no conxunto de Galicia e a dispersión son unha dificultade de acceso a servizos para poboación e empresas; e en xeral, para Galicia a o Noroeste peninsular, un devalo económico e demográfico que é en boa medida consecuencia dun modelo económico “radial e mediterráneo”. De aí que tras anos de acción de goberno, de plans desenvolvemento rural e fondos europeos seguimos sen dar coa solución.

No estudo que fixeron vostede e Melchor Fernández (`Desafíos dunha sociedade avellentada e en declive: desequilibrios territoriais e prestación de servizos´) esbozan algunhas ideas...
Os autores dese estudio nin temos as respostas nin temos solucións máxicas ao problema. Conformámonos con cumprir tres obxectivos. Primeiro, fomentar o debate: a este país chegou a hora de preguntarse como abordar a transición demográfica á que estamos abocados. Necesitamos consenso social e político. Segundo, clarificar o debate, pois non todo o que está acontecendo é negativo, e deberíamos apoiarnos no positivo para buscar solucións cooperativas que beneficien ao conxunto, e isto require consenso sobre cal é o modelo de país rural sostible que queremos para Galicia. E terceiro, ofrecemos unha tormenta de ideas en dos ámbitos: desequilibrios territoriais e prestación de servizos.

A división de Galicia en tres zonas a que criterios obedece?
Non pretendemos caracterizar as tipoloxías do rural en Galicia ou definir toda a súa problemática. Abordamos só dous síntomas dos mencionados _dinámica demográfica e desequilibrios territoriais_ para ilustrar que unha solución global ao problema debe partir do recoñecemento da moi distinta situación da que parten os territorios, e do papel que pode xogar cada un deles en función diso. Por tanto, atendendo a diversos criterios de densidade, dinámica demográfica, distancia aos principais nodos, a nivel comarcal e municipal, obsérvase un proceso de concentración nas Rías Baixas e nas área metropolitanas (1,5 millóns de habitantes), que pode estenderse a outros concellos na proximidades das vilas do Eixo Atlántico (uns 350.000 habitantes máis). No lado oposto, cos concellos de densidade moi baixa, inferior a 20 habitantes por quilómetro cadrado, e afastados das cidades a máis de 50 km, delimitamos a Montaña. No intermedio está a Galicia Central, con mais da metade do territorio e máis de 800.000 habitantes, con dúas cidades (Lugo e Ourense) e varias cabeceiras comarcais de poboación significativa.

Como deberían interaccionar entre eles eses territorios?
Lonxe dos xogos de suma cero propios dos enfoques localistas, o Eixo Atlántico é o que máis posibilidades ten de reverter a principal causa negativa do problema demográfico: a incapacidade da economía galega para reter e atraer capital humano. Se o Eixo Atlántico consegue ser motor económico do país e xerador de emprego estable, en particular para os xoves, o substancial da poboación que puidera gañar non procederá do rural de Galicia, onde a idade media supera os 50 anos. Na Alta Montaña, con 75.000 persoa de idade media de case 60 anos, non podemos pretender que a solución ao problema demográfico sexa autoxestionado. Podería ser fonte de riqueza, pero iso require da responsabilidade de todos galegos na xestión do noso patrimonio natural e ambiental, e na garantía de acceso a servizos públicos á poboación residente. Na Galicia Central abrimos o debate sobre en que medida podemos concentrar os esforzos nas vilas e cidades do interior. Aquí distinguimos o enfoque a aplicar na prestación de servizos básicos versus servizos excepcionais.

É factible un retorno de poboación ao rural co uso das TICs?
Debemos ser realistas: nas vindeiras décadas, tentar conter o devalo demográfico do rural é xa un obxectivo dabondo optimista. Ax tecnoloxías da información e da comunicación poden contribuir especialmente a mellorar a prestación de servizos á poboación residente.

O medio rural galego é máis diverso e heteroxéneo do que din as estatísticas?
As estatísticas pretenden reflictir a realidade, e cada vez contamos con máis e mellor información estatística. Si observamos que a heteroxeneidade do rural galego non se pode medir en termos de despoboamento, densidade ou dispersión (que tamén). Un elemento esencial, que xa se está utilizando, é un indicador relacionado coa prestación de servizos públicos á poboación, Non só dos que proporciona a Administración no núcleo residencial, senon a accesibilidade desde eses núcleos ós servizos que proporcionan as cidades.

TRAXECTORIA

TÍTULOS E CARGOS. Doutor en Economía pola Universidade da Coruña (UdeC) e licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago (USC), David Péon Pose é especialista en finanzas pola Finance University of London. Leva máis de dez anos na xestión de patrimonios e banca privada do Grupo BBVA. É profesor do departamento de Economía Financiera e Contabilidade da Universidad da Coruña.

INVESTIGACIÓNS. Forma parte do grupo de investigación GREFIN en Economía e Finanzas. Sendo as súas liñas principais de investigación a análise da xestión empresarial e o emprendemento nas áreas rurais, a economía da conduta e os mercados de crédito bancario. No ano 2011 participou na elaboración do Plan Financeiro de Energia de Galicia S.A (Engasa) para o período 2012-2017. Ten publicado numerosos artigos en revistas de investigación, entre outros, Over confindece and Risk Secking in Credit Markets: An Experimental Game (2015); A Behavioral Model of Credit Boom (2014); Using Behavioral Economics to Analyze Credit Policies in the Banking Industry (2012). É coautor do documento Desafíos dunha sociedade avellentada e en declive (2017).