El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A Deputación de Ourense outorgará a Carlos Casares a Medalla de Ouro da Provincia

Manuel Baltar anunciou hoxe na clausura do acto conmemorativo das Letras Galegas 2017, en Xinzo de Limia, que o goberno provincial concederá esta distinción, a título póstumo, a Casares,
Manuel Baltar anunciou hoxe na clausura do acto conmemorativo das Letras Galegas 2017, en Xinzo de Limia, que o goberno provincial concederá esta distinción, a título póstumo, a Casares, "excelente embaixador da Ourensanía". - FOTO: DEPUTACIÓN

D.O.  | 17.05.2017 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe en Xinzo de Limia, na clausura do acto conmemorativo do Día das Letras Galega 2017, dedicado a Carlos Casares, que a Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, ao escritor ourensán, "excelente embaixador da Ourensanía", afirmando que mañá xoves asinará a providencia para iniciar o expediente para a concesión da dita distinción, iniciativa que será levada ao pleno do presente mes de maio da corporación provincial.

O presidente do goberno provincial participou xunto a Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia; Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Hakan Casares, fillo do escritor e administrador da Fundación "Carlos Casares", no acto conmemorativo celebrado na capital limiá, que contou tamén cun recital da obra de Casares a cargo de escolares dos centros CEIP "Carlos Casares", CEIP "Rosalía de Castro", IES "Lagoa de Antela" e IES "Cidade de Antioquía", así como coa cantante María do Ceo, quen interpretou a canción "Xinzo".

Baltar afirmou que Ourense "é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega", e remarcou que para a provincia de Ourense "é un orgullo o labor creativo de fillos seus, como Carlos Casares, que fan país e fan Galicia".

Xinzo de Limia converteuse hoxe na capital da cultura galega coa celebración na Praza de "Carlos Casares" do acto central do Día das Letras Galegas 2017, ao que precedeu a celebración da sesión da Real Academia Galega, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, e o descubrimento dunha placa conmemorativa. Ademais, ao longo de toda a xornada teñen lugar diferentes actividades culturais na capital ourensá e en localidades da provincia para conmemorar a obra e a figura do escritor homenaxeado este ano no día das nosa letras.

O acto institucional de hoxe rematou coa interpretación do Himno Galego, a cargo da Banda de Música de Xinzo de Limia.