Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Martes 17.06.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es  |  RSS - Galicia RSS

política lingüística // o futuro no ensino

Educación insiste: "Máis galego nas aulas non vai compensar a súa menor presenza noutros ámbitos"

20.03.2010  Jesús Vázquez afirma que "o goberno non vai ceder ante a presión de grupos minoritarios" // Pese ás críticas das que é branco, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria está convencido de que o seu Decreto do Plurilingüismo é galeguista e contentará a maioría social // Cre que os prexuízos contra o galego están superados e que un plus horario nas aulas non compensará a menor presenza da lingua noutros ámbitos

2.9/5 [11 Voto/s]

64
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

IOLANDA CASAL • SANTIAGO

Jesús Vázquez Abad, no seu despacho da Consellería de Educación FOTO: Fernando Blanco
Jesús Vázquez Abad, no seu despacho da Consellería de Educación
FOTO: Fernando Blanco

Xa dá case por feito que será imposible o consenso, pero segue convencido de que ten o apoio da maioría da sociedade galega. Para o conselleiro de Educación, as críticas que se repiten sobre o borrador de Decreto do Plurilingüismo non representan a maioría social. Jesús Vázquez Abad cre que será moi difícil chegar ao acordo político, pero non porque a Xunta non o intentase, senón porque, ao seu xuízo, a oposición pecha os ollos á realidade social. Unha realidade na que, en contra do que advirten o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, non aprecia prexuízos cara ao galego. O seu proxecto de decreto reflicte, insiste, o "bilingüismo cordial"da rúa e mesmo é galeguista.

_ Un dos cambios do borrador de decreto con respecto ás súas bases é que se lle asigna un idioma a cada unha das chamadas materias troncais, ¿por que Ciencias Naturais e Ciencias Sociais en galego e Matemáticas en castelán?

_ Moitos organismos e institucións dixéronnos que sería mellor asignar linguas ás materias. As adscricións que fixemos obedecen a diversos factores, entre eles de tradición. Mantéñense en galego as materias que antes do decreto de 2007 xa se impartían neste idioma.

_ ¿Non se corre o risco de transmitir a idea de que o galego non é apto para as ciencias máis puras, de máis prestixio?

_ Non, evidentemente o galego e o castelán son igual de válidos para calquera materia. Facemos un repartimento que sexa consecuente co principio do equilibrio en horas e materias.

_ Pese a esa asignación, as familias poden mudar o repartimento en cada centro. Semella contraditorio co cambio introducido.

_ Nós o único que fixemos foi abrir a posibilidade de que os pais exerzan o dereito a opinar, que é algo que a sociedade estaba a demandar.

_ Pero a consulta será cada catro anos, así que haberá familias que elixan por outras en boa medida. Ese foi un punto xa moi criticado nas bases e mantense igual.

_ Os libros teñen que manterse por periodos de catro anos, por iso a consulta farase con esa periodicidade. A partir de aí, a sociedade e os pais probablemamente estean conformes. Quen maioritariamente fai as críticas é a xente que dende o primeiro momento, incluso o 1 de marzo, quixo xerar conflito. Nós demostramos vontade de diálogo, pero houbo institucións e grupos políticos que optaron por non presentar ningunha suxestión nin alegacións. Houbo incluso grupos que non quixeron reunirse con nós.

_ ¿A consulta farase co impreso da matrícula ou en urna?

_ Iso definirase a través dunha orde, pero primeiro hai que levar a cabo o decreto.

_ A estas alturas xa parece claro que non haberá consenso. O proxecto ten o rexeitamento da oposición e de institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura...

_ Ben, hai diferenzas, non se pode xeneralizar. ¿É dificil o consenso político? Se PSdeG e BNG están pechados á realidade social evidentemente é difícil chegar a un consenso, pero non porque este Goberno non o intentara.

_ O conxunto dos sindicatos da mesa de educación tamén critican con maior ou menor intensidade o texto. A consulta ás familias é rexeitada por todos.

_ Nun decreto hai moitos puntos e nunha negociación o que non se pode facer é levar a situación ao que certos grupos queren. O que non pode ser é que un goberno, que é a quen lle toca gobernar, teña que ceder ante presións de grupos minoritarios. Hai moitos que manifestaron o interesante que lles resulta o decreto con respecto a moitísimos puntos e artigos, pero cando a certos grupos non lles quedan criterios razoables para xustificar a súa posición pásase ao ataque directo. Este decreto é consecuente co galeguismo, coa sociedade galega, coa cooficialidade da lingua, co respecto ás liberdades e coa promoción do galego.

_ O Consello Escolar de Galicia criticou esta semana o relativo aos idiomas do proxecto de decreto da FP, ¿non teme que se repita o rexeitamento deste órgano ao Decreto do Plurilingüismo?

_ Intento non anticiparme ás situacións. Estamos aínda ante un anteproxecto que debe pasar pola mesa sectorial. Pero estou convencido de que ten a sociedade contenta, a todos os votantes do PP, á inmensa maioría dos do PSdeG e a moitos do BNG.

_ ¿Como se vai controlar o seu cumprimento? Parece que podería haber un movemento de insubmisión entre os docentes, ¿prevense sancións neses casos?

_ Os decretos están para cumprirse. É curioso que os mesmos que falan de insubmisión sexan os que denunciaron o incumprimento do decreto de 2007.

_ ¿Pero que faría a Consellería de Educación se chegasen a darse casos de obxección?

_ É que non vai chegar o momento. A inmensa maioría do profesorado vai cumprir coa futura normativa.

_ Vostede dixo que o problema do galego non é de coñecemento, senón de uso, ¿ve unha boa competencia entre a xente nova?

_ Estanse acadando niveis de competencia, e van ser avaliados co novo decreto, algo que non sucedía co do Bipartito.

_ ¿Pensa que lle é de abondo un 33% nas aulas ao galego cando é unha lingua que non está presente na maioría dos medios de comunicación, na literatura, en internet...?

_ Pero está no ensino, ¿verdade? Pero impoñer e elevar [a súa presenza] é o grande erro que se cometeu, pensar que a inmersión lingüística favorece a cordialidade, cando o que provocou foi o efecto contrario.

_ Pero no tocante ao dominio, ¿ese 33% non se pode quedar cativo?

_ Non, o decreto garante a adquisición de competencias, é o noso compromiso.

_ Non é iso o que din a RAG, o Consello da Cultura e moitos pedagogos expertos en linguas...

_ Ben, pero hai moita outra xente que manifesta o contrario. Aquí a inmensa maioría da sociedade falamos galego. A xente coñece e fala tanto galego como castelán.

_ ¿Non comparte a idea de que o galego precisa un plus na escola para compensar a súa escasa presenza en distintos ámbitos.

_ Se o plus é unha porcentaxe superior, non. Penso que hoxe Galicia ten unhas condicións de bilingüismo cordial que se gozan na rúa. E é precisamente baixo esa cordialidade como se pode promocionar o galego, estou convencidísimo.

_ ¿Entón considera que a diglosia está erradicada, que xa non hai prexuízos cara ao galego?

_ Eu non os teño.

_ ¿Pero cre que non existen maioritariamente na sociedade galega actual?

- Evidentemente. A sociedade galega demostrou ser moi intelixente e moi aberta.

O conselleiro de Educación, nun momento da entrevista FOTO: Fernando Blanco
O conselleiro de Educación, nun momento da entrevista
FOTO: Fernando Blanco

_ ¿Daquela cal é o motivo de que non se use o galego? Segue a perder falantes.

- Agora estamos falando.

_ Hai estudos que indican unha perda progresiva de falantes.

- Ben, hai que preguntarlles [á oposición] que se incrementou co decreto de 2007.

_ Só estivo dous cursos en vigor. Quizais sexa pouco tempo para avalialo.

- Poderiamos dicir que provocou o efecto contrario [ao buscado], rexeitamento [cara ao galego].

_ ¿Quere dicir que considera que levou á perda de falantes?

- Penso que se perderon falantes, díxeno o primeiro día e sígoo manifestando. Dende logo o decreto de 2007 provocou e está a provocar rexeitamento cara ao galego nas novas xeracións.

_ Hai unhas semanas o Parlamento pediulle por unanimidade aos cargos públicos da Xunta que empregen o galego, ¿que lle parece esa proposición?, ¿deberían dar máis exemplo os políticos?

- Paréceme moi ben que en todos os niveis todos os grupos políticos usen o galego, pero é verdade que hai que respectar tamén a liberdade individual. O que non me vale é a crítica que se adoita facer desde a esquerda. Parece que eles si utilizan o galego, cando temos claros exemplos de altos cargos e alcaldes que non o empregan, aínda que eu non me meto niso, porque como conselleiro gústame e quero falar galego, pero tamén hai que recoñecer o dereito individual das persoas.

_ Volvendo ao coñecemento da lingua, ¿está conforme co grao de correción no seu uso dos nosos políticos? Semella que unha parte deles igual non pasaría un exame da ESO na nosa lingua, por dicilo dalgún xeito.

- Quizais iso foi unha das cuestións que máis polémica creou nos últimos anos. Incluso a xente que sempre falou galego non recoñece o que falan algunhas persoas. Son cuestións típicas que se reiteran no tempo.

_ ¿Pero non aprecia un dominio cativo en moitos dos políticos?, ¿non é momento de que dean un paso máis e ademais de apelar ao seu uso melloren a calidade da súa lingua? Hai quen fala máis castrapo ca galego, e cabería esperar que fosen exemplo para o resto da sociedade.

- Eu aprecio que a xente fai esforzos por falar o galego ao que tivo acceso. No meu caso amoso interese por perfeccionalo, pero igual que teño interese por mellorar o castelán e o inglés.

_ ¿Introducirase o inglés progresivamente, aumentando a súa presenza coa idade?

- No tema das linguas estranxeiras traballaremos sobre tres eixes: o alumnado, o profesorado e os centros. Presentarase un plan coherente, consistente, e na medida das posibilidades económicas iremos desenvolvéndoo. Non podemos renunciar a isto, é un dos grandes déficits da nosa mocidade, mesmo con respecto á xente que ten a cinco quilómetros, na zona norte de Portugal. Pero a introdución do idioma estranxeiro será voluntaria e progresiva, aínda que con pasos decididos.

_ ¿Garantirase o equilibrio entre o rural e as cidades? Fálase de que o profesorado que dea clases en inglés terá vantaxe nos concursos de traslados, e os destinos máis preciados son urbanos.

- Haberá que establecer medidas que compensen esa situación. Con Abalar (o programa de dotación de ordenadores portátiles ao alumnado) contemplamos un pequeno plus con Lugo e Ourense, para favorecer esa Galicia única. Estamos a falar dun sistema público único no que hai que garantir a igualdade de oportunidades.

NA AULA, LIBROS NO IDIOMA DA MATERIA

Material complementario trilingüe

_¿Aproveitaranse os libros de préstamo aínda que non se correspondan coa lingua da materia?

_Estamos aínda a traballar niso. Intentaremos ser coherentes.

_¿As familias sen bolsa para a súa compra escollerán o idioma?

_Na aula o libro de texto será sempre na lingua da materia. A nivel individual, as familias poderán utilizar na casa os que queiran. Pero quero remarcar que a Consellería introducirá material de acompañamento complementario en todas as linguas, de maneira que ao alumnado lle poida resultar máis fácil [estudar].

_¿Quere dicir que haberá material complementario para todas as materias en galego, español e inglés?

_Si, vai habelo nas tres linguas para favorecer o plurilingüismo, a adquisición de competencias en galego e castelán e dar pasos na lingua estranxeira.

icasal@elcorreogallego.es

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS